INPUT
ESPAZO DE TITORIZACIÓN PERSONALIZADA DE PROXECTOS CINEMATOGRÁFICOS EN DESENVOLVEMENTO
INPUT é un espazo de titorización e asesoría de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que xorde en 2017 da colaboración entre a Fundación Luis Seoane e o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, mediante o cal un grupo de cineastas e artistas ten acceso a profesionais de prestixio internacional do ámbito do cinema e da arte cos cales poder debater sobre os seus proxectos, dende o estado de escritura e desenvolvemento ata o de distribución. Trátase de titorías individuais e personalizadas, onde cada unha das persoas seleccionadas comparte os seus procesos creativos, que son analizados polo/a mentor/a para buscar novas vías ou impulsar as xa existentes.
INPUT é unha das principais liñas de traballo de eSe8_LAB, que organiza e promove actividades profesionais que inciden na modernización do sector e repercuten, así, na promoción da nosa cultura, no ámbito estatal e no internacional. O obxectivo destas xornadas é fomentar a profesionalización dos novos creadores e potenciar, ao mesmo tempo, a formación, a vertebración e a creación de redes dentro do sector cultural no noso país.
Co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Xunta de Galicia) e a Fundación Luis Seoane.
TITORES
TAMARA GARCÍA
Foi cinco anos directora do Festival Internacional de Cortometrajes de Aguilar de Campoo e catro, programadora no colectivo MAPA, asociado a Arteleku.
Combinou traballos de comisariado en Buenos Aires para o Museo de Arte Contemporáneo, o Museo Nacional Centro de la Memoria e @elrecoleta, así como para o Goberno Vasco (Centro de Patrimonio Industrial Orkonera-Lutxana), a Kutxa Fundazioa Artegunea e a Galería Cibrián en San Sebastián coa produción executiva cinematográfica dos filmes Las hijas (Daniel Romero, 2025), Sobre todo de noche (Víctor Iriarte, 2023), O gemer (Xabier Erkizia, 2021), Euria ari du aspaldi ez bezala (2019) e Aboios I, II, III e IV (Xabier Erkizia, 2020-2021), e das series Ikuspuntuak e Harri biguna.
Os seus filmes experimentais pasaron por FID Marseille ou ZINEBI. A súa última curtametraxe conseguiu estar nos festivais máis prestixiosos do panorama actual.
PABLO MARÍN
Cineasta, crítico e profesor. Como investigador e programador independente, presentou programas sobre cinema arxentino en América do Norte e Europa, e actualmente programa o ciclo Confesionario en Cineteca Madrid. Traduciu libros de Jonas Mekas, Stan Brakhage e John Waters, entre outros, e o seu volume sobre cinema experimental arxentino Una luz revelada. El cine experimental argentino publicouse en 2022. Dá aulas en LAV (Madrid), EQZE (San Sebastián), Chavón (Santo Domingo), a Penumbra Foundation (Nova York) e a Schule Friedl Kubelka für unabhängigen Film (Viena). Os seus filmes recibiron premios en Oberhausen e Filmadrid.
MIGUEL ARMAS
Investigador, crítico, programador e distribuidor de cinema con especial interese polas prácticas experimentais e as relacións entre crítica e creación fílmica. Foi membro do consello editorial da revista Lumière e dende 2020 traballa en Light Cone, asociación parisiense dedicada á preservación, difusión e distribución do cinema experimental, onde se ocupa do catálogo de distribución, alén de participar en proxectos de edición e programación. Paralelamente, colaborou con diferentes institucións como LAV, a Cinémathèque française, Xcèntric, Les Éditions de l’Œil, Débordements e La Clef Revival. Coeditou, xunto con Luc Chessel, Textes critiques, de Jacques Rivette (Post-Éditions, 2018), e posteriormente participou na edición dos escritos de Robert Kramer, Notes de la forteresse (Post-Éditions, 2019). É autor do ensaio En el umbral de lo visible, publicado na colección Breus do CCCB en 2026.
ALMUDENA ESCOBAR LÓPEZ
Investigadora, curadora e arquivista. Ensina Historia do Cinema, Preservación Fílmica e Xestión de Coleccións na School of Image Arts da Toronto Metropolitan University. Comisariou programas de cinema e vídeo en institucións como o Centre de Cultura Contemporània de Barcelona, TIFF, o Batalha Centro de Cinema, o Arsenal, o Lincoln Center, o Museum of Modern Art, Anthology Film Archives, a Muestra Internacional Documental de Bogotá e a Cineteca Nacional de México, entre outras, e foi coprogramadora do 67th Flaherty Film Seminar. É membro do comité de programación de Diffusion en Toronto e forma parte das xuntas directivas do Media City Film Festival e do Canadian Filmmakers Distribution Center.
Os seus textos foron publicados en Magazine (MoMA), Notebook (MUBI), The Brooklyn Rail, Afterimage ou Film Quarterly. Recentemente coeditou Colectivo Los Ingrávidos: An Anthology [2012-2024] (2025), a primeira monografía dedicada á obra do Colectivo Los Ingrávidos.
PROXECTOS SELECCIONADOS
CORNETA CHINA, DE LA VULCANIZADORA
Unha corneta soa e convoca unha historia que o Caribe case esqueceu. Corneta china é un documental experimental rodado en 16 mm que explora a memoria da migración chinesa no Caribe colombiano: os traballadores chineses que chegaron ao istmo de Panamá baixo contratos de escravitude, a súa posterior fuga e asentamento en Santa Marta e Barranquilla e a pegada invisible que deixaron na identidade da rexión. A través de arquivo fotográfico e histórico, testemuños orais e unha experimentación sonora onde a corneta é o fío condutor, o filme percorre tres movementos (a viaxe inicial, a chegada e o carnaval) para contar a historia de presenzas que se fundiron na cultura caribeña sen deixar rastro visible, permeando inevitablemente na historia do que é hoxe Colombia.
La Vulcanizadora é o estudio creado por María Rojas Arias e Andrés Jurado, onde o cinema, a arte e os arquivos exploran a memoria, a resistencia e as formas expandidas e diversas a través do cinema. Recoñece os legados culturais de África, Asia e outras latitudes, establecendo conexións que se estenden cara ao Caribe, a Amazonia e a Orinoquía. La Vulcanizadora está inspirada nos obradoiros situados en territorios inéditos dedicados a reparar e fortalecer os materiais obtidos do zume dunha árbore.
AUREOLA INFINITA, DE ANA CÍSCAR E RUBÉN MARÍN
Aureola infinita é unha película en proceso filmada integramente en 16 mm mediante o procedemento de fotograma a fotograma. O filme artéllase a partir dun conxunto de imaxes científicas e técnicas —fotografías de eclipses de finais do século XIX e principios do XX, exemplares de fauna e flora exhibidos en museos de historia natural ou grupos de espectadores a observaren eclipses e a aluaxe do Apolo 11— que operan como ferramentas que contribuíron historicamente a configurar modos específicos de ver, clasificar e comprender o real. A través da recorrencia de motivos como a eclipse, a observación colectiva ou os dispositivos de mediación óptica, Aureola infinita explora como as imaxes non só rexistran o mundo, senón que tamén o organizan e o fan visible, de xeito que abren un espazo en que a súa aparente evidencia se creba e dá lugar a novas formas de percepción e sentido.
Rubén Marín é un creador audiovisual, investigador e docente. O seu traballo sitúase no cruzamento entre o cinema experimental e a arte contemporánea e céntrase nas formas híbridas da imaxe en movemento, con especial atención ás súas condicións de produción, os seus modos de articulación e os dispositivos que as fan posibles. A súa práctica artística desenvólvese arredor da imaxe en movemento —cinema e vídeo—, así como da fotografía, a instalación e a arte de acción.
Ana Císcar é artista visual e docente no Departamento de Pintura da Universitat Politècnica de València (UPV). A súa práctica sitúase no ámbito da pintura contemporánea e céntrase na imaxe e no seu potencial narrativo, explorando a tensión entre a fotografía documental e a condición interpretativa e construída da pintura. A partir de imaxes de arquivo e prensa, emprega estratexias de montaxe, borrado e recomposición que cuestionan as políticas da visualidade e xeran lecturas abertas.
LUZ DERRAMADA, DE GONZALO MANCHÓN
Exploración da relación entre o medio fílmico e o tempo mediante a filmación con manivela en 16 mm, que permite que sexa a man a que determina que fragmento temporal queda condensado na imaxe. A fronteira entre a luz e o corpo, a man a liberarse da máquina ata atopar os límites corporais da exposición. Un proceso que, lonxe de buscar replicar o «movemento real» da cámara, parte da idea de pór de manifesto a condensación do tempo mediante a dimensión pictórica do cinema.
Gonzalo Manchón nace en Valladolid en 1999. Tras estudar o Grao en Historia da Arte (Universidad Complutense de Madrid) e o Grao en Cinematografía (TAI, Madrid), actualmente atópase cursando o MÁSTER.LAV (LAV, Madrid). A súa práctica oriéntase á procura das especificidades que pode ofrecer o medio fílmico, con especial interese pola manipulación técnica dos soportes materiais que o fan posible e as implicacións que isto ten na obra.
ASSAIG_D’APROXIMACIO A ARA O MAI, DE CARLOS BAIXAULI
Assaig_d’aproximacio a Ara o Mai é un cinema-ensaio político que reflexiona verbo da identidade valenciana (orixe, lingua e autodeterminación) a través da denuncia dos atentados terroristas de extrema dereita durante a transición democrática ata se alcanzar o Estatuto de autonomía (1975-1982). Esta obra, a medio camiño entre unha Chinoise do «Levante» e unha Hora de los hornos valencianos, busca dar resposta á seguinte pregunta: que quere dicir iso de «valenciano»?
Carlos Baixauli é un [cineasta] pirómano. Nos últimos anos alcanzou a queimar tres oliveiras, unha palmeira e preto de seiscentos metros de película en distintos formatos. Traballa como docente na Universidad Camilo José Cela e é coordinador do Archivo Val del Omar.
