JEANNE LIOTTA

PROGRAMA 1

Domus | Martes 2 de xuño | 20:30 | Entrada libre a todas as sedes ata completar aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

Path of Totality
Jeanne Liotta | 2017 | Os Estados Unidos | Performance en 16 mm | 35 min

Performance nun proxector para un bucle de película en 16 mm, con lentes e obxectos inventados, inspirada na eclipse solar total de agosto de 2017, mais que non contén imaxe fotográfica ningunha. Un conxunto de obxectos sinxelos, concretos e transparentes á vez, manéxanse fisicamente para producir unha contorna de proxección expansiva alén do cadro. Actívanse e adquiren forza de propulsión os conceptos visuais de latencia da luz, visión periférica e imaxinación cósmica. Insatisfeita coa capacidade da fotografía para plasmar as inefables condicións luminosas da eclipse solar, substitúo o solar polo sistema de proxección para así crear, de xeito deliberado, unha obra que non é unha imaxe do mundo físico, mais que non podería existir sen el. Sons a cargo do grupo de poetas constituído por Eric Baus, Phil Cordelli e Oren Silverman, interpretados orixinalmente en directo no Georgia Art Space de Denver (Colorado).

(Jeanne Liotta)

JEANNE LIOTTA

DESCUBRINDO O UNIVERSO

Como se debeu de sentir no seu día Galileo Galilei cando perfeccionou o telescopio e foi quen de observar os corpos celestes? Catro séculos despois, todo o coñecemento científico acumulado non anula a impoñente sensación que pode dar a contemplación directa das estrelas, o que nos invade cando descubrimos o mundo experimentándoo directamente. Así o expresa Jeanne Liotta: «A descuberta acontece todo o tempo e pode ser persoal. Se eu descubro algo por min mesma…, segue a parecerme unha auténtica descuberta». E é así como o seu cinema, sexa cal sexa o tema que aborde, parte dunha observación atenta e demorada do seu obxecto de estudo, que logo se materializa en filmes que realmente activan esa sensación de descuberta en quen os ve. 

Jeanne Liotta, neoiorquina, estudou teatro e somerxeuse a fondo na escena creativa do Nova York dos 80, na cal a colaboración, o «faino ti mesma» e a posibilidade de expresarse en calquera forma ou linguaxe artísticas eran algo fluído e aberto. Liotta tocou a batería nunha banda, foi modelo de debuxo ao natural, traballou en compañías teatrais como Gargoyle Mechanique e The Alchemical Theatre Company e mergullouse tamén na fotografía. De aquí foi chegando pouco a pouco ao cinema, ata completar o seu primeiro filme, Blue Moon (1988), que poderemos ver neste programa. E, se ben pasaron anos desde aquela, nos cales Liotta construíu unha extensa e prolífica carreira artística e tamén educativa, prevalece ese espírito de liberdade formal que a leva a traballar en instalacións, performances, colaxes e todo tipo de obras, sen límites. Malia que os filmes e performances que veremos neste programa se centran máis —pero non só— no lado «científico» da súa obra (que tamén abrangue investigacións como Climate Fictions (1–4) [2017-18], arredor dunha visión distópica do futuro climático da Terra), é importante sinalar que esta non é a única forma que tomaron os seus intereses e a súa observación do que a rodea, que tamén se moveu por rexistros máis documentais ou etnográficos en obras como Crosswalk (2010), ou partiu da poesía, como é o caso de filmes como Dark Enough (2011). 

Transmitir unha descuberta non pasa necesariamente por filmala. Iso é o que aborda Liotta en Path of Totality (2017), performance que inaugura este ano a Mostra e que se centra en recrear a sensación dunha eclipse nunha sala de cinema sen usar ningunha imaxe fotográfica. O feixe de luz do proxector, intervido de distintas maneiras, é o que nos conduce á experiencia, e á toma de consciencia da nosa pequenez ante a inmensidade do cosmos e dos seus sucesos, que sacoden a Terra. 

Conectando con Path of Totality e co tema desta edición (as eclipses), a segunda sesión ábrese cun pequeno filme, case un haiku (forma poética de que Liotta bebeu noutras das súas películas), titulado Moonplay (after Marie) (2015). Despois de empezarmos coa Lúa, baixamos á Terra, para tentar elucidar os efectos dos astros sobre o planeta e sobre os que o habitan. Primeiro intuímos unha forma humana en Loretta (2003). Realizado coa técnica do rayograma, o filme case se pode ver como unha intensa luz solar amarela que nos invade, e na cal se interpón a silueta escura dun corpo de muller, evocando así de novo unha eclipse. O corpo materialízase en Blue Moon (1988), película que parecería case un conxuro. O filme foi feito nun día de «lúa azul», que é un fenómeno astronómico pouco común: é cando hai unha segunda lúa chea dentro dun mesmo mes do calendario. Unha muller baixo o influxo desa lúa protagoniza este filme fragmentario, íntimo, en certo sentido «lunático», no cal vemos e ouvimos a auga e o seu fluxo, tamén movidos por fenómenos interplanetarios. A seguir, en Muktikara (1999) observamos unha gran masa de auga, un lago. No lago reflíctense o ceo, as nubes; na auga resplandece a luz dos astros. En determinado momento, o que está arriba e o que está abaixo confúndense; o punto de referencia xa non o dita a Terra, senón que esta se insire na orde relativa do universo. Só a gravidade nos indica ese «arriba e abaixo», mais realmente estamos sobre unha esfera que flota no espazo. O seguinte filme vai despegando o seu ollar da Terra para o dirixir á inmensidade. Observando El Cielo (2007), xa un clásico da historia do cinema experimental, precisamente xorde do sentimento de impresión que invadiu a Liotta ao contemplar o movemento do ceo nunha noite no campo. E son eses time lapses ultraterrenais da película os que nos confrontan co movemento do sistema solar. Un fenómeno que é ben coñecido, mais cuxa visión emociona e estremece coma se o pensásemos por vez primeira. O observatorio representa aquí a mirada científica, idea que Liotta recolle tamén en Eclipse (2006), só que evocando eses «filósofos da natureza» que nos tempos previos á fotografía rexistraban as súas descubertas debuxando e escribindo. Neste caso, o que Liotta toma da eclipse de 2003 é inscrito en película, no que é tamén unha investigación sobre unha fenda na historia da astronomía: a que hai entre o tempo en que estaba dominada pola xeometría e o cálculo, e a era posterior da observación empírica. Finaliza este programa, que tamén é parte da clausura do festival, coa performance Affect Theory (2013), unha dupla proxección que se ocupa das posicións dos planetas a base de metraxe atopada de películas educativas. Un último ollar ao universo, no cal a divulgación se converte en encantamento. A éxtase da descuberta ao noso alcance grazas á arte e, máis concretamente, grazas ao traballo de Jeanne Liotta. 

Elena Duque