O (S8) COMISARÍA PARA O INSTITUTO CERVANTES O PROGRAMA ‘ARREBATO EN CELULOIDE: DESTELLOS DE LUZ E OUTRAS DIVERXENCIAS DO CINEMA ESPAÑOL’

Out 30, 2023 | Destacados, Novas

Ao longo do mes de novembro, o Instituto Cervantes ofrecerá a través da súa canle de Vimeo o Programa online, ‘Arrebato en celuloide: Destellos de luz e outras diverxencias do cinema español’, comisariado polo director do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, Ángel Rueda.

Cada unha das pezas seleccionadas estarán dispoñibles gratuítamente e en aberto para o seu visionado durante 48 h.

Este programa pretende realizar un percorrido ecléctico polas diferentes expresións coas que o formato tradicional de 16mm e Super 8 tomaron forma nestos últimos anos do panorama cinematográfico do noso país; entre as que se inclúen Super 8 (1996) de David Domingo, para continuar cun amplo espectro que vai desde o ensaio, a non ficción, o retrato fílmico e o cine antropolóxico, como Rapa das bestas (2017) de Jaione Camborda, Sin dios ni santa maria (2015) de Helena Girón e Samuel Delgado, Descartes (2021) de Concha Barquero e Alejandro Alvarado, Toxos e flores (2016) de Lucia Vilela, Devociones (2023) de Ángel Montero e María Serna, Ningún río me protexe de min (2021) de Carla Andrade, La Tarara (2021) de Alvaro Feldman, e descubrir a sensorial relación que a película analóxica aporta ás súas producións. Un soporte táctil e sensible á luz que provoca unha mirada íntima, amplificando os temas que se tratan nos filmes.

O Super 8 e o 16mm en España ten a súa época de esplendor na década dos 70´s e comezos dos 80´s, como referente dun cinema underground marcado sobre todo pola figura de Iván Zuleta, verdadeiro símbolo da modernidade e quintaesencia da contracultura en España, que coas súas múltiples curtametraxes en pequenos formatos e coa súa única longametraxe, Arrebato, difundía a máxima: “edita os teus propios fanzines, grava e distribúe os teus propios discos e, como non, fai as túas propias películas.”

Case 20 anos despois da película Arrebato de Iván Zulueta, en 1996 o artista visual David Domingo, tamén coñecido como “Stanley Sunday”, realiza o seu filme Super 8, conectando inmediatamente co legado de cineastas da vangarda internacional como Andy Warhol, George Kuchar, Kenneth Anger ou o propio Iván Zulueta, inaugurando unha nova era do cine en celuloide feito en España.

Hoxe en día e en plena obsolescencia do celuloide, o cinema analóxico volve significar un rexurdir de novos soños e ilusións entre novos e novas cineastas que atopan neste cine-pequeno, a maxia do artesanal, un cine que se pode tocar e manipular coas nosas propias mans.

PROGRAMA

PUBLICACIÓNS RECENTES