SOSTIBILIDADE
O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico mantivo desde os seus comezos un compromiso de sustentabilidade ambiental e económica a través de diversas prácticas, como a reciclaxe e reutilización de materiais, mobiliario e estruturas dun ano para outro ou o convenio con medios de transporte público, entre outros.
Estas e outras accións estiveron sempre nas boas prácticas da Mostra. Nos últimos tempos, o (S8) vén trazando un Pan de Sustentabilidade con obxectivos e principios claros:
-
- Diminuír, previr e compensar a nosa pegada ecolóxica.
- Reducir o consumo de recursos non renovables.
- Diminuír a xeración de residuos e contaminantes.
- Previr os impactos ambientais, culturais e sociais derivados da celebración do evento na Coruña, pero tamén a nivel estatal, europeo e global.
- Promover o uso do transporte sustentable e o consumo de forma responsable coa nosa contorna.
- Fomentar a conciencia ambiental entre a nosa audiencia. Concienciar sobre as problemáticas ambientais relacionadas co cambio climático, a desertización e os cambios ambientais globais.
Respecto a este último obxectivo mencionado, a nosa programación inclúe cada ano un ciclo de cinema para centros de ensino que, durante o mes previo ao festival, busca concienciar do problema ambiental aos máis pequenos e estimular o seu debate en coloquios posteriores.
Sensibilizar nesta cuestión ao público adulto é tamén unha constante do festival, non só a través das películas, senón a través do ensino de prácticas tipo DIY (faino o teu mesmo) e baixo o principio do decrecimiento. Actividades como:
-
- O taller de revelado con flores (green process), ausente de químicos contaminantes, impatido por Phil Hoffman (2018)
- O taller de cinema sen cámara da man de Madi Piller (2019).
- Os talleres online de Richard Tuohy e Dianna Barrie (2020) que ensinaron, por exemplo, como facer en casa con materiais reciclados unha cámara estenopeica.
- O pasado 2022, contamos coa presenza de Dianna Barrie & Richard Tuohy. Os cineastas acudiron desde Australia para impartir, coa súa filosofía D.I.E., un taller no que nos ensinaron, por exemplo, como construír un sinxelo laboratorio caseiro para revelar nós mesmos nosas propias películas.
Todo iso, permite librarnos de depender dos grandes laboratorios, e aforrar unha importante pegada de carbono en cuantiosos envíos e químicos de revelado.
Na edición 2023, incorpóranse novas accións como:
-
- Emprego de coches eléctricos para o desenvolvemento e produción do festival.
- A reutilización de lonas e bandeirolas das edicións anteriores nun proxecto de reciclaxe e fabricación de útiles téxtiles, enxoval e accesorios que se porán á venda, coordinado e elaborado pola deseñadora Melania Freire (Premio Mercedes-Benz Fashion Talent 2019) en colaboración con Aida Mosquera (Estilista e Directora de Arte) e manufacturado por usuarios e usuarias de ADCOR – Fundación Adultos Discapacitados de A Coruña. Unha forma orixinal de darlle unha nova vida a estes materiais.
- Celebración da MESA sobre SUSTENTABILIDADE NOS FESTIVAIS, que reunirá a representantes de diferentes festivais de Galicia, unidos pola súa participación no PACTO CULTURA SUSTENTABLE.
IGUALDADE DE XÉNERO
O (S8) é un evento cultural programado, organizado e protagonizado por mulleres.
Isto transcende tanto na forma de traballar e funcionar en equipo, así como na programación. Na propia esencia do festival, ?o periférico?, está na nosa vontade impulsar un cinema libre e independente. Un cinema de difícil distribución, pola súa natureza vangardista que o deixa fóra dos circuítos comerciais, pero tamén por unha cuestión de rumbo de xénero.
Froito deste compromiso coa igualdade de xénero son as accións que leva a cabo cada ano o festival, como o fomento dun público diverso (idade, nacionalidade, identidade…), o emprego dunha linguaxe non sexista, libre de estereotipos e prexuízos ou a presenza de mulleres na programación (artistas, directoras, grupos de/con mulleres, conferenciantes…). Pero, sobre todo, evidénciase na repartición de responsabilidades, xa que non só conta cun equipo paritario (60% mulleres; 50% homes), senón que todos os equipos do (S8) están dirixidos por mulleres (dirección, programación, produción, educación, técnica, prensa, patrocinios, convidados e actividades).
INCLUSIÓN SOCIAL
A dimensión inclusiva das nosas actividades veu acadando unha maior relevancia nos últimos anos, cristalizada no noso Taller de inclusión social a través do cinema – Xpresa, unha actividade independente, con dimensión propia e fóra das datas do (S8). Unha aposta por usar a creación cinematográfica como motor de inclusión social. XPRESA emprega a creación cinematográfica como ferramenta a través da cal adultos e menores con capacidades diversas poidan expresarse emocionalmente e desenvolver as súas propias facultades da man de profesionais de arte cinematográfica con experiencia no traballo con persoas con diversidade cognitiva e/ou funcional.
Seguindo o espírito do festival que concibe o cinema como arma de autocoñecemento e exploración dos sentidos e as emocións, nace en 2018 este taller, froito da vontade de ofrecer un curso que lonxe de atraer a un proceso de creación tradicional a persoas de capacidades diversas, permita, ao contrario, brindarlles un mecanismo a través do cal poidan experimentar e expresarse a través da creación libre e estimulante de pezas cinematográficas persoais. Unha ferramenta da que valerse para dar saída ao seu propio potencial creativo, artístico e intelectual. Unha ferramenta de múltiples arestas, versátil e rica como é a linguaxe cinematográfica, salvando as limitacións do método tradicional e explorando todas as posibilidades da imaxe en movemento, nunha contorna que favoreza a liberdade de experimentación.
O obxectivo de Xpresa é tamén o de favorecer a realización persoal e artística de persoas con discapacidade así como a súa inclusión, abrindo espazos profesionais e artísticos como son os festivais de cinema a potenciais artistas que pertencen a colectivos excluídos destes circuítos, entendendo que estas persoas con capacidades diversas merecen unha plataforma de exploración, experimentación, difusión e visibilización. Ademais Xpresa ofrécelles a oportunidade de entrar en contacto durante varios días de traballo cun cineasta de prestixio internacional que achega unha perspectiva profesional máis próxima ao ámbito da creación que da docencia académica tradicional.
Ademais, como resultado de participar neste taller, usuarixs das dúas asociacións colaboradoras obtiveron traballo no ámbito cinematográfico, como parte do equipo de rodaxe en películas de cineastas que formaron parte da programación do (S8).
Xpresa forma parte desde 2020 do Programa Cultura Accesible e Inclusiva da Fundación Emalcsa e conta coa colaboración da Fundación Luís Seoane e Afundación – Obra Social ABANCA.
COLABORACIÓN CON ASOCIACIÓNS DE CARÁCTER SOCIAL
A pesar de que o proxecto naceu do traballo con mozos e mozas con Asperger en idade de escolarización, pronto se estendeu a colectivos de adultos con diversidade funcional en risco de exclusión social, con excelentes resultados, entendendo que os principios de Xpresa que emprega o cinema como ferramenta de inclusión, serven tanto para menores como adultos. Por este motivo, o proxecto conta coa colaboración das asociacións que formaron parte das anteriores edicións de Xpresa e, ademais, busca, a través do traballo con Centros da Coruña, a participación de mozas en idade de escolarización que tamén sofren risco de exclusión social.
Asociación Galega de Asperger – ASPERGA
A Asociación Galega de Asperger nace na Coruña en 2006, ano en que comeza a tecer unha rede de familias e persoas con Síndrome de Asperger co obxectivo de loitar por un futuro de inclusión para as persoas con síndrome de Asperger, promovendo a sensibilización e concienciación social da nosa contorna, traballando en rede con outras entidades para sumar esforzos e lograr un beneficio común, loitando porque as persoas con síndrome de Asperger sexan cidadáns de pleno dereito, implicando niso ás Administracións Públicas; traballando coas persoas con TEA para que tomen o control das súas propias vidas e o futuro do seu colectivo.
Fundación Adultos Discapacitados da Coruña – ADCOR
A Fundación Adultos Discapacitados da Coruña, (ADCOR) inicia a súa andaina en 1996 e é o froito da tenacidade e a perseveranza dun grupo de pais de futuros usuarios que, na procura dun futuro mellor para os seus fillos, conseguiron concitar o apoio dun puñado de institucións públicas e persoais para pór en marcha unha iniciativa cunha misión ben definida: facilitar a vida ás persoas adultas con discapacidade psíquica e das súas familias.