ESPECIAL SINAIS EN CURTO: MARTA VALVERDE
Todos os contidos online desta edición poderanse ver en aberto e de xeito gratuito na nosa web (www.s8cinema.com) do 28 de maio ao 6 de xuño de 2021 (ambos os dous incluídos).
Sinais en curto, sección na que recollemos unha escolma de traballos galegos recentes na liña do espírito do festival, vólvese desdobrar nesta edición: por unha banda teremos a nosa habitual sesión en sala con coloquio posterior; pola outra, creamos unha serie de programas especiais online, un por cada un dos cineastas que forman parte desta selección, nos que poderemos descubrir un pouco máis a fondo o traballo e mailas inquedanzas de cada un deles, e nos que teremos ocasión de ver pezas extra alén das incluídas na sesión en sala.
MARTA VALVERDE
A fluidez á hora de moverse entre disciplinas anima o traballo de Marta Valverde: ademais de asinar pezas audiovisuais monocanle como as que aquí presentamos (Blanco y fucsia e El tiempo suspendido), achégase ao traballo multipantalla, o live cinema, a fotografía, a instalación e os visuais para teatro e representacións escénicas. Como ela mesma sinala, os seus intereses diríxense cara á intimidade, a memoria e a autobiografía en obras que se expanden, tal e como ocorre en Blanco y fucsia, alén da pantalla. Un traballo que captura o espírito do seu tempo e os códigos da súa xeración do único xeito posible: a través dunha obra híbrida cunha fonda conciencia estética, na que o persoal é o universal.
- Blanco y fucsia | Marta Valverde, España, 2020, vídeo HD, 11 min.
- El tiempo suspendido | Marta Valverde, España, 2017, vídeo HD, 3 min.