O PARAÍSO ATOPADO

Xuñ 5, 2024 | Destacados, Entrevistas

Paraíso, encontro de estudantes de Belas Artes que acolle alumnado da Universidade de Vigo en Pontevedra e da Universidad de Salamanca que conflúe coas súas películas creadas para a ocasión, florece un ano máis. Lemos aquí o testemuño de tres das estudantes que pasaron por este paraíso atopado que é comandado por Xisela Franco e Laura Gómez Vaquero: Tamara Goberna e Claudia Pineda, da universidade galega, e Miriam Opazo, da facultade salmantina.

Que cousas descubristes ou aprendestes durante o proceso de creación da peza que trouxestes á Coruña?

Tamara Goberna: ¡Eh, tú! MALA PÉCORA é a primeira peza que mostrei no festival en 2021 e vivino como un proceso de autoaprendizaxe e autodescuberta. Grazas á oportunidade de realizar na Universidade de Vigo, con Xisela Franco, un videoensaio experimental, moi persoal, puiden expresar nese momento como me sentía coas ferramentas que tiña ao meu alcance e interesarme cada vez máis por este medio. As mostras en público poden ser duras, pero en todo momento sentín valorado o meu traballo dentro dun ambiente acolledor.

Miriam Opazo: Probablemente descubrir no cinema unha forma de contar e de me contar é unha das maiores e, sen dúbida, máis bonitas aprendizaxes nas que me vin envolta en todo o cómputo dos meus anos universitarios. Atopar un medio de expresión tan potente, sentir que es quen, a través del, de trasladar ao corpo alleo os pensamentos e as sensacións do teu propio, é como encontrar unha desas persoas coas que encaixas tan á perfección como as pezas dun crebacabezas feitas á xusta medida a unha da outra. Creo que foi esa a porta que os procesos da peza que vimos hai dous anos en Paraíso, Retratos do silencio (2022), conseguiron abrir na miña cabeza. A porta aberta dunha nova linguaxe. Unha linguaxe que sentín miña.

Claudia Pineda: Durante a miña participación no (S8), tiven a oportunidade de presentar tres pezas diferentes. O ano 2021 presentei en Paraíso El viaje, 1988; o proceso de creación foi bastante intenso, mais considéroo o máis fresco e inocente de todos, xa que non tiña demasiado medo ao erro. Nun curto período de tempo aprendín moito a nivel tanto técnico como conceptual e experimentei con ferramentas que non probara antes, como o uso da metraxe atopada, a narrativa non lineal e a voz en off. Durante a creación desta peza, atopei novas formas de expresar as miñas ideas e emocións e descubrín que a creación experimental é a forma en que quero traballar a miña obra, tanto plástica como audiovisual.

Destacariades algunha vivencia do voso paso por Paraíso no (S8)? Que parte da programación vos impactou ou inspirou máis?

Tamara Goberna: Este apartado é un dos meus favoritos. Paréceme moi boa idea ofrecer un espazo de visibilización e de comunicación a artistas novos que están a dar os seus primeiros pasos fóra da institución académica. Tamén creo que a confluencia con artistas doutras comunidades é un punto interesante; saírmos da esfera que nos circunda e nutrírmonos doutros xeitos de facer, ver e expresar. Gocei moito de toda a experiencia, sobre todo de podela compartir coas miñas compañeiras de aula, pero a performance ao aire libre que levaron a cabo xs alumnxs da Universidad de Cuenca lembro que me impactou bastante. Unha despregadura envolvente en directo de luces e movemento á que non estaba afeita. Ao ano seguinte volvín para presentar o vídeo Los apellidos, mais esta vez na sección Sinais. Sempre que vou saio con moitas ganas e ideas de seguir creando e estou moi agradecida por ter formado parte desa sinerxía.

Miriam Opazo: Recordo os días que pasamos aquel xuño na Coruña como unha sorte de marabilloso transo, destacable no seu conxunto. Era a primeira vez que calquera de nós pousaba os pés nun espazo así, tan necesario para compartir e abrir vieiros creativos e tan imprescindible para comprender que existen tantas formas distintas e preciosas de mirar e de contar como filmes pasaban polo interior dos proxectores. Estabamos todo o día correndo dunha proxección para a outra, querendo estar en todas as partes ao mesmo tempo e pestanexando o xusto para non perder nin un só segundo do que a gran pantalla tiña por descubrirnos.

Se alguén cometese a inocente crueldade de me obrigar a escoller unha única parte da programación, estou certa de que serían argumento de peso na miña escolla as sensacións que os Desbordamentos produciron en min todas as noites na Luis Seoane, espazo máxico do que eu saía (e saio) sempre absolutamente hipnotizada, coa cabeza convertida nun fervedoiro de achados e ideas. Mais, insisto, só podería elixir de me ver obrigada como entre a vida e a morte, pois toda a programación é, alén dun excelente traballo, interesante e arrequecedora do principio ao fin. Como dicimos en Galicia: medre o (S8)!

Claudia Pineda: A miña experiencia en Paraíso no (S8) mudou o rumbo da miña carreira. Durante a proxección da curtametraxe, un cazatalentos do ICAA viuna e propúxoa para o Short Film Corner do Festival de Cinema de Cannes. Logo de semanas de espera e varias preseleccións, fun unha das cinco estudantes de cinema en España seleccionadas para asistir a este incrible festival en Francia. Pero, alén desta grande oportunidade profesional, o meu paso polo (S8) foi realmente transformador. É un espazo incrible para intercambiar, coñecer e descubrir un cinema máxico, e é un festival no que me sinto orgullosa de ter participado e ao que lle estou eternamente agradecida por todo o cariño e apoio recibidos do seu equipo durante os últimos anos.

Cada unha das tres edicións do (S8) ás que asistín foron realmente especiais. Pero gocei moito das seccións inmersivas no patio da Fundación Seoane, e destacaría a sorte de ver o tríptico de Val del Omar canda grandes expertos na súa obra. Tamén puiden participar en programas con cineastas inspiradores como Amy Halpern, Dianna Barrie e Richard Tuohy e poder conversar con estes artistas ao final das sesións foi unha experiencia incrible. Sempre regreso do (S8) cun caderno cheo de recomendacións e novas ideas que me inspiran a seguir creando e a querer volver o ano seguinte.

PUBLICACIÓNS RECENTES