ENCONTROS PROFESIONAIS

AULA CREA | COORDINADORA DEL CORTOMETRAJE ESPAÑOL. ESPAZOS DE DIÁLOGO E PROMOCIÓN PARA O CINEMA DE VANGARDA.

Venres 4 de xuño | 13:30 h | SALA (S8) PALEXCO | Reserva aquí a túa entrada gratuíta

A Coordinadora del Cortometraje Español pon en marcha a plataforma Archivo del Cortometraje Español, un espazo plural, diverso e integral que persegue a promoción, difusión e visibilización da curtametraxe producida no Estado español no ámbito internacional, sen deixar tampouco de atender á súa divulgación dentro das nosas fronteiras. O enfoque desta plataforma é diverso, transversal e inclusivo, concentrado iniciativas públicas e privadas, cineastas, artistas, asociacións, festivais e empresas, e ofrecendo unha imaxe de conxunto do sector da curtametraxe en toda a súa riqueza e variedade.

De xeito paralelo á presentación desta nova iniciativa, dos seus obxectivos e mais dos próximos pasos a seguir, proponse iniciar durante esta xornada un debate e unha reflexión para detectar as necesidades e particularidades do eido do cinema experimental e de vangarda. O obxectivo deste debate é a creación dun grupo de traballo que dea respostas a todas estas necesidades e desenvolva accións e ferramentas específicas que permitan dar unha maior difusión e pulo ás obras cinematográficas de vangarda e aos artistas detrás delas, así como fomentar a creación dunha rede de traballo na que tamén participen espazos, proxectos, institucións e festivais que as promoven e exhiben. Dende a Coordinadora somos conscientes de que o cine experimental e de vangarda ten ás veces un compoñente máis individual que outros formatos cinematográficos e videográficos, pero tamén cremos firmemente que a colaboración colectiva é necesaria para acadar unha maior divulgación e visibilización destas propostas tanto no nivel profesional como entre o público xeral.

A cargo de Jorge Rivero, presidente da Coordinadora del Cortometraje Español.