XPRESA
DIDÁCTICA
O (S8) concibe o cinema como ferramenta de autocoñecemento e exploración dos sentidos e as emocións. Ese é o espírito que inspira Xpresa, programa didáctico cuxo obxectivo é impulsar a inclusión social.
Unha das accións incluídas neste programa é o obradoiro que todos os anos ofrecemos para persoas de capacidades diversas ou en risco de exclusión social, impartido por cineastas de recoñecida traxectoria. Rachando os moldes á hora de espertar o entusiasmo polo cinema, Xpresa non se conforma con divulgar modelos de creación tradicionais, senón que aposta por lles brindar ás persoas que participan un mecanismo a través do cal poden experimentar e expresar o seu propio universo mediante a creación libre e estimulante de pezas cinematográficas persoais, feitas coa intuición previa ao aprendido. En edicións anteriores acollemos obradoiros de cineastas como Pablo Mazzolo, Jeannette Muñoz, Andrés Duque, Ainhoa Rodríguez, Tânia Dinis, Franci Durán e Deneb Martos. Nesta ocasión, o obradoiro será impartido pola artista, cineasta e fotógrafa mexicana Marcela Cuevas.
Xpresa contou nos últimos anos coa colaboración de asociacións locais, como é o caso, nesta edición, da Asociación Galega de Asperger (ASPERGA) e a Fundación Adultos Discapacitados da Coruña (ADCOR). Este ano incorpórase, ademais, o Programa de acollida de solicitantes e beneficiarios de protección internacional da Cruz Vermella.
OBRADOIRO XPRESA CON MARCELA CUEVAS
PAISAXES PARA UN CINEMA AUTOBIOGRÁFICO
Obradoiro que parte da creación de imaxes en movemento por medio das técnicas de colaxe e debuxo en acetato, así como da exploración de imaxes no microscopio de obxectos, no arquivo persoal e nas plantas da contorna, mediante as cales se traballará un autorretrato abstracto para finalmente presentar todo en conxunto como unha obra poética e colaborativa que visibiliza e integra a potencia das nosas singularidades.
