O pulso da vangarda contemporánea visitará o (S8) 2021 de A Coruña

Mai 12, 2021 | Destacados, Novas

  • O festival recupera a súa actividade presencial en salas, esencia do (S8), apostando pola experiencia única da proxección analóxica.
  • As film performances volven invadir a Mostra na Fundación Luis Seoane con “A noite berlinesa” a cargo de Phillips e Edmonds, con Las Synergys e con Esperanza Collado.

Nesta duodécima edición, que se celebrará entre o 28 de maio e o 6 de xuño, o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico volve con renovadas forzas á sala de cinema á vez que mantén o seu formato dual, ofrecendo tamén unha extensa programación en liña de vocación divulgativa. Tentando aglutinar os nomes máis actractivos do cinema experimental contemporáneo, a programación do (S8) reunirá na Coruña a cineastas veteranos con novos talentos, como sucederá coa cineasta alemá Deborah S. Phillips, o británico James Edmonds, o xaponés Tomonari Nishikawa ou o sevillano Bruno Delgado Ramo.

Deborah S. Phillips, que estará no festival coas súas películas en 16mm e 35mm, é unha figura clave para entender a estreita relación entre as belas artes e o cinema. Nun traballo amplamente influído pola pintura e a colaxe, Phillips -relacionada co laboratorio berlinés de cinema analóxico Labor Berlín- analiza de maneira lúdica temas como o significado da cor nas belas artes, e emprende exploracións etnográficas/plásticas ao redor da motivos da arte árabe e hindú. A artista leva desde os 80 creando coas súas mans sobre diferentes superficies e con distintos materiais, que non se restrinxen a acuarelas e pigmentos. Nas súas coloridas obras de delicada abstracción entran en xogo tamén distintos comestibles e bebidas, pintura de uñas, obxectos atopados, materiais translúcidos… calquera cousa imaxinable. Phillips visitará A Coruña para traer algunhas das súas performances, nas que sonoriza en directo varias das súas pezas. 

O tamén residente en Berlín James Edmonds é pintor e programador de cinema. O seu traballo, realizado en super 8 e 16mm, está emparentado co de cineastas como Helga Fanderl e Ute Aurand en películas que mesturan o diarístico coa exploración do cinema como medio a través de estudos ao redor da luz e a exposición, á cor, á composición e aos ritmos. Edmonds, ademais, aproveitará a súa visita o ( S8) para presentar algúns dos seus traballos expandidos en formato analóxico. 

Outro dos invitados desta edición é o cineasta xaponés radicado en Estados Unidos Tomonari Nishikawa, a quen o festival dedicou un dos seus monográficos en liña Camera Obscura o pasado ano. Nishikawa, habitual dos máis destacados festivais internacionais, ten unha obra fortemente enraizada no traballo coa cámara de cinema e os procesos fotoquímicos, que utiliza para documentar lugares e eventos ligados coa súa propia biografía. 

Completa este bloque de programas individuais a artistas relacionados co cinema de vangarda o foco dedicado ao novo cineasta sevillano Bruno Delgado Ramo, gañador da última convocatoria da residencia BAICC (promovida polo (S8), AC/E e o LIFT de Toronto). Nesta edición do festival poderemos ver unha selección das súas películas, unha film performance e unha instalación, centradas na investigación ao redor dos procesos e mecanismos do cinema e da proxección. 

Desbordamientos

A programación ao redor de cineastas estatais continúa co último traballo de Esperanza Collado, que é unha das figuras máis relevantes do panorama internacional no que ao cinema expandido se refire. Dentro da sección Desbordamientos, que conta coa colaboración da Fundación Luis Seoane, Collado estreará a súa última film performance, un fascinante estudo ao redor dos elementos do cinema, o espazo de proxección e o corpo que leva por título “Kicked with the Front Foot on the Dark Side of the Deck”. Xogos cromáticos, película en 16mm, son en vivo e intervencións directas de skaters e performers que elaboran instalacións mutantes. 

Nesta edición do (S8), Las Synergys, Bruno Delgado Ramo, Paula Guerrero e Esperanza Collado, ofrecerán tamén unha presentación expandida da película clásica Johnny Guitar (Nicholas Ray, 1954) que mostran nunha versión reducida en formato Super 8. Partindo dalgúns desenvolvementos do afín Gabinete kino~okno, esta performance de Las Synergys é un prototipo de investigación sobre a experiencia cinemática e musical en directo. Na película, Johnny é un virtuoso pistoleiro que deixa as súas armas para tocar a guitarra, coa que pretende seguir defendéndose. Neste “Spin the wheel / I like to hear it spin”, Las Synergys deféndense das conexións funcionais entre música, imaxe e corpo, intercambiando as súas lóxicas e as súas ferramentas.

Ademais, os xa citados James Edmonds e Deborah S. Phillips tamén terán o seu oco nesta sección do festival. O venres 4 de xuño a Mostra celebrará a súa “noite berlinesa”. Nela Phillips intervirá sonoramente en directo as súas pezas en 16mm, e Edmonds mostrará os seus traballos multiproxección: unha serie de presentacións expandidas en dobre e triple proxección en super 8.

Na súa aposta polo descubrimento de creacións auténticas feitas para gozar cos cinco sentidos, Cervezas Alhambra volve colaborar un ano máis co festival que forma parte de Momentos Alhambra. Así, a cervexeira converte esta sección “Desbordamientos” nunha oportunidade para maridar as súas variedades coas mellores propostas artísticas e culturais. Por segundo ano consecutivo, a marca presta o seu apoio ao (S8) no marco do seu compromiso por impulsar a cultura e a promoción de experiencias únicas.

PUBLICACIÓNS RECENTES