PABLO MARÍN POR STEPHEN BROOMER

Mai 31, 2021 | Artigos, Destacados

Xuntamos aquí a dous “vellos amigos” do (S8): Pablo Marín, a quen este ano dedicamos un Camera obscura, e o cineasta e investigador canadense Stephen Broomer. Broomer escribe sobre Marín no seu artigo publicado en Desistflim, “Indivisible River: Films by Pablo Marín”, do que hoxe publicamos o extracto relativo a Denkbilder, película incluída no programa.

Marín fixo Denkbilder (2013) entre dúas cidades, nun proceso que el mesmo describe como “a construción de algo próximo a unha cartografía de recordos”. Imaxes do natural tomadas en Buenos Aires mestúranse con fotografías de escenas da rúa e retratos de animais filmados no zoolóxico de Berlín. Un oso polar, un hipopótamo, unha cabra, un tigre, forman unha capa contra a que Marín sobreimprime imaxes pestanexantes e escintilantes de orixe ambigua. O acto estético central do filme é o da alternancia de fotogramas; unha imaxe é fracturada, interrompida por fotogramas en negro, e detrás dela hai outra capa de imaxes estable (continua). A película comeza coa luz tenue e distante do sol reflectido en auga de chuvia. Sobre isto aparecen unhas árbores, uns poucos fotogramas con imaxes divididos por uns poucos fotogramas en negro. As árbores pestanexantes dan paso ao farol dun aparcadoiro, que xira coma un móbil. O sentido xeométrico da composición de Marín recorta triángulos no ceo cos ángulos de pedra que debuxan os contornos dos edificios. A silueta dunha muller, de perfil, é a principal presenza humana na película. Máis adiante vemos as súas pernas e un cigarro na súa man, sobreimpresos sobre as accións estroboscópicas que avanzan secuencia a secuencia. As imaxes intermitentes pasan de composicións estables (constantes) a zooms, avanzando e retrocedendo con cada alternancia. As composicións, do mesmo xeito, son rapidamente reencadradas ao longo dos eixes verticais e horizontais, a orientación da imaxe mergúllase así no fluxo. Se xoxo xurdía de estruturas preconcibidas (a performance corporal, as panorámicas gráficas), Denkbilder desenvólvese ao longo dunha liña máis intuitiva, en continuidade con filmes anteriores de Marín coma Diario colorado, na súa apertura ao milagre da visión. Este xeito improvisado de filmar, considerado dentro da estrutura das súas ideas formais (unha vibrante presenza-e-ausencia), leva as súas ideas estruturais a renderse ante as asociacións casuais.

PUBLICACIÓNS RECENTES