- O británico Anthony McCall traerá á Coruña o seu cine de “luz sólida” e a canadense Barbara Sternberg, referente da vangarda internacional, será outra das convidadas desta XIV edición.
- Entre os pratos fortes da programación: as performances do canadense John Price e o coreano Hangjun Lee, na sección Desbordamientos.
- Continuando co noso traballo de investigación e difusión do cinema experimental latinoamericano, dedicarémoslle un amplo programa ao cineasta arxentino Benjamín Ellenberger.
O mundo onírico, idealizado e soñador de Urbano Lugrís protagoniza a imaxe desta XIV edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico. Homenaxeamos así ao “artista do mar”, máximo expoñente do surrealismo no noso país e coruñés de nacemento, que inspirou gran parte da súa obran na cidade da Torre de Hércules. Ademais, como cada ano, incorporamos un programa temático acorde coa imaxe da Mostra, que nesta ocasión estará dedicado a esas películas que buscan retomar a visión da infancia: “Paisaxes encantadas” como aquelas que pintaba Lugrís. Abrirá a sesión a estrea internacional de And so it came about, de Charlotte Pryce, e poderán verse filmes de destacadas cineastas contemporáneas como Gaëlle Rouard, Ute Aurand ou Jennifer Reeves, así como do mítico creador checo Jan Svankmajer.
Na Mostra, que celebraremos do 26 de maio ao 4 de xuño, proxectaranse máis de 180 pezas procedentes de una docena de países (Estados Unidos, Reino Unido, Canadá, Italia, Arxentina, Francia, Chile, Alemaña, República Checa, Corea do Sur, Portugal e España). Un ano máis, reuniremos na Coruña figuras claves do cinema de vangarda e experimental. Entre elas, o británico residente en Nova York Anthony McCall, mundialmente coñecido polos seus traballos de “luz sólida”, unha serie que iniciou nos 70 co seu célebre Line Describing a Cone, no que unha forma volumétrica composta de luz proxectada evoluciona lentamente nun espazo tridimensional. As súas obras foron exhibidas en multitude de museos e galerías de arte internacionais, entre os que destacan o MoMA de Nova York ou a Tate Modern de Londres. Nesta ocasión, McCall estará no (S8) na Coruña visitando por primeira vez o noso país no contexto dun festival de cine. Dedicarémoslle un foco no que se proxectarán as súas películas colectivas Argument e Sigmund Freud’s Dora, e o cineasta será tamén o protagonista da clausura do festival cunha posta en escea simultánea dos seus traballos lumínicos en formato analóxico. Ademais, Anthony McCall impartirá unha master class, destinada a profesionais e público en xeral, donde afondará na súa idea do cine e na evolución das súas accións performativas.
Anthony McCall | Light Describing a Cone (1973), Anthony McCall
A artista canadense Barbara Sternberg será outra das invitadas internacionais da nosa décimo cuarta edición, na que seguimos reivindicando o traballo de mulleres cineastas cuxa obra non tivo a merecida difusión no noso país. Sternberg empezou a realizar películas nos 70. Os seus filmes, que abordan o persoal, o político e os ciclos da vida e morte, proxectáronse a nivel internacional no Centro Pompidou de París, o Kino Arsenal en Berlín, ou o MoMA en Nova York. En 2011 recibiu o máximo galardón no mundo das artes visuais en Canadá. O seu traballo destaca por resaltar as propiedades do cine fotoquímico, explorando todas as posibilidades da cor, a mecánica, a química e a óptica do cine. A obra de Sternberg pode equipararse en riqueza e importancia á de artistas como Barbara Hammer ou Carolee Schneemann. O foco que lle dedicaremos desenvolverase en dous programas que supoñen a estrea en España de gran parte da súa filmografía, mostrada no seu formato orixinal de 16 mm. As proxeccións serán tamén unha ocasión única para que o público se encontre con esta cineasta referente do cinema de vangarda.
Barbara Sternberg | Sunprints 1, 2, 3 (2022), Barbara Sternberg
Desbordamientos: film performance con John Price e Hangjun Lee
A sección Desbordamientos, dedicada por completo á film performance, trae dous dos pratos fortes desta edición: as propostas do canadense John Price e o artista surcoreano Hangjun Lee.
Catalogado como un dos “novos impresionistas” do cine, John Price produciu películas experimentais, danza e diarios filmados desde 1986. A súa paixón pola fotografía levouno ao mundo da experimentación, traballando con cámaras tradicionais e emulsións caducadas, para revelar a realidade por e con outros medios. Investigación e desfrute visual mestúranse nos seus traballos, como poderá comprobarse en There is Light at the Top of the Tower!, a performance inspirada na Torre de Hércules que deseñou en exclusiva para o (S8). Unha proposta ao redor do mar e os faros, cuxo mecanismo Price equipara ao da cámara de cine. Unha experiencia única que contará ademais cunha intervención sonora en vivo do artista sonoro galego TORSO. Ademais, o cine de Price, que aborda temas como a natureza, o tempo e a condición humana, terá tamén espazo no festival, ao longo de dous programas nos que tamén asistiremos á estrea de tres novas pezas, entre elas, a última da súa Sea Series, un conxunto de películas que se acercan ao concepto pictórico das mariñas.
John Price | There is Light at the Top of the Tower!, John Price
Inéditas en España son tamén as performances que o surcoreano Hangjun Lee traerá ao (S8). Figura dinamizadora da escena do cine experimental no seu país, ademais de cineasta é investigador e foi responsable de programación do festival EXIS, cita destacada da vangarda en Corea. Hangjun Lee realizará unha posta en escena que combina a proxección en 16 mm das súas obras Film Walk e Phantom Schoolgirl Army, co uso do proxector de cine como un instrumento de creación sonora. Manipulando a película polos mecanismos do proxector, é quen de xerar un son cadrafónico e crear así un espectáculo visual e sonoro único que seguro sorprenderá ás persoas asistentes ao festival.
Hangjun Lee | Film Walk (2012), Hangjun Lee
A Mostra, porto de entrada do cinema de vangarda latinoamericano
No (S8) seguimos traballando co fin de tender pontes co cinema experimental desenvolvido ao outro lado do Atlántico. Con ese fin, este ano traemos a un dos creadores actuais máis estimulantes de Arxentina: Benjamín Ellenberger. Faremos un percorrido amplo pola súa obra, incluíndo a estrea mundial da última peza da súa serie Reflejo Nocturno, un conxunto de filmes que crean un rexistro do espazo de Bos Aires. Neles, Ellenberger utiliza diversas técnicas para levar un paso máis alá a sensibilidade da película e captar a noite, que rara vez foi captada en formato fotoquímico con fidelidade sen o uso de iluminación. Ademais, a retrospectiva contará tamén co traballo performativo de Ellenberger.
Benjamín Ellenberger | Reflejo nocturno (2020), Benjamín Ellenberger
Apoios do XIV (S8)
A décimo cuarta edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico, que terá lugar do 26 de maio ao 4 de xuño na Coruña, está organizada pola Asociación Cultural eSe8 e conta co apoio do Concello da Coruña, o Consorcio de Turismo e Congresos, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane. Ademais conta coa colaboración de Afundación Obra Social ABANCA.
Ademais, a invitación para a participación de Barbara Sternberg, Hangjun Lee, Enrico Camporesi, Jessica Sarah Rinland, Helena Gouvenia e Scott Hamen nesta edición do (S8) foi posible grazas ao Programa de Acción Cultural Española (AC/E) para a Internacionalización da Cultura Española (PICE), na súa modalidade de visitantes, que facilita que as entidades e institucións culturais españolas conten nas súas actividades e programas coa presenza en España de profesionais prescritores culturais internacionais, a fin de coñecer de maneira directa e persoal a oferta creativo-cultural española.
BAICC é un proxecto de eSe8_LAB financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais, grazas ás axudas a Laboratorios e Incubadoras de Creación e Desenvolvemento de Proxectos Audiovisuais. Conta co apoio de Acción Cultural Española (AC/E) e o LIFT-Liaison of Independent Filmmakers of Toronto.
As imaxes de Urbano Lugrís pertencen á Colección de Arte ABANCA e o seu uso foi posible tamén grazas á colaboración da familia do artista e da Asociación Cultural O Mural.