DIDÁCTICA

TALLER CON DIANNA BARRIE E RICHARD TUOHY

Dispoñible baixo demanda do domingo 27 de Septembro ao domingo 4 de Outubro | Accede aquí

As figuras de Dianna Barrie e Richard Tuohy están presentes sempre que se fala do presente e do futuro do cinema experimental en formato analóxico. Desde a resistencia fotoquímica, estes dous activistas de Melbourne construíron unha obra sobresaínte e cativadora. Ademais, son importantes axentes na difusión do coñecemento e do arte do cine. Tamén fundaron o laboratorio autoxestionado Nanolab, o Artist Film Workshop, centro de exhibición e epicentro da comunidade artística australiana, e o Australian International Experimental Film Festival. Á espera de poder amosar as súas obras á calor dos proxectores de 16mm, presentamos un obradoiro en cinco sesións. Neste taller, Barrie e Tuohy compartirán o seu saber e o seu enxeño creativo á hora de traballar con celuloide. O obradoiro está especialmente indicado para todos aqueles que traballan ou queiran traballar en super 8 e 16mm.

COMO FACER UNHA CÁMARA ESTENOPEICA DE SUPER 8
As cámaras estenopeicas son cámaras fotográficas sen lente. Están formadas por unha caixa de cartón cun pequeno furado por onde entra a luz (o estenopo) e un material fotosensible. En esencia, son cámaras feitas con caixas de zapatos. Barrie e Tuohy propóñennos construír unha coa que poder filmar en super 8. Como se fosen o MacGyver do cinema fotoquímico, serviranse dun pedazo de lata, un bolígrafo, unhas tesoiras e un cartucho de super 8, claro está.

COMO FACER UNHA COPIA POR CONTACTO USANDO UN PROXECTOR DE 16mm
A carencia de equipamento técnico nunca detén aos artistas. A falta dunha contact printer, máquina que serve para copiar películas en 16mm e que cunha boa imaxinación tamén se erixe en potente instrumento creativo, Barrie e Tuohy amósannos como transformar un proxector de 16mm nunha copiadora por contacto a partir dunha serie de pasos moi doados.

MÁSCARAS EN CÁMARA DE SUPER 8
A sesión é útil tanto para cineastas en super 8 como en 16mm. Nela, Barrie e Tuohy ensínannos como construír unha matte box para as nosas cámaras: un dispositivo co que podemos xerar máscaras na imaxe para compoñer despois “fotomontaxes” e xogos visuais varios ao volver pasar a película pola cámara tras rebobinala. Para os usuarios de super 8, esta sesión irá pareada cun titorial que nos ensinará como rebobinar os nosos cartuchos de super 8 para sobreimprimilos e explotar todas as posibilidades na nosa flamante matte box.

CORTE DE NEGATIVO
Un obradoiro que nos explica os procesos e particularidades do traballo da montaxe analóxica, en concreto do “corte de negativo”: un saber interesante e nada doado de adquirir nos nosos días, para todos aqueles interesados en coñecer a fondo como se monta e manipula o cinema analóxico.

O CÓNCLAVE DO SUPER 8
Nesta cuestión final, os inscritos ao taller atoparanse con Barrie e Tuohy, vía Zoom, principalmente para consultar as dúbidas ao redor das súas cámaras de super 8: as súas posibilidades, problemas e funcións. Tamén para sacar á luz as dúbidas e preguntas que poidan quedar tras as sesións anteriores.