A MECÁNICA DA LUZ

Todos os contidos online desta edición poderanse ver en aberto e de xeito gratuito na nosa web (www.s8cinema.com) do 28 de maio ao 6 de xuño de 2021 (ambos os dous incluídos).

O programa presencial A mecánica da luz, dedicado á reflexión arredor da cámara do cine e á exposición na pantalla dos seus mecanismos e posibilidades, ten a súa réplica online neste breve especial no que poderemos ver o retrato frontal da cámara de 16mm (e mais do seu camarógrafo) do austríaco Dietmar Brehm, a exploración da montaxe en cámara do catalán Yonay Boix e a particular cámara estenopeica de super 8 coa que traballa a cineasta australiana Dianna Barrie.

KAMERA | Dietmar Brehm, Austria, 1997, 16mm, 9 min.

Na primavera de 1997 coloquei a cámara en fronte dun espello e filmeinos á cámara e mais a min mentres manipulaba a cámara de varios xeitos non recomendados polas instrucións. Cando a película volveu do revelado o que pensei foi “uf”. A cámara saía moito mellor ca min e quixen destruír a película inmediatamente. (Dietmar Brehm)

#005 | Yonay Boix, España, 2021, super 8 a vídeo HD, 3 min.

O quinto cartucho que saíu da cámara de super 8 de Yonay Boix continúa no seu rexistro diarístico construído case cadro a cadro, nun intento por xogar con todas as posibilidades da montaxe en cámara e o rexistro en película. Desta volta emprega como leitmotiv un punto de luz ou de escuridade, que crea cun anaco de cartolina furado ou cun filtro de cristal cun punto negro pintado; un recurso que alude ao mecanismo da cámara e nos acorda que o que vemos non é o mundo senón o que del extrae un aparello.

SELF PORTRAIT WITH BAG | Dianna Barrie, Australia, 2020, super 8 a 16mm, 6 min.

Un retrato da artista sen cámara. Cartuchos de super 8 dentro dunha bolsa de algodón branco, unha película que avanza mediante un manubrio manual. Os diminutos buratos do tecido convértense en ducias (centos? miles?) de aberturas.