JOHN PRICE

PROGRAMA 1

Filmoteca de Galicia | Mércores 31 de maio | 19:30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

VIEW OF THE FALLS FROM THE CANADIAN SIDE
John Price, 2006, Canadá, 35mm, 7 min

Unha película encargada por The Liaison of Independent Filmmakers of Toronto para o proxecto colectivo Film is Dead! Long Live Film! En 1896, William Heise filmou a primeira película cinematográfica en 35 mm das cataratas do Niágara. O sistema de catro perforacións da cámara que usou foi deseñado e construído por Thomas Edison e William K. Dickson. A película foi manufacturada por George Eastman de acordo coas especificacións de Edison. Esta cinta fotografada usando a mesma tecnoloxía esencial e está dedicada ás visionarias ideas destes pioneiros. (John Price)

SEA SERIES #10
John Price, 2011, Canadá, 35mm, 11 min

Segundo un grupo de cristiáns fundamentalistas, o 21 de maio de 2011 Xesucristo regresaría á terra e a man de Deus faría ascender os seus «elixidos» ao ceo. Suponse que o resto de nós perecería nunha apocalipse de incendios e inundacións. Ocorréuseme que a praia sería un bo lugar desde o cal contemplar ese espectáculo. Rodada nunha tarde na central nuclear de Pickering, a trinta quilómetros de Toronto, e procesada en parte coa auga do propio lago, a película acha a súa inspiración (ou causa) nos partes do que estaba a ocorrer ao outro lado do océano en Fukushima. (John Price)

PARTY #1
John Price, 2005, Canadá, 35mm, 3 min

Unha celebración de vella película Ektachrome de dupla perforación inchada a 35 mm… proxectada tal e como se rodou na cámara. (John Price)

CAMP SERIES #2
John Price, 2007, Canadá, 35mm, 7 min

Unha fin de semana de Acción de Gracias coa familia nun couto de caza de parrulos no río Ottawa. (John Price)

GUN/PLAY
John Price, 2006, Canadá, 35mm, 8 min

Tras filmar un estraño suceso que aconteceu espontaneamente nunha remota praia, decateime de que tiña dous rolos filmados anos antes que poderían converter o conxunto nun tríptico. Unha reacción subconsciente á crecente violencia armada en Toronto. (John Price)

SEA SERIES #24
John Price, 2023, Canadá, 35mm, 11 min

A aparición de aeroxeradores ao longo da costa do río St Lawrence e a piscina abandonada que hai xunto á casiña de verán que levo moitos anos a alugar traen a un primeiro plano as mudanzas que están a suceder nun dos lugares máis fermosos da Terra. (John Price)

NAISSANCE #2
John Price, 2020, Canadá, 35mm, 16 min

As probas de película de 35 mm caducada tórnanse ao longo do tempo nun retrato de como vou lembrar sempre a infancia da miña filla. Rodada cunha cámara de cinema rusa vella e rudimentaria e cunha lente que converte en maxia todo o que se lle pon diante. (John Price)

JOHN PRICE

UNHA ÉPICA MÍNIMA

Se pensamos no transcendentalismo, esa corrente de pensamento filosófico que xurdiu nos Estados Unidos do século XIX, de seguido veñen á mente as ideas de Ralph Waldo Emerson e o seu ensaio Nature. A intuición e a observación son, para Emerson, os piares fundamentais nos que se apoia o ser humano para entrar en contacto coa «enerxía cósmica» (ou a idea que cadaquén teña de «Deus» ou da espiritualidade) a través do contacto coa natureza. Con todo, e coa súa base relixiosa, o transcendentalismo foi un movemento inconformista e idealista, capaz de prefigurar un mundo novo. Para os transcendentalistas, a alma de cada individuo é idéntica á alma do mundo e contén o que o mundo contén. 

Esta vía intuitiva baseada na capacidade da conciencia individual, sen necesidade de milagres, xerarquías relixiosas nin mediacións, que propuña Emerson atopa un eco a través dos tempos na obra do canadense John Price. Compostas en moitas ocasións por motivos simples —paisaxes marítimas, estradas, a observación dos fillos—, as películas de Price semellan aliñarse con ese xeito de entrar en contacto co transcendental, conectando, mediante o seu particular uso do cinema, o terreal e o ultraterreo. Trátase de películas mínimas e, ao mesmo tempo, épicas na súa conexión co mundo e nas resonancias que xeran en quen as ve. 

Price, que leva a traballar no cinema desde 1986, chegou a esta sorte de épica mínima a través dun uso do encadramento que parece encerrar o primordial, e da experimentación coas posibilidades da fotografía analóxica. Por unha banda, mecánicas. Todas as obras que veremos están feitas en 16 mm e 35 mm, utilizando diferentes tipos de cámaras: algunhas dos albores do cinema, accionadas a corda; aparellos que semellan conter, na súa maneira de impresionar a película, un cargamento de lembranzas propias e de capas de historia. As superposicións, que emprega en moitas ocasións, son unha capacidade única das cámaras fotográficas e cinematográficas: as imaxes ábrense, así, a unha profundidade de significados que conflúen e á riqueza visual dun follado visual. Por outra banda, Price bota tamén man da alquimia propia do cinema fotoquímico, ao experimentar con diferentes tipos de emulsión e con película caducada, por veces con resultados inesperados. As texturas xeradas achéganse, deste xeito, ao pictórico, grazas ao cal nos mergullan en paisaxes e en rostros de granulosa delicadeza e cores singulares. 

A primeira sesión do programa está dedicada aos seus traballos en 35 mm, quizais os máis característicos de Price. Dúas das partes das súas Sea Series, paisaxes marítimas retratadas case coma se dun cadro en movemento se tratase, o que lembra, así, o coñecido xénero pictórico das mariñas. Cada Sea Series reflicte unha preocupación ligada a cada unha das súas paisaxes de fondo: mesmo coa paz que transmiten, unha sensación de urxencia ecolóxica atravésaas. Tamén neste programa se atopan as «películas familiares» máis sofisticadas xamais vistas, dedicadas ao nacemento dos seus fillos, ás súas festas de aniversario, ao xogo dun dos seus fillos cunha pistola ou a unha acampada. A textura das películas e a maneira de filmar de Price confírenlles a estas efemérides mil veces vistas en fotos familiares un aire de soño, como de lembranza envolta entre os algodóns da memoria. Así mesmo, unha visita ás cataratas do Niágara, punto de concentración turística, dálle a volta a esa mesma idea de souvenir: Price filma os fotógrafos e cineastas amadores que por alí circulan, para logo retratar o mesmo monumento natural con rotunda sinxeleza. 

A segunda sesión está dedicada ás súas películas en 16 mm, que reflicten outra clase de preocupacións, alén das arriba mencionadas. Vemos, así, os experimentos coa solarización e coa manipulación fotoquímica da cor en pezas como Fire #3, Sunset e Wreck/Nation, que por momentos case raian a abstracción e mostran tamén unha visión por veces máis apocalíptica que lírica, e pezas como The View Never Changes, que se aproximan máis ao documental persoal arredor da propia infancia de Price. 

Chega así Price ao transcendental a través do sinxelo e o compartido: a natureza, os ciclos da vida, a descuberta do mundo. A fe nos misterios e caprichos da fotografía analóxica, da química e da óptica terminan de obrar o milagre.

Elena Duque