SINAIS

PROGRAMA 2

Sala (S8) Palexco | Venres 7 xuño | 13:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

HOMBRE DE PALO
Pablo Agma | 2024 | España | HD | 10 min

Xestado nas fibras da explotación ambiental e as rodas da maquinaria capitalista, o home de pau aparece como unha personificación dos medos e complexidades da nosa era. Asistimos a fragmentos da súa existencia nunha película disfrazada de cinta VHS defectuosa e esquecida, que documenta unha loita solitaria pola supervivencia nun mundo que xera e rexeita os seus propios monstros. (Pablo Agma)

 

KATALIPSI
Elaine Sier | 2023 | España | Super 8 a HD | 8 min

Un policía infíltrase en movementos sociais e okupas en Barcelona, pero desaparece sen deixar rastro, levando consigo o máis prezado deles, a súa intimidade. Sabemos realmente quen nos rodea? (Elaine Sier)

 

TRIPLE TANGO MANCHEGO
Colectivo Craneal (Marta Solera Picazo, Aitana de Dios, Patri de la Plaza) | 2024 | España | Super 8 | 5 min

No centro da cidade de Cuenca, á beira do río Xúcar, acontecen encontros entre xograres folclóricas que non aclaran nada, mais que falan de comunismo, nacionalismo, xenerismo, axedrecismo, gatotismo e mancheguismo. A voz do sereno óese entre cigarros que han de se apagar cando empece a soar o último cuplé e remate este quen é quen. (Colectivo Craneal)

BIVALVA
Celia Kiroga Rincón | 2024 | España | Super 8 | 3 min

Bivalva son dúas mandíbulas, dous mundos que se conectan, que se inflúen entre si. O que se soña dise que é o inalcanzable, o fantasioso. A realidade como o seu antónimo. Sen contar que eses dous mundos, esas dúas valvas, sempre están unidos por cables. Soñamos o que pensamos; o que non sabemos nin que pensamos, pero pensamos; o que percorremos, o que botamos en falta. Soñamos a tenrura e tamén o pesadelo. Mais que é dos soños cando a realidade escavada é ficticia. (Celia Kiroga Rincón)

 

IMPRESSIONS OF LIGHT
Juliana Julieta | 2023 | Portugal, EUA | 16 mm | 4 min

O traballo partiu da fascinación polas superficies reflectantes como xeito de entender a propia identidade en canto algo sempre contextual, mutable, distorsionable, fragmentario, metamórfico ou simplemente moi reflectante e en permanente creación. Ondas a chocar, a desintegrar o todo, a recomporse e a manter certa unidade constitutiva ou fundacional, mesmo para algo que está sempre en fluxo, adoptando novas formas e manifestacións. «O camiño é unha rede inestable», chea de conexións rizomáticas, algo que tecemos sobre a marcha. (Juliana Julieta)

LA MEMORIA DE LAS FRUTAS (DIÁSPORA)
Claudia Claremi | 2024 | España | 16 mm a HD | 3 min

La memoria de las frutas é un proxecto que, desde 2015, investiga as froitas do Caribe a través da tecedura de afectos que as rodean. La memoria de las frutas (diáspora) é unha peza feita a partir de entrevistas realizadas en Madrid en 2023. Evocando as froitas que se anhelan porque desapareceron do día a día ou porque remiten directamente a un espazo ou momento da vida, a película propón unha activación da memoria sensorial.

LEGERDEMAIN
Carlos Vásquez Méndez | 2023 | España | 16 mm a HD | 3 min

Legerdemain é unha peza encomendada polo CCCB (Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona) para ser incluída nunha programación sobre cinema e música dirixida tanto a adultos como a nenos. Esta peza de curtametraxe componse de ensaios sonoros producidos polos dedos dunha man a tocar superficies, a premer botóns e a activar artefactos cotiáns que están pasando por un proceso de obsolescencia, seguindo un ciclo de tempo de 56 latidos por minuto.

THE WORD WAS DELETED
Esperanza Collado | 2024 | España | 16 mm × 2 | 15 min

«Latido crea o ámbito. Espazo dentro do ollo. Somos terminais nerviosos dunha gran retina. A percepción é corpuscular e ondulatoria. A palabra ficou suprimida. A luz e o son constitúen frecuencias e o pensamento comunícase de maneira táctil. Luz, cor, formas, intervalos, resonancias, compaixóns conmovedoras ata a conversión e a fusión […]». (José Val del Omar, sen datar)

The Word Was Deleted é a activación da recente obra de Collado Trágame nube, formada por dúas proxeccións en 16 mm, gravacións de audio orixinais e fragmentos dunha entrevista ficticia. Trágame nube está constituída por unha dupla proxección de dous filmes en 16 mm; dúas caras dunha mesma unidade fílmica coa que se explora o «outro cinema» que se oculta nos intervalos entre fotogramas. Este proxecto foi unha encomenda para a exposición dedicada ao cineasta e inventor granadino José Val del Omar Cinema of Sensations: The Neverending Screen of Val del Omar, que tivo lugar no Museum of the Moving Image (Nova York) en 2023. 

Rodada con Bruno Delgado Ramo e coa participación de Paula Guerrero, Trágame nube ten unha estrutura en tres partes. A primeira é unha especie de happening co cineasta Delgado Ramo na Alhambra, onde Val del Omar rodou Aguaespejo granadino (1955). A segunda parte, a central, está dedicada por enteiro a unha selección de documentos orixinais de Val del Omar conservados na biblioteca do MNCARS (Madrid). O aparato cinematográfico presentado na terceira parte, rodada en BilbaoArte, presenta a sintaxe do cinema como escultura e performance nunha asociación libre co emblemático laboratorio PLAT (Picto-Lumínico-Audio-Táctil) de Val del Omar. 

Créditos: gravacións de audio cortesía de Archivo Val del Omar


SINAIS

A MIRADA E O MOVEMENTO

O cinematógrafo Lumière non foi o único que se inventou, pero si o que coñeceu un maior éxito. Unha das razóns dese éxito é que a caixiña primixenia de madeira que era, alén de servir para filmar, para rexistrar o mundo, servía para proxectar. Esta dualidade, na que o mesmo aparello absorbe a luz do seu contorno e nola devolve expulsando luz, permítenos empezar a falar da selección de Sinais, que este ano se distribúe en dúas sesións que son como a cara e a cruz dunha moeda. Nunha delas, a cámara rexistra o real modificándoo a través do encadramento, a montaxe ou outras técnicas de cámara. Na outra, modifícase o real para o rexistrar coa cámara. A cámara como elemento modificador ou amplificador, pois, é a primeira dirección á que apuntamos para falar deste grupo de películas nas que se mesturan temas e xeracións, alumnado e educadoras en comunidade. 

O primeiro programa sería, xa que logo, o máis enraizado na observación do mundo tal e como é. E, nesa observación, todas as películas que percorren o programa están fortemente arraigadas en lugares xeográficos concretos, marcados pola relación da persoa da cámara con eles. Dúas maneiras posibles de lidar coa cidade de Madrid, tan desbordante como dura por momentos, son as de Pablo Useros e Pablo Marín. No caso de Useros, en INSTRUCCIONES PARA UN AUTORRETRATO, o artista semella querer integrarse e illarse do seu contorno á vez, nun acto de ensimesmamento no espazo público. Partindo dunha premisa serial e con regras de xogo concretas, Useros evoca os xogos mecánicos de Dietmar Brehm. Marín, pola súa banda, en MATERIA VIBRANTE, busca as (escasas) fendas para a natureza na cidade, mais tamén os milagres luminosos entre edificios, os mil e un xeitos de un se apegar a un lugar considerándoo un ente vivo e palpitante. Burbank é unha cidade do condado dos Ánxeles, onde Rocío Mesa tivo a súa residencia varios anos. BURBANK NEONS é un exercicio de edición na cámara de superposicións hipnóticas e coloridas, na procura da maxia no cotián de Mesa, evocando o espírito de William Klein. A cor no medio da escuridade é algo que recolle Iago Lourido en VELOS NA TEBRA, unha película de luces e sombras que emula na súa tinguidura o cinema mudo, na que a parte máis espiritista da terra de San Sadurniño, en Galicia (no contexto do mítico e frutífero Chanfaina Lab), sae á luz. Pere Ginard leva anos a avistar criaturas sobrenaturais no medio das situacións cotiás máis variadas. Feita con material atopado de base, SIGHTINGS desvela os monstros mariños que pasan inadvertidos nas costas barcelonesas e mallorquinas. Nesta liña de extraer o ultraterreo do cotián usando o cinema, Yasmina Farhani Luaces (integrante do obradoiro impartido por Berio Molina en Novos Cinemas) saca en A TERRA TEN GLITCH as estrañas atmosferas xeradas polas partículas da terra, o desdobramento da realidade rural a saír dos seus marcos. As seguintes tres películas evocan dunha maneira ou doutra a conexión entre os oficios manuais, o cinema e o territorio. Beatriz Freire descodifica os ritmos secretos da tecedura de redes de pescar en SANTA POLA, onde os ritmos das mans das tecedoras lembran o funcionamento da cámara e a montaxe. Valentina Alvarado fai en CADA GESTO un singular retrato de Barcelona a través do que acontece nos seus obradoiros, a través da filmación amorosa das mans das persoas que alí accionan. Fernanda Vicens tórnase ela mesma xardineira na súa película LA JARDINERA, na que a poda, a rega e a fertilización se converten nun traballo de atento coidado ás flores fotograma a fotograma, para crear así incribles ramalletes no ollo do público. A película de Vicens debuxa unha sorte de xardín secreto na natureza, igual que o fan Brenda Boyer e Beatriz Higón, e Héctor Gardez. Nunha especie de claro no bosque privado, Boyer e Higón experimentan en PASAJE CROMÁTICO #2: CULEBRA cunha sorprendente separación cromática feita na cámara a base de sobreimpresións e filtros, co que se xera unha paisaxe alucinada e íntima. Pola súa banda, Gardez, en OLLO DE AUGA, adéntrase na contorna dun río nunha bela visión puntuada por sobreimpresións e traballo fotograma a fotograma, na procura da súa illa (Tenerife) noutra illa remota que o acolle (Cuba). 

O segundo programa ten como fío condutor a idea de posta en escena, que tamén apunta á delgada liña que por veces separa a performance ou o happening do cinema experimental (como vemos tamén a través do cinema de Narcisa Hirsch). Por exemplo, a partir do HOMBRE DE PALO de Pablo Agma, elemento disruptivo nas rúas da cidade, espantallo que tenta poñer diante dos transeúntes os efectos da crueldade do mundo. No caso de KATALIPSI, de Elaine Sier, trátase da historia contraria, do monstro encuberto, e da posta en escena dun finxido activismo que saquea a intimidade dos grupos de loita. TRIPLE TANGO MANCHEGO, do Colectivo Craneal (composto por Marta Solera Picazo, Aitana de Dios e Patri de la Plaza, da célebre Facultad de Bellas Artes de Cuenca), é en parte un xogo e en parte unha performance de ecos queer e punk, no espírito lúdico e subversivo de figuras como Jack Smith ou Mara Mattuschka na súa modificación sen complexos dos días. BIVALVA, tamén vida de Cuenca da man de Celia Kiroga Rincón, utiliza o escenario dunha casa queimada, anteriormente habitada, para confundir o territorio dos soños e o da realidade en imaxinativas escenificacións surrealistas. Juliana Julieta, pola súa banda, modifica así mesmo a realidade mais de acordo co que alcanza a facer fronte á cámara coa súa propia man: o mundo contido nunha culler ou nunha lámpada. Tanto Claudia Claremi como Carlos Vásquez Méndez despregan toda unha posta en escena de mans nas súas películas, con diferentes implicacións. En LA MEMORIA DE LAS FRUTAS (DIÁSPORA), Claremi condensa o sentimento da migración a través da evocación das froitas tropicais. Esas mans palpan, acariñan e sopesan froitas invisibles, mentres oímos os testemuños das persoas que, pensando nas froitas, constrúen unha memoria sensorial do fogar que deixaron atrás. En LEGERDEMAIN, Vásquez Méndez acciona sons diferentes de materias e aparellos nunha intelixente manobra que examina as bases do son no cinema a través da sincronía (ou da súa ausencia). Finaliza este bloque coa dupla proxección con son en directo de THE WORD WAS DELETED, de Esperanza Collado. O diálogo a dobre pantalla de diferentes tropos arredor da obra de Val del Omar (as súas raíces en Granada e o seu célebre laboratorio PLAT) está construído, tamén, a base de postas en escena performáticas: a levada a cabo como xogo das agachadas ou de persecucións na Alhambra, e a coidadosamente orquestrada para a cámara cos documentos e instrumentos do laboratorio.

Elena Duque