INPUT

ESPAZO DE TITORIZACIÓN PERSONALIZADO DE PROXECTOS CINEMATOGRÁFICOS EN DESENVOLVEMENTO

INPUT é un espazo de titorización e asesoría de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que xorde en 2017 da colaboración entre a Fundación Luis Seoane e o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, mediante o que un grupo de cineastas e artistas teñan acceso a profesionais de prestixio internacional do ámbito do cinema e da arte, cos cales poden discutir os seus proxectos, desde o estado de escritura e desenvolvemento ata o de distribución. Trátase de titorías individuais e personalizadas, onde cada unha das persoas seleccionadas comparte os seus procesos creativos, que son analizados polo/a mentor/a para buscar novas vías ou impulsar as xa existentes. 

INPUT é unha das principais liñas de traballo de eSe8_LAB, que organiza e promove actividades profesionais que inciden na modernización do sector e repercuten, así, na promoción da nosa cultura, no ámbito estatal e no internacional. O obxectivo destas xornadas é fomentar a profesionalización dos novos creadores e potenciar, ao mesmo tempo, a formación, a vertebración e a creación de redes dentro do sector cultural no noso país.

TITORAS

ANNALISA D. QUAGLIATA

Annalisa D. Quagliata Blanco cursou estudos no Massachusetts College of Art and Design, onde realizou unha dupla especialidade en Cinematografía e Vídeo, e Estudio para Medios Interrelacionados. A súa obra exhibiuse internacionalmente. Annalisa forma parte do LEC (Laboratorio Experimental del Cine) e está á fronte do espazo de exhibición La Cueva, na Cidade de México. O seu proxecto imago recibiu unha bolsa da Princess Grace Foundation-USA. Foi bolseira do Programa Jóvenes Creadores e do Programa de Fomento a Proyectos y Coinversiones Culturales do FONCA. 

FRANCI DURÁN

Francisca Durán é unha artista chilenocanadense que traballa con medios experimentais na creación de películas, instalacións de vídeo e obras en medios mixtos bidimensionais que xiran arredor da historia, a memoria e a violencia. Durán exhibiu o seu traballo en festivais de cine e outros espazos do ámbito internacional, como o Festival Internacional de Cinema de Edimburgo, o de Rotterdam, Hot Docs, Arkipel, os Anthology Film Archives, Los Angeles Film Forum, VideoPool e Centre[3]. Ten un mestrado en Belas Artes pola York University, así como un grao en Artes pola Queen’s University, e segue asistindo a actividades de desenvolvemento profesional impartidas en centros dirixidos por artistas e a través de mentorías artísticas. A súa práctica recibiu apoio en forma de bolsas de investigación, viaxe e produción concedidas por diversos consellos artísticos canadenses. 

MARÍA RUIDO

María Ruido é artista visual, realizadora, investigadora e docente. Actualmente vive en Madrid e Barcelona, onde é profesora no Departamento de Imaxe da Universitat de Barcelona. Desde 1998 vén desenvolvemento proxectos interdisciplinares sobre a construción social do corpo e a identidade, os imaxinarios do traballo no capitalismo posfordista, e a construción da memoria e as súas relacións coas formas imaxinativas da historia; máis recentemente, traballa arredor das novas formas dos imaxinarios decoloniais e as súas posibilidades emancipatorias. Entre as súas producións destacan os ensaios documentais La memoria interior (2002), Ficciones anfibias (2005), Plan Rosebud (2008), ElectroClass (2011), Le rêve est fini (2014), Mater Amatísima (2017), Estado de malestar (2019) ou a conferencia-performance Las reglas del juego (2022). Participou en moitos proxectos expositivos estatais e internacionais, así como en festivais de cinema e vídeo. Os seus traballos están presentes nas coleccións permanentes do MNCARS, o MACBA, o CA2M, o CGAC ou o Archivo OVNI.

OANA GHERA  

A romanesa Oana Ghera é comisaria cinematográfica e conta cunha traxectoria académica en estudos fílmicos e escrita de guións. É a directora artística do Festival Internacional de Cinema Experimental de Bucarest (BIEFF) desde 2020; máis recentemente, entrou a formar parte dos comités de preselección de Go Short (Nimega) e Vienna Shorts e participou no comisariado do catálogo comercial de 2024 do SFC | Rendez-vous Industry, no contexto do Festival de Cinema de Cannes. En 2023 foi nomeada coordinadora da industria do European Short Pitch. Anteriormente foi coprogramadora do Festival Internacional de Cinema NexT (2016-2019). En 2020 e 2022 foi membro das comisións de estudo de guións do Centro Nacional Romanés do Cinema (CNC) e foi integrante do xurado de numerosos festivais cinematográficos.

PROXECTOS SELECCIONADOS

EN UN MEANDRO de Raffaella Rosset

En un meandro é un proxecto que busca conxurar a colisión dos ríos Tietê e Pinheiros e os ferrocarrís na cidade de São Paulo (O Brasil) a través dunha película sonora monocanle, unha instalación multicanle e un zootropo. O proxecto parte da toma de conciencia de como ambos os ríos sofren unha violación na que as súas beiras se atopan colapsadas de formigón, os seus meandros rectificados e as comunidades veciñais expulsadas pola especulación inmobiliaria. Filmando os ríos desde os trens da cidade, engádese unha capa relativa ás protestas contra a privatización da compañía pública de ferrocarril. 

Raffaella Rosset (São Paulo) é licenciada en cinema pola Fundação Armando Alvares Penteado (Brasil) e estivo na residencia artística Vórtice (INVE Plataforma [Chile]). Actualmente cursa o mestrado LAV en Madrid. A súa práctica está motivada polo desexo de experimentar cos límites dos medios fotográficos e o seu potencial. Obtivo o premio do público no festival Bogotá Experimental por Filme de Quarto (2021) e o seu traballo viuse no Beijing IFF, a Cinemateca do MAM (Brasil), a Cineteca Matadero (Madrid) e o Palácio das Artes de Belo Horizonte (Brasil), entre outros. O seu traballo fotográfico estivo en exposicións colectivas na Tate Modern (Inglaterra) e no Museu de Arte Brasileira (MAB [O Brasil]), e en publicacións impresas como Putrefações (Selo Turvo [Brasil], 2023).

PAKORÉ WERÀ, de Manuel Mateo

Pakoré Werà é un proxecto realizado xunto á comunidade indíxena Emberá do 21 (Chocó) a partir dunha colección de material de arquivo audiovisual. O proxecto pregúntase pola vida da natureza que rexistran as fotos e pola memoria da comunidade que retratan, cunha perspectiva que, partindo do achegamento botánico e etnográfico do material de arquivo, deriva nunha forma cinematográfica que acode á mitoloxía para sentir a vida orgánica que se tece entre o reino vexetal e o humano. 

Manuel Mateo, antropólogo e cineasta colombiano, graduouse na EICTV de San Antonio de los Baños e actualmente estuda na Elías Querejeta Zine Eskola. A súa película Ánima percorreu festivais internacionais e recibiu o premio á mellor curtametraxe latinoamericana no Festival Mar del Plata e ao mellor documental nacional en Bogoshorts, entre outros premios e recoñecementos.

URGENCIA DE MEDIODÍA, de Daniela Delgado Viteri

Urgencia de mediodía é unha curtametraxe en desenvolvemento que documenta as sombras dun grupo de persoas que as reclaman e as exhiben polo centro de Portoviejo (Ecuador), un lugar onde o sol pega en 90 graos. 

Daniela Delgado Viteri naceu en Portoviejo (Ecuador). Despois de rematar os seus estudos de cinema, traballou no ámbito da repartición de comida, tarefa que combinou coa realización de varias curtametraxes autoproducidas que mesturan elementos de documental e ficción, como Culebra Jr. (2013, 16 mm), Espectáculos variados para eventos varios (2016, 16 mm), Shortcuts (2019, MiniDV) e Todxs queremos un lugar al que llamar nuestro (2022, 16 mm), entre outros. Os seus traballos foron mostrados en festivais como o IFFR, o CPH:DOX, o IDFA, o True/False FF, o Valdivia IFF, Mar del Plata e Courtisane, por mencionar algúns. Estudou un mestrado en Le Fresnoy – Studio national des arts contemporains (Francia) e outro no Comisariado de Cinema da Elías Querejeta Zine Eskola (Donostia). O seu libro Olmedo y Quito, un ensaio de ficción arredor dos lumes e as fotografías de Walter Zambrano, publicouse en abril de 2024 na editorial Fulgencio Pimentel.

NOMBRAR NUESTRA CASA, de Bárbara Guerrero González

Nombrar nuestra casa é unha (re)construción documental que se adentra na procura dun relato familiar desde o cal cuestionar a concepción e construción dunha casa, dun arquivo, da memoria e dunha película. O proxecto parte dun rexistro municipal que choca cun pasado familiar apenas documentado e acalado pola historia institucional, que recolle a existencia das chozas céntricas que moitas familias autoconstruían en Chiclana de la Frontera con follas de palma, espadanas, paus e pedra nos anos 60. 

Bárbara Guerrero González (Chiclana de la Frontera [Cádiz], 1997) estudou Comunicación Audiovisual na Universidad de Sevilla. Formou parte da creación do colectivo autoxestionado de cinema feminista sevillano Hyksos, onde realiza tarefas de programación e produción. Traballou en diversos festivais de cinema e cursou o Mestrado de Cinematografía da Universidad de Córdoba, a raíz do cal iniciou unha investigación sobre as directoras pioneiras do cinema andaluz que hoxe continúa de maneira independente en colaboración coa Filmoteca de Andalucía e sobre a que publicou tres fanzines autoeditados. Actualmente realiza o curso de experto pola UNED en Xestión do Patrimonio Cultural.