TOMONARI NISHIKAWA. PRIMEIRA EXPOSICIÓN

Xuñ 4, 2021 | Destacados, Entrevistas

En 2020, durante os meses de corentena, mantivemos unha breve correspondencia con Tomonari Nishikawa, unha entrevista que se materializaría finalmente no noso programa de Camera obscura dedicado ao seu traballo. Reproducimos aquí parte desa correspondencia, na que Nishikawa fala do seu encontro co cinema.

Cal for a túa primeira exposición ao cinema experimental? Que te levou a pensar que sería o medio máis axeitado para expresarte?

Diría que foi cando fixen un curso na Universidade de Binghamton chamado “Expresión e innovación en cinema e vídeo”, aínda que vira algunhas longametraxes experimentais antes desta experiencia, cando aínda estaba no Xapón. Creo que foi a miña exposición ao cinema experimental na aula e en eventos públicos, así coma na miña propia práctica cinematográfica, o que gradualmente me foi facendo pensar que esta era a maneira na que quería traballar.

De acordo coa túa páxina web, o teu primeiro filme é Apollo. Foi realmente o primeiro? Como deches con esa idea, cales son os intereses detrás do proxecto?

Fixen moitos exercicios na clase antes de Apollo, que foi o meu traballo final en Binghamton, e foi o primeiro filme que mandei a festivais. Interesábame o funcionamento da proxección, especialmente o movemento aparente e como o sistema da banda sonora óptica podía producir son a partir de información visual. Tamén tratei de expresar a materialidade do soporte do cinema no celuloide. Como veredes, a película consiste en moitos fotogramas fotografados individualmente, incluíndo unha parte que foi filmada cunha cámara fotográfica de 35mm de xeito que unha soa foto se expande por múltiples fotogramas na fita de 16mm, así coma na área reservada para a banda de son óptico. Coa axuda da miña titora, Julie Murray, tamén tentei conseguir unha retícula, e rematei cociñando literalmente a película nunha tixola con auga e carbonato de sodio na miña cociña, ás escuras.

Canto aos Sketches, fixéchelos en super 8: supoño que porque era unha maneira máis barata de traballares coa película, así como pola lixeireza da cámara. Isto é así ou tiñas outras cousas en mente ao facer esta elección? Paréceme moi interesante o teu intenso traballo fotograma a fotograma aquí, e a investigación do medio. Pódesme falar dos intereses detrás destas películas e de como foron evolucionando dun Sketch a outro (e tamén das diferenzas entre os que están feitos en super 8 e os que están feitos en cor)?

Si, escollín o super 8 porque era barato e porque era fácil levar a cámara ás costas. Quería traballar nun proxecto que funcionase coma un exercicio diario de filmación fotograma a fotograma: o super 8 era perfecto para iso, e usei a miña cámara favorita, a Canon 514XL. Como son bosquexos, e exercicios, non pensei moito na estrutura de cada Sketch Film, senón que partía dunhas poucas ideas para certas secuencias, como unha liña movéndose de esquerda a dereita e facendo un triángulo usando tres fotogramas. Logo fóronseme ocorrendo outras ideas mentres ía camiñando e atopando unha composición particular para o seguinte cadro na rúa. Cando o contador de película marcaba 45 pés, facía avanzar a película para deixar uns fotogramas en negro, sacaba o cartucho e comezaba o seguinte. Deixei de traballar neste proxecto cando ía polo sexto Sketch, que aínda teño na neveira. Parei cando marchei de San Francisco. Para o Sketch Film #4, concentreime máis nas cores, preguntándome se parecería como se diferentes cores estivesen a mesturarse ao seren proxectadas. No Sketch Film #5, concentreime máis en formas orgánicas. Tamén revelei eu mesmo cada película, usando un tanque JOBO, agás o Sketch Film #4, que foi filmado en Kodachrome, e risquei a data na que o recibín de volta de Dwaine’s ao final da bobina. Non editei as películas tras revelalas, pois daquela perderían a súa esencia de bosquexos. Outra idea que tiven para este proxecto foi usar os Sketch Films a modo de referencias para proxectos en formatos maiores. Fixen un en 16mm, Market Street, para o que estudei os Sketch Film #1 e #2, e outro en 35mm, Lumphini 2552, onde fixen unha serie de secuencias de tres segundos similar á parte curta de Sketch Film #5.

PUBLICACIÓNS RECENTES