LEAH SINGER & LEE RANALDO
CONTRE JOUR
Sala (S8) Porto | Domingo 5 de xuño | 18.30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
HERE
Leah Singer | EUA | 1992 | Super 8 e 16mm (filmado nunha cámara fixa de 35mm) a vídeo | 6 min
Velaquí un traballo para guitarra solista da autoría de Lee Ranaldo, membro fundador de Sonic Youth. As imaxes foron filmadas en branco e negro no sur de California, en Las Vegas, o val da Morte e Asbury Park (Nova Jersey), en Super 8 e 16mm cargado nunha cámara fixa de 35mm. O resultado dá lugar a unha viaxe de paradas e continuacións, móbil e estática, por algunhas das paisaxes agostadas e esquecidas dos Estados Unidos.
LS CENTRAL PARK
Lee Ranaldo | EUA | 1993 | 8mm a vídeo | 7 min
Un día no parque con Leah. Película estándar de 8mm filmada nos primeiros días da nosa relación. Leah como modelo e musa, nunha excursión dunha xornada polo Central Park neoiorquino. As duplas exposicións feitas na cámara intensifican a impresión: unha tarde máxica de amor incipiente.
THE LAST TEMPTATION OF SUSAN
Leah Singer | EUA | 1994 | Super 8 e 16mm (filmado nunha cámara fixa de 35mm) a vídeo | 3 min
A Band of Susans encomendoume esta película para un vídeo recompilatorio dos seus traballos na discográfica Blast First; o título provén dunha das súas cancións. Montei o vídeo de acordo co ritmo da música, para crear unha obra visual que se aproxima á canción mesmo na ausencia do son.
LIVE, MANIPULATED SUPER 8 FILM PROJECTION OF SONIC YOUTH/PAVEMENT PERFORMANCES
Leah Singer | EUA | 1998 | Super 8 a vídeo | 9 min
A metraxe en Super 8 en branco e negro foi filmada no ano 1992 en Pisa e Cesena (Italia) durante unha xira de Sonic Youth e Pavement. A banda sonora ten a súa orixe nunha gravación do público asistente a un concerto de Sonic Youth en Leeds (Inglaterra) no ano 1985. Na mostra orixinal deste material no neoiorquino Thread Waxing Space en 1998, a película foi manipulada en vivo cun proxector Eumig de velocidade variable mentres soaba a banda sonora; aquí preséntase como película monocanle. A repetición da posta en escena destas actuacións baixo unha forma nova permite deitar unha mirada reflexiva sobre a marabilla dos espectáculos en vivo.
DRIFT (fragmento)
Leah Singer, Lee Ranaldo | EUA | 2005 | 16mm (filmado nunha cámara fixa de 35mm) a vídeo | 20 min
A experiencia de Drift é como estar nunha corrente de imaxe e son; un ambiente de aceptación que abraza tanto a contemplación como o sono. Semella un “estrabismo mental” no que a atención se centra nalgún lugar situado entre as imaxes, o son e os pensamentos que estes evocan. Unha experiencia liberadora! A índole poética e contemporánea da obra remite para a historia do cinema experimental. (Richard Julin, comisario superior de arte, Magasin III, Estocolmo)
NAVEL MILK PRISON
Leah Singer | EUA | 2009 | Vídeo | 6 min
Unha muller e unha criatura embárcanse nunha viaxe en coche polo campo. Na radio óese unha banda sonora de blues, pero a conversa está silenciada. Unha voz en off recita sen pausa palabras e frases coma se pensase en voz alta sobre o decorrer do día: a historia do mundo desprégase nun curto percorrido. O título Navel Milk Prison procede dun poema de Lee Ranaldo escrito a partir dun conxunto escollido de mensaxes non desexadas de correo electrónico.
ISOLATION 2020
Lee Ranaldo | EUA | Vídeo | 2020 | 5 min
Versión do Isolation de John Lennon, gravada en 1991 e revivida para os tempos da covid. Envieilles unha petición a amigos e amigos de amigos que tiña por todo o mundo solicitándolles breves vídeos persoais do confinamento tal e como se percibía onde eles vivían, calquera que fose a visión subxectiva da nosa situación actual que quixesen mandarme. Chegaron sen parar as mesmas rúas baleiras e individuos illados sos no seu fogar. Xuntei e montei todo iso como unha sorte de rexistro íntimo e informal dese momento, seis meses despois do comezo da pandemia mundial.