JUAN SEBASTIÁN BOLLAÍN
SEXAMOS REALISTAS, PIDAMOS O IMPOSIBLE
Martes 1 de xuño | 19:00 h | Filmoteca de Galicia | Reserva aquí a túa entrada gratuíta
Que non se entenda mal o feito de comezar este texto cunha das consignas máis famosas de maio do 68 (atribuída a Herbert Marcuse, aínda que se trata máis ben dun refundido dalgunhas das súas ideas en forma de slogan). Se a empregamos na nosa introdución ao cinema de Juan Sebastián Bollaín non é para conectalo con loitas estudantís ou obreiras, senón para resaltar o enxeño e maila lucidez que hai detrás das disparatadas utopías que aparecen nas súas películas. Cómpre a ousadía revolucionaria de proxectar o imposible nun mundo no que a realidade ten tornado tan estreita que resulta sufocante. E igual que cando descubrimos a Fourier ou a Morris (velaquí o título destas obra de Morris para saber de que estamos a falar: Como vivimos e como poderiamos vivir, Traballo inútil ou esforzo inútil) sentimos o alivio dunha clarividencia esperanzadora, ao comprobar que no cine de Bollaín se sente a ledicia de ver que alguén con coñecemento de causa (ademais de cineasta, é urbanista e arquitecto) proxecta cidades pensadas en torno ao pracer, a ese provocativo “como poderiamos vivir” que dispara as imaxinacións.
Nado en Madrid en 1945 e transplantado a Sevilla con 9 anos, Bollaín comezou a formarse como cineasta de xeito autodidacta aos 14 anos, cando recibiu unha cámara de 8mm como agasallo. Segundo conta Bollaín, que daquela non vira moitas películas, ao comezar a filmar foi “inventando o cinema”, os seus procedementos e linguaxes. Dende aquela, o cine converteuse nunha parte importante da súa vida, dende as “ficcións psicanalíticas” e os documentais da súa xuventude ata as longametraxes de ficción ou as series que realizou para a televisión. No medio de todos estes labores dedicouse tamén á arquitectura e ao urbanismo. Unha obra profusa, da que queremos destacar unha serie de películas creadas nos 70 que constitúen un acontecemento insólito dentro da historia do cine español, uns filmes nos que o afán pola experimentación formal se une a un sentido do humor e un espírito visionario singulares.
No primeiro programa que lle dedicamos recollemos dúas encargas dos colexios de arquitectos de Sevilla e mais de Cádiz respectivamente. O primeiro é La Alameda ’78, unha película coa que se buscaba un rexistro da configuración urbana e a idiosincrasia deste barrio sevillano, daquela ameazado por un agresivo plan urbanístico que, de terse realizado, tería varrido os veciños e modificado a zona sen posibilidade de retorno. Cunha montaxe creativa, afastada da usual relación de son e imaxe, Bollaín recolle os testemuños dos veciños, que falan dos lazos comunitarios do lugar marcado pola marxinalidade, que no pasado fora zona de festas flamencas a altas horas da madrugada, e que no momento da realización do filme se tiña convertido en foco de prostitución e fogar das clases humildes. Pero La Alameda ’78 vai alén da documentación: a película deixa ver o proceso da súa propia manufactura, e ademais aproveita o valor do alegórico nalgunhas secuencias nas que se emprega unha maqueta da zona. Unha maqueta que ao comezo da película está a ser poxada á mellor oferta nun mercado (como estaba a piques de ocorrer coa verdadeira Alameda) e vai sufrindo outras tantas inclemencias que resultan en potentes imaxes. Por outra banda, C. A. 79. Un enigma del futuro responde a unha encarga similar en relación a un proxecto de ensanche da cidade de Cádiz (cidade de difícil expansión por ser un istmo) que nunca se chegou a realizar. Bollaín usa aquí unha estratexia diametralmente oposta e, no canto de fixarse no pasado ou no presente, crea unha película de ciencia ficción na que a problemática presente se discute dende un futuro remoto (ano 4000) no que uns arqueólogos descobren vestixios que representan un enigma para eles, o dunha cidade desaparecida misteriosamente. Unha forma de dar a volta ao que sucede no presente dende unha lóxica despegada de todo.
A segunda sesión trae á fronte a súa famosa tetraloxía Soñar con Sevilla: Sevilla tuvo que ser, Sevilla en tres niveles, Sevilla rota e La ciudad es el recuerdo. Trátase de catro películas realizadas en super 8 a partir dunha beca de investigación urbanística da Fundación Juan March da que saíu tamén un traballo teórico (El cine y el hecho urbano), nas que a través de imaxinacións disparatadas, levadas a cabo tanto mediante a performance como mediante imaxinativas fotomontaxes e efectos especiais, imaxinaba unha Sevilla utópica. Sendo Sevilla unha cidade na que a tradición ten un peso capital, e que conta cunha paisaxe urbana marcada por séculos de historia, son dobremente iconoclastas as ideas de Bollaín, que se articulaban en torno ao hedonismo e a participación cidadá, ridiculizando os mandatos do capitalismo e das mentalidades conservadoras. Completan esta sesión heterodoxa dúas obras que falan do espírito inquedo e experimental de Bollaín: por unha banda, unha selección do Seguimiento del rostro de Felipe, un particular rexistro do crecemento do seu primeiro fillo. E por outra banda, un testemuño do seu traballo á fronte da Sección de Cine Experimental de Arquitectura, que fundou xunto a Jaime López de Asiain (e dirixiu de 1967 a 1971) na Escola de Arquitectura de Sevilla, na que se pretendía explorar as posibilidades expresivas do cinema para plasmar unha visión crítica da arquitectura a través do estudo tanto de edificios históricos como de modernas unidades habitacionais.
PROGRAMA 1
LA ALAMEDA’78 | Juan Sebastián Bollaín, España, 1978, 16mm a vídeo, 40 min.
“…Tratábase dun debate sobre o que se podía facer con La Alameda, porque daquela había un proxecto de Concello para derrubar o que había e construír bloques, unha decisión á que se opoñía o Colexio de Arquitectos. Os arquitectos dicían unha cousa; o Concello, outra; os veciños, outra. Eu fixen unha especie de película debate, con moitas imaxes e opinións de persoas, pretendendo, ademais, convertela nun espectáculo; quería que o resultado fose atractivo, que permitise á xente pasalo ben, emocionarse e pensar, xulgar criticamente. Para min, esa é sempre a esencia dunha película”. (Juan Sebastián Bollaín)
C.A. 79. UN ENIGMA DE FUTURO | Juan Sebastián Bollaín, España, 1979, 16mm, 30 min.
No ano 4000 hai bastante tempo que Cádiz ten desaparecido. Un grupo de arqueólogos extrae obxectos dun xacemento xunto ao mar, onde parece que estivo a cidade. No medio do traballo cotián do gran laboratorio, a parella de protagonistas vese sorprendida por unhas estrañas referencias a algo denominado Cádiz 3. A partir dese momento, e co obxecto de descubrir a verdadeira causa da destrución de Cádiz, iniciarase unha busca que deberá conducir á aclaración do enigma. Con este pretexto establécense diversos contactos co Cádiz de 1979, cos seus costumes, os seus problemas, e indágase na opinión de persoas claves na vida da cidade e na política municipal, por medio de entrevistas en vídeo a través dos séculos.