SINAIS: ECOSISTEMAS PENINSULARES

Xuñ 1, 2023 | Destacados, Novas

Este xoves 1, venres 2 e sábado 3 de xuño poderanse ver os tres programas que dedicamos á nosa sección Sinais, que desde 2022 amplía o seu campo de acción a España e Portugal, nun empeño por recoller o que está ocorrendo no terreo do cinema experimental na Península. Algo está a pasar, e por iso tentamos desde aquí trazar un mapa abreviado que nos dea pistas para atopar de onde vén toda esta algarabía. 

Cousas pasan na Península Ibérica, se é que falamos de cinema experimental, e iso fica claro na nosa sección Sinais. Se ben é certo que Sinais admite todo tipo de formatos, as tres sesións que presentamos están compostas case por completo de películas feitas en formatos analóxicos. Que pasou para que unha nova xeración de persoas, moitas delas criadas xa no dixital, se decida a explorar o cinema en fotoquímico con ollos novos? A comunidade precisa lugares nos que se congregar e florecer, e podemos sinalar algúns ao longo deste territorio, que crearon un ecosistema propicio para que todo isto pase. Por unha banda, temos os lugares de exhibición. Alén da nosa propia achega (a Mostra vénse organizando desde 2010), podemos dicir que para esta xeración foron especialmente influentes lugares como o Xcèntric, o ciclo anual de proxeccións de cinema experimental que se leva a cabo no CCCB de Barcelona, dirixido por Gloria Vilches. O Xcèntric celebrou hai pouco o seu vinte aniversario, nuns anos en que se lle deu primacía á revisión da historia do cinema experimental nos seus formatos orixinais nuns tempos en que as principais institucións, incluídos museos, que cumprían esta función en España foron renunciando a este empeño (agás honrosas excepcións, como a serie Desencadres da Filmoteca de Galicia). 

O ensino da historia e dos modos de facer deste tipo de cinema tamén foron vitais neste panorama. Destacan dous focos neste campo, como é o caso do LAV, impulsado por Pablo Useros en Madrid, que nos últimos anos foi construíndo un espazo xeneroso ao proporcionar equipamento e coñecementos cos cales contaxiar desta febre a moitas persoas, tanto desde o seu mestrado como desde os seus cursos monográficos. Á calor do LAV tamén foi nacendo unha programación de cinema experimental en diferentes centros de Madrid, tanto comisariadas polo alumnado como dos seus propios traballos. A Elías Querejeta Zinescola, comandada por Carlos Muguiro, foi outro deses focos desde San Sebastián, promovendo non só a creación deses formatos, senón tamén a dixitalización, a preservación e a restauración de cinema en formatos de paso estreito desde a súa rama de arquivo. Tamén xurdiron na última década laboratorios xestionados por artistas, como é o caso de Crater-Lab en Barcelona, Zine–Lab en San Sebastián e o recentemente nado ACME Obscura, da man de Álvaro Feldman, que tamén bebe das ensinanzas do LAV e do xa veterano laboratorio de fotografía de La Casa Encendida. Non podemos deixar de nomear outros focos de ensino, non necesariamente de cinema analóxico, pero si dunha concepción do cinema que vai alén das fronteiras do narrativo, como é o caso dos obradoiros que se veñen impartindo nos últimos anos en festivais como Novos Cinemas da man de artistas como Adrián Canoura, Helena Girón e Samuel Delgado, entre outros. E tamén as facultades de Belas Artes, como é o caso das de Cuenca, da Universitat de Barcelona e das participantes na nosa (esperanzadora) sección Paraíso, as de Salamanca e a Universidade de Vigo en Pontevedra. 

Porén, e no que ao cinema fotoquímico concirne, hai que ser conscientes da fraxilidade do que temos entre mans. E é por iso polo que esta rede que debuxamos ha de seguir medrando e fortalecéndose por máis frontes. Por exemplo, no tocante á transmisión de saberes no terreo da proxección e do mantemento de equipos. Despois, entre os eventos e as institucións, no asunto de conceder valor á proxección e á consideración dos materiais de traballo dos artistas que se deciden a traballar en fílmico. Non todo é o mesmo nin é intercambiable. Hai factores dos que non nos podemos ocupar, polo menos de momento, desde aquí: os prezos da película virxe, en alza, e a necesidade de mandar as películas revelar fóra para obter certos resultados só posibles con maquinaria máis industrial. 

O que si fica claro é que o interese e as ganas de seguir a traballar nestes formatos están máis que vivos, malia a invisibilización e a obsolescencia ás que as queren condenar. E está aínda por descubrirse todo o potencial que lle pode tirar esta nova xeración, que, carecente da nostalxia das xeracións precedentes, entende o cinema fotoquímico de novas e excitantes maneiras. 

PUBLICACIÓNS RECENTES