PARAÍSO
FACULTAD DE BELLAS ARTES – UNIVERSIDAD DE SALAMANCA
Filmoteca de Galicia | Venres 7 xuño | 11:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
A sección Paraíso congrega un grupo de estudantes de Belas Artes atraídos polas potencialidades creativas da imaxe en movemento, que achegan as súas primeiras e suxestivas descubertas. O encontro xorde como un estímulo e unha maneira de tender pontes, e desenvolverase en dúas sesións nas que os estudantes da Facultad de Bellas Artes de Salamanca e da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, da Universidade de Vigo, amosarán as súas películas, para xerar debate arredor delas. Ademais, este ano tamén se lles abrirán as portas á experimentación co cinema analóxico, artesanal e ecolóxico a través dun obradoiro impartido por Franci Durán, Phil Hoffman e Robin Riad.
EL VÍDEO MÁS GRANDE DEL MUNDO
Miguel Blázquez Martín | 2024 | España | HD | 10 min
Aurora Carlota, Alanne, Juan David, Uriel y Stephen son amigos, coñecidos ou amigos de coñecidos meus. Todos eles participarán desde os seus respectivos países nun vídeo que demostra que non están tan lonxe como parece. (Miguel Blázquez Martín)
VOLAR DEL NIDO PARA NO SER DESPLUMADA
Sara Fénix | 2024 | España | HD | 11 min
Como mirando a través dunha xanela, perdémonos entre lembranzas da infancia, prestando especial atención á evolución das relacións afectivas entre unha filla e a súa nai dun xeito intimista e cheo de metáforas. (Sara Fénix)
YO, EL HADA ROSA
Cristina Hispán Fuentes | 2024 | España | HD | 12 min
Con esta peza audiovisual conto desde un prisma persoal todo aquilo que me rodea, as cousas nas que me fixo, os meus gustos, as miñas afeccións, os meus traumas, os meus medos e a xente que me acompaña e que me acompañou ao longo da miña vida. É un autorretrato documental: o que sae son eu mesma, moitas das miñas facetas, mais sobre todo amoso as cousas pequeniñas, falo desde o cotián. A peza trata todos estes temas desde o humor e o infantil. É unha homenaxe a todo o que me construíu como persoa: a tradición, as miñas raíces andaluzas, as películas de Barbie, a relixión ou «o cuqui». É un adeus, unha despedida, unha aperta, unha bágoa, son as miñas pupilas. (Cristina Hispán Fuentes)
VIAJE POR EL SUBCONSCIENTE
Diana Amalia Escobar Fajardo | 2024 | España | HD | 8 min
Viaje por el subconsciente leva o espectador a unha viaxe ao abstracto a través dunha serie de luces e formas que se van distorcendo e desenfocando, sensacións parecidas ás que algunhas persoas viven día a día xusto antes de durmir, o que se coñece como hipnagoxia. Esta peza racha coas formas narrativas convencionais, levando a audiencia a unha viaxe polo inconsciente e un mundo onírico.
MAMÁ NO PUEDE DECIRME NEGRO
Martín Morales | 2024 | España | HD | 5 min
Mamá non pode dicirme «negro», non porque o teña prohibido, senón porque non o dá aceptado. Normalizamos tanto o xeito de nos referirmos ás persoas que esquecemos e ignoramos a maneira en que isto afecta á construción do individuo. (Martín Morales)
PRIMEIRAS ANDANZAS: VOAR POLO MUNDO, DO ROSA AO NEGRO
FACULTADE DE BELAS ARTES – UNIVERSIDAD DE SALAMANCA
O programa de pezas realizadas por estudantes de Audiovisuais do Grao en Belas Artes e do Mestrado en Produción e Prácticas Artísticas da Universidad de Salamanca que forman parte da sección Paraíso propón, este ano, viaxes fascinantes polo mundo a través da ampla potencialidade do traballo coa imaxe en movemento.
O proxecto máis ambicioso a este respecto, pese á contundente sinxeleza da proposta, é El vídeo más grande del mundo, de Miguel Blázquez Martín, que, concibido mediante unha dinámica colaborativa, convida a un paseo por culturas diversas a partir de vistas conseguidas grazas á conectividade da tecnoloxía actual. No entanto, os lugares e obxectos do cotián tamén resultan ser reveladores: a peza yo, el hada rosa, de Cristina Hispán Fuentes, converte o ordinario nun «lugar de marabilla» onde atopar conexións, en ocasións traspasadas por unha chispa de humor, co mundo da infancia. Unha diferente vontade de transformar a realidade ten Viaje por el subconsciente, de Diana Amalia Escobar Fajardo, que invita a establecer unha suxestiva relación sensorial alterada con aquilo que nos rodea.
O mundo serve tamén para impoñer unha distancia, tanto temporal como espacial, necesaria para diferenciarse e ata disentir dese lugar (familiar) que se habitaba ata había pouco. Así ocorre en Mamá no puede decirme negro, de Martín Morales, que propón un interesante e desenvolto achegamento, a partir de fotografías caseiras, á problemática consideración, dentro da identidade peruana, dunha negritude non aceptada. Pola súa banda, Volar del nido para no ser desplumada, de Sara Fénix, desde un ton máis íntimo, parte dunha evocadora imaxe recorrente (na que habitan os paxaros) para situar a infancia, de maneira cálida e delicada, nun tempo pretérito que, porén, se resiste a desaparecer.
Todas elas son aventuras que invitan a gozar desa calidade da imaxe en movemento de propoñer miradas sobre o mundo de formas tan diversas como fascinantes.
Laura Gómez Vaquero
Investigadora e programadora de cinema. Docente na Facultad de Bellas Artes (USAL)