DAR FE: COMO EDITAR LIBROS SOBRE CINEMA EXPERIMENTAL HOXE

OBSERVATORIO

Atalaya | Domingo 4 de xuño | 12:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

A historia constrúese desde os libros. No caso do cinema experimental, cuxa difusión ocorre en moitos casos á sombra dos grandes medios, deixar constancia ou dar fe da existencia das películas revelouse como unha tarefa fundamental para a súa subsistencia ao longo do tempo. A construción dos canons que coñecemos vén da man da escritura: pénsese en casos como os de Visionary Film, de P. Adams Sitney; Expanded Cinema, de Gene Youngblood; Materialist Film, de Peter Gidal; Women’s Experimental Cinema, de Robin Blaetz, ou os libros de entrevistas de Scott MacDonald, entre outros. É por isto polo que o labor de escritura e investigación, plasmado en libros, é máis que necesario dentro deste fráxil ecosistema, como tamén o son a contextualización e a análise que encerran. Por iso este ano dedicamos a nosa xornada profesional á edición de libros sobre cinema experimental, reunindo algúns axentes en activo da nosa contorna e abranguendo campos que van desde a edición artesanal aos libros de artista, dos libros historiográficos aos monográficos e á compilación de escritos e entrevistas. Un encontro que aproveitaremos tamén para a presentación das últimas referencias destas editoriais, aparellada a unha sesión especial. 

PARTICIPANTES

EYEWASH BOOKS: SCOTT HAMMEN
A editorial parisiense Eyewash Books (cuxo nome mesmo constitúe unha homenaxe ao cinema de Robert Breer) é unha casa comandada por Scott Hammen e centrada na teoría e a historia do cinema experimental, cuxos libros combinan en moitas ocasións visións críticas contemporáneas con escritos de artistas. Ata hoxe, publicaron libros sobre ou de yann beauvais, Germaine Dulac, Standish Lawder, Christian Lebrat, Jonas Mekas, Cecile Starr e Stan Brakhage. Este 2023, Eyewash Books presenta Rose Lowder Bouquets, libro coordinado por Hammen que contén textos da propia Lowder e contribucións contemporáneas de expertos no tema. 

LA VIDA ÚTIL: LUCÍA SALAS 
La vida útil nace en 2017 como unha forma de pensar a historia do cinema (pasada, presente e futura) en conxunto (entre amigos) e a distancia (desde dentro e fóra da Arxentina), a través de ensaios críticos sobre cinema. É a fusión de dúas revistas de cinema, unha de Córdoba en papel (Cinéfilo) e unha dixital en Buenos Aires (Las Pistas). Co tempo (e coa migración dalgúns dos seus integrantes), a revista comezou a editarse e distribuírse tamén en España. Nestes momentos estase terminando de editar o número 6, dedicado ao cinema arxentino de ata 1959. En 2019 deciden publicar libros; é dicir, transformarse nunha editorial, para poder publicar Una luz revelada: el cine experimental argentino, de Pablo Marín, que será o primeiro da colección. 

LUMIÈRE: FRANCISCO ALGARÍN NAVARRO 
LUMIÈRE empeza como asociación e como revista de crítica de cinema distribuída en papel e en formato web, coa súa base de operacións en Sevilla, e estende máis adiante os seus labores á programación. Desde a súa fundación levaron a cabo unha importante tarefa na investigación, tradución e difusión de textos de artistas e expertos, que poden consultarse no seu web, e recentemente empezaron a súa andaina na publicación de libros, da man de dúas publicacións sobre, respectivamente, Mani Kaul e Jean-Claude Rousseau. A súa última referencia é Horas iluminadas: Nathaniel Dorsky y Jerome Hiler, a cargo de Francisco Algarín Navarro e Carlos Saldaña. 

STEREO EDITIONS: HELENA GOUVEIA MONTEIRO 
Stereo Editions é un colectivo editorial que aglutina artistas, escritores e cineastas de diversas procedencias xeográficas e esferas intelectuais para a produción e distribución de edicións limitadas, libros-obxecto, películas e sons. O colectivo, que traballa entre Francia e Irlanda, foi fundado en Marsella en 2016 por Helena Gouveia Monteiro e Juliette Liautaud. Cada proxecto ten a súa propia forma distintiva e publícase en pequenas tiraxes de forma artesanal, con exemplares asinados e numerados. A editorial segue tamén modos de produción e distribución alternativos e igualitarios. Recentemente publicaron o libro Emotional Materials/Personal Processes, composto por entrevistas de Alberte Pagán a cineastas que visitaron o (S8) nos últimos anos. 

HATJE CANTZ: HELGA FANDERL 
Hatje Cantz é unha editorial internacional de libros ilustrados de arte, arquitectura, fotografía, deseño e cultura visual, fundada por Gerd Hatje en Stuttgart en 1945. Convocamos esta editorial, especializada en libros de artista, pola recente publicación do libro Helga Fanderl: Konstellationen Super 8, preparado pola propia cineasta e que conta con colaboracións de múltiples expertos e artistas internacionais. 

CAJA NEGRA: PABLO MARÍN 
Fundada na Arxentina en 2005 por Diego Esteras e Ezequiel Fanego, Caja Negra é unha editorial independente con sedes en Buenos Aires e Madrid que disemina os seus libros por América Latina e España. O catálogo propón un percorrido transversal polos eidos do ensaio, a literatura, o cinema, as artes visuais e a música e promove a coexistencia de materiais heteroxéneos e a multiplicación de subrepticias conexións entre eles. No tocante ao cinema experimental, publicou libros de ou sobre Jonas Mekas, Derek Jarman, Hito Steyerl, Alexander Kluge e Joseph Cornell, entre outros. Convocamos neste caso a Pablo Marín, tradutor e prologuista dalgúns dos libros de Mekas publicados pola editorial.