Valoración e resumo da undécima edición do (S8) 2020

Out 30, 2020 | Destacados, Novas

Un mes despois do seu inicio e, tras o remate do noso taller de inclusión social XPRESA, poñemos fin á undécima edición da Mostra. Unha edición que xerou de novo un punto de encontro e inspiración para profesionais da creación e o cinema de vangarda, e na que se combinaron diversas performances, encontros e proxeccións na cidade da Coruña cunha serie de formatos de produción propia que deseñamos para a súa emisión a través da nosa web e redes sociais.

Este ano no (S8) afrontamos a situación global apostando pola creatividade e a innovación. Lideramos, a través da nosa edición dual, un novo xeito de facer festivais xerando contidos propios e difundindo a cultura cinematográfica do país nos cinco continentes.

Nunca é fácil ser punta de lanza, e tampouco o foi nesta ocasión, pero pagou a pena o esforzo vendo o éxito desta pasada edición. Unha edición dual que mostrou arredor de 120 pezas distribuídos en 20 programas diferentes e que, no seu formato online, puideron verse en países como Estados Unidos, Perú, Xapón, Australia, Canadá, Bélxica, Grecia, Noruega, Costa Rica, Rusia, Exipto ou Singapur, entre outros moitos.

O éxito do formato dual

Co novo formato dual ideado para esta edición, na que se esgotaron as entradas en todas as sesións presenciais, na Mostra quixemos reivindicar máis ca nunca o noso espíritu divulgativo chegando a todos os rincóns da rede con contidos en galego, castelán e inglés. Fíxémolo a través de propostas online innovadoras que atenderon á capacidade de reacción que pedía a situación actual. 

Froito disto naceron os programas Camera obscura (con Amy Halpern, Tomonari Nishikawa, Alexandre Larose, Luther Price in Memoriam e Valentina Alvarado), A flor do día (coas películas de Suzan Pitt, Julieta Averbuj, Janie Geiser y Julie Murray, Shiloh Cinquemani, Erica Sheu, Jodie Mack, e Claudio Caldini), Sinais (con Adrián Canoura), Xerme. Falar por non calar: (con Antonio Segade, Antón Reixa e Jordi Costa), Sinais en curto (Area Erina, Lara e Noa Castro, Aldara Pagán, Alberte Pagán, Tono Mejuto), Taller: técnicas e posibilidades do cinema analóxico con Richard Touhy e Dianna Barrie, Desbordamientos – film performance (Valentina Alvarado, Carlos Vásquez, Tânia Dinis e Miwa Matreyek), e Observatorio – encontros profesionais.

Todos estes contidos difundíronse a través da nosa web, Vimeo, Youtube, Facebook, Instagram, Twitter e Twitch chegando a 56 países distintos de todo o mundo, entre os que se atopan España, Estados Unidos, Arxentina, Reino Unido, México, Colombia, Chile, Brasil, Canadá, China, Xapón, Perú, Portugal, Francia, Alemaña, Ecuador, Italia, Bolivia, Checa, Suíza, República Dominicana, Polonia, Turquía, Australia, Bélxica, Grecia, Guatemala, Corea do Sur, Malaisia, Países Baixos, Noruega, Suecia, Uruguai, Venezuela, Costa Rica, Irlanda, India, Lituania, Rusia, Exipto ou Singapur.

Punto de encontro sectorial

Ademais, nesta edición dual, contamos no noso Observatorio con varios dos representantes das principais asociacións e entidades sectoriais do país: Dolores Meijomín, Coordinadora de Política Audiovisual de AGADIC; Jorge Rivero, da Coordinadora del Cortometraje Español; Proxecta (Cooordinadora galega de festivais de cinema); CREA (Asociación galega de profesionais da dirección e realización); Manolo Gonzalez, do Chanfaina Lab; Marta Lladó, xerente do Catalunya Film Festivals; Pantalla, Federación Estatal de Coordinadoras de Festivales de Cine y Contenidos Audiovisuales; ou o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) a través da súa directora, Beatriz Navas, e de Tito Rodríguez, director de Políticas de Márketing.

Cabe destacar que o (S8) ven de ser recentemente o proxecto galego mellor valorado polo Ministerio de Cultura a través do ICAA nas súas axudas para a organización de festivais e certames cinematográficos en España, seguido, por esta orde, doutros festivais amigos como Curtocircuíto, Cineuropa ou o Play Doc de Tui.

Lugar para a creación e o nacemento de proxectos

Quixemos tamén nesta edición continuar co apoio a creadores e creadoras. Un ano máis, a Mostra apostou por INPUT, un espazo de titorización e asesoría de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que se leva a cabo en colaboración coa Fundación Luis Seoane. Nel os cineastas Adrián Canoura (O mar, sabes!?), Aldara Pagán (Nese momento o amor foi escuro e só puiden chorar) e Ángel Filgueira (Cando toco un animal) puideron expoñer as súas dúbidas e procesos das súas próximas creacións ante tres profesionais de prestixio internacional do ámbito do cine e das artes como Alejandra Trelles, da Cinemateca Uruguaia (Uruguai); Rocío Mesa, L.A. OLA, Spanish Contemporary Cinema Showcase (Estados Unidos); e Esperanza Collado, artista, investigadora e docente (España).

Anunciamos tamén hai uns días a apertura da IV Convocatoria das Residencias Artísticas Internacionales de Creación Cinematográfica BAICC 2020/2021, que organizamos en colaboración con Acción Cultural Española (AC/E) e o Liaison of Independent Filmmakers of Toronto (LIFT). Esta convocatoria ten como obxectivo continuar nunha liña de traballo que busca abrir novos camiños para creadores e creadoras, propiciando o nacemento de lazos de intercambio cunha institución de relevancia internacional.

Alén disto, tamén seguimos apostando por usar a creación cinematográfica como motor de inclusión social. Fíxémolo co noso obradoiro XPRESA, que nesta terceira edición pasou a formar parte do Programa Cultura Accesible e Inclusiva da Fundación Emalcsa. A través del, 50 participantes da Asociación Galega de Asperger (ASPERGA) e da Fundación Adultos Discapacitados de A Coruña (ADCOR) puideron desenvolver e utilizar o seu potencial creativo da man de profesionais da arte cinematográfica.  A exhibición das pezas creadas terá lugar nun evento especial o próximo mes de decembro na sede de Afundación obra Social Abanca da Coruña e continuará cunha itinerancia nas sedes das asociacións colaboradores ASPERGA e ADCOR.

Apoios

Nesta undécima edición contamos co apoio de institucións como o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA). A invitación para a participación de Alejandra Trelles, da Cinemateca Uruguaia (Uruguai); Rocío Mesa, L.A. OLA, Spanish Contemporary Cinema Showcase (Estados Unidos) e Tânia Dinis (Portugal) nesta nova edición do (S8) foi posible grazas ao programa de Acción Cultural Española (AC/E) para a internacionalización da Cultura Española (PICE), na súa modalidade de Visitantes, que facilita que as entidades e institucións culturais españolas, conten nas súas actividades e programas coa presenza en España de profesionais e prescritores culturais internacionais, a fin de coñecer de maneira directa e persoal a oferta creativo-cultural española.
Ademais, tamén contamos co apoio do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, da Fundación Luis Seoane, de Afundación obra Social Abanca e de empresas privadas como Cervezas Alhambra ou Gadis.

Grazas a todas e todas por facer posible o (S8) 2020!

Pola nosa banda, continuamos a traballar xa en novas formas e contidos, e así converter de novo o (S8) Mostra de Cinema Periférico en epicentro da creación cinematográfica de vangarda.

Vémonos na duodécima edición do 28 de maio ao 6 de xuño do 2021!

PUBLICACIÓNS RECENTES