A MECÁNICA DA LUZ. O CINEASTA-CAMARÓGRAFO

Xuñ 2, 2021 | Artigos, Destacados

“Decatáronse de que todos os discursos que poden pronunciarse sobre o filme, sobre o cinema (e hainos a moreas), parten a priori da existencia non significante dun aparello produtor de imaxes que se pode empregar indistintamente para isto ou para aquilo, a esquerda e dereita?”. Apropiámonos aquí interesadamente dunha cita de Comolli no seu Técnica e ideoloxía (onde en realidade fala de como a cámara non é un invento neutral, senón que está cargado de ideoloxía burguesa e mais dunha idea de perspectiva herdada do Quattrocento), para falar deste programa que este ano dedicamos á cámara de cine, ou á idea de cámara de cine. Gran parte do cinema que se produce e se ve, en efecto, parte da premisa dunha ollada omnisciente na que a intervención do aparello produtor das imaxes que vemos é borrada ou ocultada. O cine como vehículo transmisor de historias non revela as súas costuras. No cinema experimental dáse unha circunstancia que o separa, a estes efectos, deste outro cine: polo xeral o cineasta experimental exerce tamén de “camarógrafo” nos seus filmes. O xeito de operar aquí, sen xerarquías nin equipos de rodaxe, fai que se estableza de entrada outra relación moi distinta cos medios técnicos que fan posible o cinema, moito máis íntima e directa. A cámara é o instrumento do artista, existe un coñecemento profundo e un sentimento de apego. Un instrumento que trae implícitas unhas posibilidades e unhas limitacións, e cuxo manexo invitou a moitos artistas a facer películas que reflexionan sobre a súa condición, como veremos a través deste programa.

Temos así o “filmador filmado”, o autorretrato do cineasta co seu instrumento, que toma distintas formas da man do austríaco Dietmar Brehm, do francés Christian Lebrat, e do xaponés Jun’ichi Okuyama. Temos a idea dos elementos protéticos que se engaden á cámara, nunha operación que fai referencia directa ou indirecta aos seus propios mecanismos: dende o obturador-zootropo de Lebrat, aos cristais e filtros de Yonay Boix, ao obturador externo e reflector de Chris Welsby, ata chegar ás aberturas “tuneadas” de Pablo Marín. A seguinte sección do programa ocúpaa un pequeno gabinete de curiosidades: o que integran as diferentes cámaras que unha serie de cineastas idearon e construíron para facer os seus filmes. Temos así tres versións da idea da cámara estenopeica, a cámara básica e primixenia: o deseño vertical de 16mm de Paolo Gioli, a cámara estenopeica casual na que se pode converter, pola súa propia condición, o cartucho de super 8, e as cámaras que, con ese mesmo principio, Philipp Fleischmann constrúe, adaptando a súa forma ao espazo arquitectónico que filma. Finalmente, pechamos cunha película que esperamos sexa o fío condutor dunha segunda parte deste programa en vindeiras edicións: Projector Obscura, na que Peter Miller transforma os proxectores de diferentes salas de cine en cámaras.

PUBLICACIÓNS RECENTES