DIDÁCTICA

XPRESA: TALLER DE INCLUSIÓN SOCIAL

Seguindo o espírito do festival que concibe o cine como arma de autocoñecemento e exploración dos sentidos e as emocións, nace Xpresa: un espazo que, lonxe de achegar un proceso de creación tradicional a persoas de capacidades diversas ou en risco de exclusión social, lles brinde un mecanismo a través do cal poidan experimentar e expresar as súas propias capacidades a través da creación libre e estimulante de pezas cinematográficas persoais, feitas dende os sentidos e dende a intuición previa ao aprendido.

Unha iniciativa que nos últimos anos ten contado coa colaboración de asociacións locais, como é o caso da Asociación Galega de Asperger – ASPERGA, a Fundación Adultos Discapacitados da Coruña – ADCOR e o Centro de Menores San José de Calasanz, ás que se achega o traballo dos cineastas invitados: en edicións anteriores, Xpresa contou con obradoiros impartidos por cineastas como Pablo Mazzolo e Jeannete Muñoz.

Andrés Duque. Unha película improvisada
A experimentación no cine é a forza creativa que inxectamos ás historias para que nos conten segredos nunca antes contados. Formas novas que serán para a historia unha estratexia innovadora e creativa. Con este obradoiro estudaremos algúns cineastas que dedicaron toda a súa vida á experimentación audiovisual e, xunto a eles, poñeremos en práctica os seus achados xerando así un material que nos permita construír unha película improvisada.

O cineasta español nado en Venezuela Andrés Duque impartirá o obradoiro Unha película improvisada dentro do marco de Xpresa. O seu traballo, situado no campo da non-ficción cun forte carácter ensaístico, ten percorrido os máis destacados festivais e centros de arte internacionais, sendo autor de obras como Iván Z (2004), Color perro que huye (2011), Ensayo final para utopía (2012), Oleg y las raras artes (2016), e Carelia: Internacional con monumento (2019), entre outras.