SINAIS AMÉRICA LATINA

PROGRAMA

Sala (S8) Palexco | Sábado 8 xuño | 13:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

SENSACIÓN 77: MIMETISMO
Marie Louise Alemann | 1977 | Arxentina | Super 8 | 8 min

A cámara busca unha persoa disfrazada. Alemann tenta desaparecer dentro da follaxe do delta do Tigre, na provincia de Buenos Aires, unha área de refuxio durante a máis represiva ditadura arxentina do século XX. Filmada por Claudio Caldini. A película orixinal desta curta perdeuse. (Federico Windhausen)

 

 

ABRIR MONTE
María Rojas | 2021 | Colombia, Portugal | 16 mm, transferencia a 4K | 25 min 47 s

O 19 de xullo de 1929, nunha vila de Colombia, un grupo de zapateiros loitou por mellorar as condicións de vida e de traballo no país. Chamáronse «os Bolcheviques do Líbano (Tolima)». A súa revolución durou só un día e tentaron borrar o seu rastro. As mulleres desta verea atópanse con Aura, unha avoa anarquista, coa sensación de que a súa rebelión aínda segue a suceder. (María Rojas)

ÑORES (SIN SEÑALAR)
Annalisa D. Quagliata | 2016 | México | 16 mm | 2 min 44 s

Ñores (sin señalar) lémbranos que O México é un país onde os que sinalan e denuncian a corrupción e a impunidade son silenciados. O foco central é o multihomicidio do fotoperiodista Rubén Espinosa, a activista Nadia Vera, Alejandra Negrete, Yesenia Quiroz e Mile Virginia, icónico acontecemento que exemplifica a crecente violencia no estado de Veracruz. O uso de película en B/N dálle un aspecto doutra época: poida que o contexto de violencia e inxustiza sexa actual, mais os problemas son os mesmos de antes, son como unha vella historia que se repite unha e outra vez. (Annalisa D. Quagliata)

 

EL BOHÍO
Sofía Gallisá | 2019 | Porto Rico | 16 mm | 2 min 22 s

Retrato da recreación dunha estrutura campesiña onde Luis Muñoz Marín, o primeiro gobernador portorriqueño electo (1948-1964), se reunía con políticos e intelectuais da súa época. Filmado logo do paso do furacán María en Trujillo Alto (Porto Rico). Grazas a Kathryn Ramey pola súa axuda. 16 mm revelado á man con anamú, unha planta medicinal nativa de Porto Rico. (Sofía Gallisá)

OFRENDA
Azucena Losana | 2023 | México | Super 8 | 3 min 51 s

Na cosmovisión otomí (dunha etnia do centro do México), o millo ou semente sabia caeu en forma de gotas para fertilizar o mundo. A súa actividade agrícola marca os ciclos cerimoniais. Como ofrenda e agradecemento prepáranse tortillas que son pintadas coa tintura natural do muicle. Utilízanse selos tallados en madeira de mezquite con ilustracións alusivas á natureza ou á Santa Cruz. Para a comunidade, as avoas son a ponte co sagrado. Elas entréganlles ás súas fillas ou netas os selos que no seu día herdaron, xunto á crenza de que o fogón é un lugar sagrado, e estas tortillas que alimentan corpo e alma son sinónimo de gozo. (Azucena Losana)

 

TANTAS VOZES NO SILÊNCIO DO AGORA
Cristiana Miranda | 2018 | Brasil | 16 mm | 11 min 35 s

Un coro de voces femininas, o murmurio profundo das augas subterráneas. Palabras escritas e soñadas, memoria redescuberta, éxtase e iluminación. (Cristiana Miranda)

 

DESASTRES NATURALES (#3)
Andrea Novoa | 2020 | Chile | 16 mm | 14 min

Desastres Naturales, filmado en Cuba e Chile, é o encontro de tres películas e tres territorios. Un relato persoal que, a través de experimentos que se manifestan en imaxes e escritos nun diario, retrata encontros vividos e lugares habitados atravesados por forzas da natureza, cores, accidentes e loitas. Dedicado a Lena. (Andrea Novoa)


SINAIS AMÉRICA LATINA

ESTAS PONTES CHAMADAS PELÍCULAS

Penso neste programa máis como unha pregunta ou un espello. Talvez un espello que crebou e que reflicte en distintas direccións. Nos distintos puntos cardinais, desde o cosmos, desde a terra, desde o subterráneo, desde o material e inmaterial, desde o espírito e os corpos. Esta maneira de pensar o cinema experimental na América Latina creceu como unha enredadeira cando migrei a Europa. Canto asimilamos e canto estamos a mudalo ou a influír nel? O cinema que naceu nos Estados Unidos e en Europa, o cinema que se erixiu como un escape e unha alternativa á industria e ao sistema: como nos resistimos ante unha fantasía que se reflicte afastada dos nosos contextos? E que tanto nos cambiou a vida a algunhas persoas. 

Percorro as películas desde a curiosidade, por un estado das cousas que palpita xunta os ruídos telúricos cos que medrei, a brisa do Pacífico e as bucinas do transporte público, creando un noise musical de frenesí urbano. Os nosos ritmos a chocar con outros ritmos artificiais das cámaras analóxicas e os proxectores. As memorias, os vapores, as suores e as lacrimóxenas que tornan opaca a pantalla do cinema. 

É o que se abre con este programa. Evocando e lembrando aquel in between (no medio) do que falaba Gloria Anzaldúa, quero abrir o campo para reflexionar sobre el como unha práctica de «mestizaxe». Unha contradición entre o nicho e o autoxestionado, entre o colectivo e o individual, entre o patriarcal e o disidente, entre o snob e o afectivo. Tensións que nos atravesan e se trenzan, que pontes son as películas que filmamos? 

O título é unha cita do libro editado por Gloria Anzaldúa e Cherríe Moraga Esta puente, mi espalda,¹ orixinalmente publicado en 1981, no que ambas reúnen diversas voces de mulleres, algunhas disidentes e todas de cor, residentes nos Estados Unidos, para poñer en cuestión o feminismo branco anglosaxón. Desde a experiencia da migración e a diáspora. Tomo esta antoloxía como unha inspiración, coa intención de dialogar sobre as intervencións, transformacións e desexos polo cinema experimental, que nacen e se fan desde algunhas subxectividades femininas latinoamericanas, xermoladas en distintos contextos e afectadas por diversos desprazamentos. Sen facer romanticismos, sen endeusar, sen afagar de máis. Observando as complexidades das nosas semellanzas e diferenzas, para que a nosa creatividade, como Audre Lorde diría, «poida acenderse como unha dialéctica». 

As relacións entre autoras non se establecen simplemente por semellanza, senón máis polo desexo de establecer un diálogo complexo, tupido de capas, como unha mazaroca por pelar. Cada unha provén de distintas latitudes do territorio actualmente denominado A América Latina. Algunhas, coma min, tomamos a decisión e tivemos a posibilidade de migrar pr’o norte. Nalgúns casos, polo mesmo desexo de facermos cinema ou de especializarnos neste, ou ambas as cousas. 

Hai algunhas características que influenciaron a selección, como a preferencia por películas feitas en analóxico, xa que este é un tema principal de discusión e debate, cando xorden as preguntas polo cinema experimental latinoamericano. A dificultade de acceso a este formato reduce as posibilidades da súa produción e tamén a súa difusión, como consecuencia da desaparición de espazos con equipos para este tipo de experiencia e a dificultade de custos e dispoñibilidade de stock. Porén, existen exemplos que amosan diversos xeitos de lle dar a volta á inaccesibilidade, como o predominante uso do branco e negro nas películas seleccionadas, pola súa facilidade para ser revelado de maneira caseira e con métodos orgánicos. Aínda que moitxs sabemos que a experimentación non é exclusiva deste formato e que actualmente a maioría das películas se terminan cun software dixital. Así como Gloria se apropiaba de ambos os idiomas, o anglosaxón e o seu castelán mexicano, e os mesturaba ao escribir, interésame repensar e propoñer unha observación destas películas a modo de pregunta, tomando en conta esta posibilidade de transformación da linguaxe, para descentrar. 

A palabra, as voces de historias persoais e colectivas atravesan e sosteñen estas obras, como retallos, como follas dunha árbore, como secuencia de bágoas. Voces que demandan, que lembran memorias que nos obrigan a esquecelas. Arquivos rescatados e nos que se interveu. Imaxes intuitivas, desde o encontro, desde a homenaxe e desde a busca. Unha confrontación coa mirada e imaxinarios, sen negarmos a influencia dun cinema experimental —que talvez agora poderiamos chamar hexemónico— de hai algunhas décadas e aos que aínda seguimos a quererlles. A maioría das artistas traballan en proxectos colectivos autoxestionados que promoven a produción experimental nos seus contextos e tamén —nalgúns casos— forman parte de proxectos curatoriais, de mediación e de preservación. É dicir, a relación co cinema non é só exclusiva da creación, senón que se estende á difusión, á pedagoxía e á distribución alternativa como prácticas esenciais para que poida seguir a existir. Sen deixar de lado a exclusividade inevitable do acceso a este tipo de educación experimental na América Latina, que normalmente está focalizada en comunidades de clase media-alta progresista. 

A paisaxe é unha constante nas películas, mais preséntase como un testemuño de historias políticas, de memorias censuradas, de camuflaxe ante unha forza opresora e de homenaxe a loitas sociais alleas. 

Esta é a primeira entrega do programa latinoamericano que empezamos no (S8). Quero darlles as grazas a Ángel Rueda e a Elena Duque pola invitación a sementar, cultivar e facer medrar un xardín con cheiros familiares. 

Ivonne Sheen Mogollón

Colonia (Alemaña)

Abril de 2024 

______________

¹En inglés: This Bridge Called My Back.