CAMERA OBSCURA: JODIE MACK

Todos os contidos online desta edición poderanse ver en aberto e de xeito gratuito na nosa web (www.s8cinema.com) do 28 de maio ao 6 de xuño de 2021 (ambos os dous incluídos).

De 1972 a 1981, Robert Gardner conduciu un programa na televisión pública de Boston que co paso do tempo se transformaría nunha serie de culto e nun referente para a comunidade do cinema experimental: Screening Room. Por el pasaron os cineastas de vangarda máis relevantes do seu tempo, a quen Gardner entrevistaba en profundidade ademais de dar aos telespectadores a oportunidade de coñecer a súa obra incluíndo no programa algunhas das súas pezas. En 2020, pensando en novas formas de expandir e difundir o cinema experimental (empurrados polos tempos que corren, mais tamén propulsados polas facilidades que nos dan a tecnoloxía e internet), o (S8) inspírase no mítico programa de Gardner (tendo tamén en mente o Cinéastes de notre temps de Janine Bazan e André S. Labarthe) para crear Camera Obscura, un programa emitido en streaming nun formato renovado e adaptado ao noso tempo, cunha estética peculiar e unha clara vocación creativa. Nel coñeceremos a fondo os procesos de traballo dun grupo de cineastas e ao mesmo tempo gozaremos dunha pequena mostra das súas pezas. O nome do programa, Camera Obscura, alude a ese enxeño luminoso que impulsou a pintura e imaxinou o cinema séculos antes da súa creación, un dispositivo a través do cal un raio de luz procedente do exterior proxecta imaxes en movemento no interior dun cubículo escuro. Así, o (S8) quere ser ese raio de luz que viaxa polas ondas para proxectarse en calquera cuarto imaxinable do mundo.

Dende o comezo da súa actividade a mediados dos 2000, Jodie Mack revelouse como unha das cineastas máis brillantes do noso tempo. Cunha concepción única do traballo fotograma a fotograma (guiada por unha creatividade sen límites e un extenso coñecemento da animación experimental), Mack parte do collage no sentido máis estrito para emprender unha extensa investigación arredor dos téxtiles, en animacións abstractas nas que patróns e cores son protagonistas, indo alén do formal para propoñer unha aguda visión da historia da arte abstracta, a cultura popular e as súas implicacións políticas. Unha liña de traballo que acada o seu cumio na explosiva The Grand Bizarre, unha peza máis dun corpus que pon en xogo os residuos desta sociedade consumista nun exquisito traballo coa luz, as formas, as texturas, a combinación de fotogramas, os ritmos e un imaxinativo uso do son e da música. De todo isto falaremos neste Camera Obscura, ademais de ter ocasión de ver algunhas das películas de Mack.

Blanket-Statement-#2