O (S8) SERÁ UN DOS EVENTOS CONVIDADOS NA NOVA EDICIÓN DE EXPERIMENTS IN CINEMA (ALBUQUERQUE, NM, EE.UU)

Abr 18, 2024 | Destacados, Novas

O (S8) participará na nova edición de Experiments in Cinema que se celebrará do 23 ao 27 de abril en Albuquerque, Novo México, EE. UU. Farao co programa Soul Map of the Spanish Cinema of the Senses, comisariado polo noso director Ángel Rueda, que inaugura á súa vez as actividades do (S8) 2024 previas á celebración da nosa décimo quinta edición na Coruña do 31 de maio ao 9 de xuño.

O programa convida a realizar un percorrido polo traballo dunha efervescente xeración de cineastas en España que abordan a relación sensorial entre a súa alma e a das súas películas. O soporte das súas obras, intencionadamente fotoquímico (super 8 ou 16mm), traza un camiño polo que transitan emocións, sensacións e estados de ánimo. Jaione Camborda, Elena Duque, Yonay Boix, Valentina Alvarado, Deneb Martos e Pablo Useros, María Serna e Ángel Montero, Biviana Chauchi e Álvaro Feldman convídannos a realizar esta viaxe introspectiva xerando un mapa que comeza na película, traspasa a pantalla e condúcenos ao interior da alma dos seus creadores.

Despois da súa proxección en Albuquerque, o programa estará dispoñible online do 4 ao 18 de maio a través da web do festival https://www.experimentsincinema.org/

Experiments in Cinema reúne desde 1991 á comunidade internacional do cinema independente e artistas da imaxe en movemento de todo o mundo en Albuquerque, Novo México, EE. UU. Un festival de cinema deseñado coa intención de inspirar a unha nova xeración de cineastas comprometidos en pensar as futuras tendencias da creación cinematográfica.

En moitos sentidos, Experiments in Cinema considérase máis unha comunidade que un festival, un evento non competitivo, sen alfombras vermellas nin premios, onde todos os que participan gañan. Un espazo onde compartir e nutrirse desde perspectivas persoais e non estereotipadas con cineastas de todo o mundo.

Cada ano, ademais de presentar unha ampla gama de proxeccións internacionais, Experiments in Cinema realiza encontros, conferencias, talleres prácticos e un programa de películas producidas por estudantes de secundaria de Novo México.

Experiments in Cinema está organizado por Basement Films e conta entre outros co apoio do Instituto Cervantes de Albuquerque.

Programa:

Videogramas #5

Jaione Camborda I 2022 I Super 8 a vídeo

Ojitos mentirosos

Elena Duque I 2024 I Super 8

#006

Yonay Boix I 2021 I Super 8

¿Se puede deletrear la hoja?

Valentina Alvarado I 2022 I 16mm a vídeo

White Screen (for Amy Halpern)

Deneb Martos e Pablo Useros I 2022 I 16mm

Devociones

María Serna e Ángel Montero I 2023 I Super 8 a vídeo

Fractura

Biviana Chauchi I 2023 I 16mm

La Tarara

Álvaro Feldman I 2021 I Super 8

PUBLICACIÓNS RECENTES