the8fest PRESENTA… BAGEROO: MOSTRA DE CINEMA MEZCLA!

PROGRAMA

Sala (S8) Palexco | Domingo 9 xuño | 17:30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

INTRODUCING…THE8FEST!
the8fest | 2024 | Canadá | Super 8 | 3 min

Presentamos… the8fest! Grazas, Toronto Arts Council, Niagara Custom Lab e Liaison of Independent Filmmakers, polo voso xeneroso apoio. (the8fest)

 

DISSOLUTION
Rennie Taylor | 2022 | Canadá | Super 8 a HD | 3 min

Que aspecto ten un edificio que está a piques de ser demolido? Normalmente non se anuncia aos catro ventos; con todo, hai quen bota unha ollada por entre os furadiños das mallas metálicas, mentres a bóla de demolición imparte xustiza, e se pregunta que era antes aquilo. Neste sentido, a estrutura do edificio que ocupa o número 888 da rúa Dupont tivo moitas funcións ao longo dos anos: no seu día foi unha fábrica de vasoiras para veteranos afectados dalgunha discapacidade e, na súa iteración máis recente, durante moitas décadas serviu de oasis para artistas. O seu futuro semella máis mundano e corrente: pisos con revestimento de vidro. Cando a un edificio que ten tras de si unha historia de comunidade, oportunidade e creatividade se lle dita unha condena a morte, fai algún son? Que nos diría se tivese ocasión? (Rennie Taylor)

 

MEMBRANA MORTIS (DEAD FILM)
Kyle Whitehead | 2016 | Canadá | Super 8 | 5 min

Membrana Mortis é un metafilme, unha ensamblaxe caótica de fragmentos de imaxe voltos a fotografar e manipulados por medios químicos que se seleccionaron dun rolo de película danada que resultaba case imposible de proxectar. O título da cinta apunta a unha dupla intención: aquí proceso e existencia presupóñense o un á outra e constitúen, á vez, unha elexía a unha película morta e a observación dunha nova xénese. (Kyle Whitehead)

 

PORTAL
Lina Wu | 2023 | Canadá | Super 8 | 3 min

Un brazo cinético transfórmase subrepticiamente nun portal de conexión que revela a maxia do xogo, o contacto e a amizade. Esta película de animación por rascadura é unha encomenda que se fixo en calidade de avance da edición de 2023 de the8fest. Grazas, Robin, Christine, Fan, Yoyo, the8fest, Niagara Custom Lab e, por suposto, Liaison of Independent Filmmakers, polo voso xeneroso apoio. (Lina Wu)

 

THE RETURN
Louise Noguchi | 2023 | Canadá | Super 8 | 4 min

Coa intención de buscar un obxecto que lles quedara, dous espíritos volven á zona onde vivían antes da guerra. Durante a visita, gozan ao comprobar o moito que mudou o lugar, malia que tamén lles resulta desalentador ver un antigo campo de tiro con fusil no que se probaban armas de fogo para o conflito. The Return trata do que se perdeu mais non se esqueceu, e da responsabilidade que liga unha xeración a outra. Encomenda de the8fest. Grazas, Niagara Custom Lab e Liaison of Independent Filmmakers, polo voso xeneroso apoio. (Louise Noguchi)

 

WHERE WE ARE IS ALWAYS TOO FAR AWAY
Mivan Makia | 2022 | Canadá, Os EAU | Super 8 | 6 min

Autorretrato pensado como díptico no que se presentan espazos lineais e non lineais como un corpo efémero. Alternando entre o movemento e a quietude, o tempo acelérase, faise máis lento e pérdese nas paisaxes da memoria. Encomenda de the8fest. Grazas, Niagara Custom Lab e Liaison of Independent Filmmakers, polo voso xeneroso apoio. (Mivan Makia)

 

TIMELAPSE THROUGH LIMA
Marcos Arriaga | 2000 | Canadá, O Perú | Super 8 | 5 min

Imaxes tomadas nun lapso de tempo por Lima (O Perú). O realizador senta a carón do condutor dun minibús, medio de transporte habitual nesta cidade, e vai filmando o que o rodea mediante imaxes que amosan un intervalo temporal, pulsando manualmente o disparador ao longo do traxecto.

 

LONG HALL
Eric Hill | 2022 | Canadá | Super 8 | 3 min

Dúas figuras entran nun corredor e ven que lles custa chegar ao outro extremo. Nesta cinta, rodada en película Super 8 en B/N, todos os «fragmentos de edición» se tomaron coa cámara na orde que se ve. Inspirada nas normas de circulación para vías dun só carril. (Eric Hill)

 

WHAT WORLD ARE YOU LIVING IN
Ema Walters | 2018 | Canadá | Super 8 a 16 mm | 2 min

Plasmada na nosa consciencia atópase a capacidade de esculpir a nosa realidade no barro da percepción. A medida que as escenas se combinan nunha mestura entre o palpable e o abstracto, van amosando a interconexión do noso mundo externo coa vasteza da nosa paisaxe interior. Convidamos o público a analizar a influencia que exercen os seus pensamentos e emocións sobre o tapiz da existencia e instámolo a abrazar os ilimitados dominios das posibilidades que existen na mente humana. (Ema Walters)

 

ABGAD HAWAZ
Robin Riad | 2024 | Canada | Super 8 | 2 min

Aprende a pronunciar o alfabeto árabe en 28 sinxelos pasos!

 

SWAY/PULL
Morgan Sears-Williams | 2022 | Canadá | 8 mm dobres proxectados como 16 mm | 5 min

Creada durante a pandemia de covid-19, cando por Toronto estaban a desaparecer os espazos queer, sway/pull constitúe unha meditación sobre a erosión da praia da punta de Hanlan, tanto no sentido literal como no figurado. Este areal, situado nas illas de Toronto, acolleu as primeiras celebracións do orgullo gay da cidade, na década de 1970, e hoxe en día segue a ser un refuxio queer. Alén diso, as illas enfróntanse a unha deficiente planificación urbanística que comportou un alto grao de erosión na praia. Esta película xoga co concepto de erosión mediante o arrastre físico de area, para logo volver falar da erosión literal da praia que ocasionaron en Toronto os fallos na planificación urbanística de finais do século XX, así como a erosión dos espazos queer durante unha crise sanitaria e económica mundial. A creación de sway/pull tivo lugar na Womxn’s Island Residency do Artscape Gibraltar Point, fundada por April Hickox no ano 2020. (Morgan Sears-Williams)

 

MOVING, PARTS ONE AND TWO
Sandy McLennan | 2021 | Canadá | 8 mm normais e 8 mm dobres a 16 mm | 8 min

A mesma toma da miña casa mentres penso na mudanza. A mudanza dun sitio para outro, baleirando unha caixa de cada vez. (Sandy McLennan)

 

GROUNDERS
Derek Jenkins | 2020 | Canadá | Super 8 a 16 mm | 5 min

No patio de recreo, confusión e diversión van da man. (Derek Jenkins)

 

THE DANSE MACABRE
Joanna Decc | 2023 | Canadá | 8 mm dobres proxectados como 16 mm | 4 min

Unha festa de baile nun cemiterio. (Joanna Decc)

 

4X8X3
Chris Kennedy | 2004 | Canadá | 8 mm dobres proxectados como 16 mm | 3 min

Os tranvías dan voltas. O transbordador sae e regresa nunha única acción. Cámara e personaxe bailan. (Chris Kennedy)

 

SECOND SUN
Leslie Supnet | 2014 | Canadá | Super 8 a 16 mm | 3 min

Coa intensidade crecente do son de tambores resáltanse chispazos escintileos, imaxes do sistema solar e unha concepción postapocalíptica do nacemento do noso Segundo Sol. (Leslie Supnet)

 

CUPID
Wrik Mead | 1998 | Canadá | Super 8 a 16 mm | 3 min

Cupido perde no seu propio xogo. (Wrik Mead)

 

the8fest PRESENTA… BAGEROO: MOSTRA DE CINEMA MEZCLA!

O Festival de Cine en Pequeno Formato the8fest é para calquera que estea interesado neste formato e nas pequenas alfaias que se crean con el. Todos os anos, desde 2007, convidamos cineastas de todo o mundo a presentarse á nosa convocatoria anual, o noso Bageroo, e buscamos filmes diversos: 8 mm, Super 8, 9,5 mm, instalacións, bucles, cintas persoais, performance etcétera, etcétera, etcétera. Se é en pequeno formato, queremos velo. 

No caso de que estiveses en the8fest ou visitases o noso sitio web, ou mesmo se simplemente liches este comunicado, verías o termo Bageroo. Proba a buscalo; non se atopa moito ao respecto! Parécenos que vén da expresión mixed bag («un pouco de todo», «para todos os gustos»), xa que sempre hai unha magnifica gama de películas agardando a ser vistas, ano tras ano, desde hai dezasete. Trátase dun termo singular que verdadeiramente encarna o espírito de the8fest. 

As cintas que imos proxectar para ti son obra dunha ampla variedade de cineastas canadenses e amosan distintas vivencias, técnicas e relatos. Ven connosco ver películas da comunidade canadense do pequeno formato; todos os anos organizamos obradoiros e encomendámoslles a realizadores incipientes e a outros xa consolidados a creación de traballos en pequeno formato, coa idea de manter vivo este espírito moitos anos máis.

Quereriamos agradecerlle ao (S8) Mostra de Cinema Periférico a xenerosidade que demostran ao acollernos mentres se desenvolve o seu festival. Tamén nos gustaría darlles as grazas ao Canadian Filmmakers Distribution Centre, á Liaison of Independent Filmmakers of Toronto, ao Niagara Custom Lab e A TI pola túa atención!

Robin Riad, presidenta da directiva de the8fest e cineasta