ENCONTROS PROFESIONAIS

INPUT

Un ano máis, a Mostra aposta por INPUT, un espazo para a titoría e asesoría de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que xorde da colaboración entre a Fundación Luis Seoane e o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, que xa deu varios proxectos cun amplo percorrido por prestixiosos festivais de todo o mundo. Nesta edición de 2020, de novo 3 cineastas terán acceso a 3 profesionais de sona internacional do eido do cinema e da arte, con quen poderán discutir sobre os seus proxectos, desde o estado de escrita e desenvolvemento ata o de distribución.

TITORAS

Alejandra Trelles
Docente e xornalista cultural. Actualmente, é a directora artística da Cinemateca Uruguaia, o arquivo fílmico máis grande de Uruguai e un dos máis importantes de América Latina. Desde 2009 dirixe o Festival Cinematográfico de Uruguai, organizado pola Cinemateca Uruguaia (xa na súa 38ª edición). Formou parte do xurado en festivais como Berlinale, Karlovy Vary, Bafici, Novos Cinemas, Viennale, Zinebi, Málaga e Mar del Plata, entre outros. É programadora en importantes festivais como Cineuropa en Santiago de Compostela. Colabora ademais como crítica de cinema no xornal La Diaria e no semanario Brecha de Uruguay.

Rocio Mesa
É unha das principais promotoras do cinema español contemporáneo en EUA, onde dirixe a mostra L.A. OLA, Spanish Contemporany Cinema Showcase, con sedes en L.A. Nova York e Cidade de México. Nos últimos anos foi a encargada do departamento de vídeo da International Documentary Association e traballou no departamento de postprodución de New York Film Academy nos Ánxeles. É a fundadora da produtora audiovisual MY DEER Films, onde desenvolve proxectos cinematográficos entre EUA e España.

Esperanza Collado
Artista-investigadora. O seu libro Paracinema. La desmaterialización del cine en las prácticas artísticas gañou o VII Premio “Escritos sobre arte” da Fundación Arte y Derecho (Madrid) en 2011. É cofundadora do proxecto editorial LEVE. Entre 2011 e 2017 formou parte do grupo de programación DocuMusac no Museo de Arte Contemporánea de Castela e León. Co-fundou Experimental Film Club en Dublín en 2008. Gozou de estancias de investigación becadas en Anthology Film Archives (Nova York, 2009-2010) e Taipei National University of the Arts/ Taipei Digital Art Center (2020). É profesora na Facultade de Bellas Artes de Cuenca, MasterLAV e Elías Querejeta Zine Eskola.

 

PROXECTOS

O MAR, SABES!?, de Adrián Canoura

As cintas de vídeo gravadas durante décadas diferentes por Raúl Canoura, patrón do pesqueiro e pai do director, poñen en marcha este novo proxecto de Canoura ao redor da vida marítima, “unha navegación de realidade etnográfica inquietante e angustiosa pero con reclamo vital”.

Adrián Canoura
Nado en Burela en 1991, Canoura é cineasta, pasando por rexistros que van desde o videoclip ata o cinema experimental, e outros proxectos ligados á música como o dúo de electrónica NISTRA ou o grupo BAIUCA, onde se encarga da parte visual. Entre as súas pezas están Caerán lóstregos do ceo, Salitre nas veas, O porco e o seu espírito e Da morte nace a vida, traballos que pasaron por numerosos festivais internacionais.

NESE MOMENTO O AMOR FOI ESCURO E SÓ PUIDEN CHORAR, de Aldara Pagán

Un proxecto que continúa na liña do traballo de Pagán ao redor do propio corpo e a intimidade, que nesta ocasión parte do Virus do Papiloma Humano, que lle diagnosticaron aos 21 anos. A peza, na que a artista mestura celuloide e vídeo, está emparentada con traballos clave de autores como Barbara Hammer e Derek Jarman.

Aldara Pagán
Ourense, Galicia, 1997. Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Alumna do Máster de Creación Cinematográfica da Elías Querejeta Zine Eskola en Donostia. Na actualidade atópase realizando un curso de Experta Universitaria en Xestión Cultural na USC. Autora das obras O que precede a caída é branco (2018), Alí sentíame eterna (2020) e Marcas (2020).

CANDO TOCO UN ANIMAL, de Ángel Filgueira

Un proxecto ao redor do amor, a atracción, a mocidade e o sexo, no que o autor traballa coa propia biografía e experiencia persoal na construción dunha película de non ficción.

Ángel Filgueira
Redondela, 1992. Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Investigación en Prácticas Artísticas y Visuales pola Universidad Castilla-La Mancha. Na súa produción está a longametraxe documental Sevilla y Gomorra e as curtametraxes Espazo e El Cuadrado, traballando tamén varias pezas-instalacións e escénicas.