VAL DEL OMAR
O CINEMA COMO ELEMENTO
Sábado 5 de xuño | 18:30 h | Filmoteca de Galicia | Reserva aquí a túa entrada gratuíta
José Val del Omar (Granada, 1904) é unha figura esencial e ao mesmo tempo insólita, no só no panorama nacional senón no mundo enteiro: un cineasta unha visión poética inconfundible, inventor, místico e visionario. A súa clarividencia ten sido obxecto de numerosos estudos, publicacións, exposicións e retrospectivas por todo o mundo, nun esforzo incesante por dar a coñecer e preservar a súa obra. Porén, para acabar de situar a Val del Omar no lugar que lle corresponde no contexto da vangarda internacional, faise preciso conectar a súa obra un contexto máis amplo, de xeito que sexa posible recoñecer e sinalar a súa transcendencia na historia da arte.
Val del Omar, o cinema como elemento é un programa que parte do seu Tríptico elemental de España coa idea de poñer en relación o legado de José Val del Omar co panorama do cine internacional pasado, presente e futuro. Cremos que é importante dotar a Val del Omar dun contexto que poña en evidencia o seu espírito visionario e pioneiro. Val del Omar, que foi un artista total, un poeta do cine, un técnico de visión expandida e un místico, preséntase case sempre coma unha rara avis, un francotirador solitario que foi quen de inventar o cinema experimental el só dende as distintas localizacións dos seus laboratorios ao longo do século XX, ata a súa morte en 1982. O que pretendemos a través deste programa é situar o seu traballo a carón do de figuras que viviron no mesmo tempo ca el, e que dende núcleos cosmopolitas, e formando parte de diversas escolas e correntes artísticas, chegaron practicamente aos mesmos descubrimentos e conclusións que Val del Omar: deste xeito, o seu traballo insírese nunha historia global do cine e da arte de vangarda. Por outra banda, unha boa parte do programa inclúe películas de creadores contemporáneos nas que o seu pulso ou os seus descubrimentos seguen presentes, ben como influencia directa ou indirecta. Desta maneira evidénciase a atemporalidade dos seus achados, aínda vixentes no cine do presente.
O programa, que funciona coma un espello co Tríptico elemental de España, recolle algunhas das ideas formais presentes no mesmo, ao tempo que propón un recorrido polos elementos dos cales se compoñen as súas películas.
PROGRAMA 1: TRÍPTICO ELEMENTAL DE ESPAÑA
Obra monumental de Val del Omar que cruza España de norte a sur, de Galicia a Granada pasando por Castela, a través dos seus elementos: terra, lume e auga. As películas concentran unha riqueza simbólica e poética estarrecedora, xusto o que Val del Omar buscaba cos enxeños que creou para dar forma a cada unha delas. O primeiro é o Desbordamento Apanorámico da Imaxe, un antecedente do cinema expandido. Consistía nun dispositivo óptico mediante o cal se proxectaban imaxes destinadas ao campo extra-foveal da visión, patróns abstractos que toman a sala de cine desbordando a pantalla. O segundo é o Son Diafónico, sistema de son no que a distribución de canles sonoras pola sala se configura de acordo co obxectivo de provocar unha conmoción psicolóxica no espectador. E, finalmente, a TactilVisión, un sistema de cine en 3D logrado a partir de rápidas sucesións de luces en direccións e patróns cambiantes sobre a escena. Ademais, as películas empregan numerosos recursos do cine de vangarda como time-lapses, ralentís, o uso de filtros deformadores, a alternancia de positivo e negativo, e todo tipo de recursos visuais e sonoros de radical beleza, que o conectan con correntes que van dende o cine das primeiras vangardas ata os flicker films.
Val del Omar mesmo dispuxo o Tríptico (que foi completado postumamente coa montaxe de Javier Codesal, segundo as instrucións de Val del Omar, de Acariño galaico) en orde cronolóxica inversa.
ACARIÑO GALAICO (DE BARRO) | José Val del Omar, España, 1961-95, 35mm, 24 min.
Viñemos pola auga – fixéronnos de barro –
o lume da vida – vainos secando –
Pasamos a paixón – que nos consome o zume –
da risa e o pranto.
E ao final quedamos – sen xesto – aprisionados.
(Val del Omar)
FUEGO EN CASTILLA (TACTILVISIÓN DEL PÁRAMO DEL ESPANTO) | José Val del Omar, España, 1958-60, 35mm, 17 min.
Castela preséntase sen cor, sen melodía, sen timbres e sen palabras. É un monorritmo jondo dun tremor cego de unllas, ante o mundo que está próximo ou propicio a somerxerse no grande espectáculo da invasión de Val das Diferenzas polo Lume que nos reintegra á Unidade. (Val del Omar)
AGUAESPEJO GRANADINO (LA GRAN SIGUIRIYA) | José Val del Omar, España, 1953-55, 35mm, 23 min.
Un día ouvín pedir ao Federico da miña terra: “Señor, dáme oídos que entendan as augas”. E agora son eu o que vos pido que mos prestedes para oílas. Porque no sinto como meu o camiño real das emocións directas, teredes de saír ao encontro desta pequena senda de imaxes e gritos que discorre veloz e ás veces oculto polo medio da herba. (Val del Omar)