JEAN-CLAUDE ROUSSEAU. MOMENTOS FUNDACIONAIS

Mai 31, 2021 | Destacados, Entrevistas

Nesta edición contamos cunha conferencia ilustrada de Jean-Claude Rousseau, na que o cineasta francés nos presentará un feixe de películas que se relacionan co seu cine de diversas maneiras, de autores como Vigo, Duras, Akerman, Snow, Frampton e Martedi. Unha derivación máis do ciclo preparado por Francisco Algarín Navarro e Carlos Saldaña que atravesou España, grazas á súa parada na Filmoteca de Galicia. A continuación reproducimos un fragmento (a modo de aperitivo) dun dos libros sobre Rousseau editados por Algarín e Saldaña este ano a través de Lumière, La luz reflejada a través de las cosas. Conversaciones con Jean-Claude Rousseau, onde nos fala dos seus primeiros contactos co cinema.

Cal foi o seu primeiro contacto cunha cámara de super 8?

Cando era adolescente, os meus pais mercaron unha cámara de super 8. Pode que os empurrase un pouco. A cámara empregouse para facer o tipo de películas familiares que se fan cando se viaxa. Por suposto, teño estas bobinas nalgunha parte, pero non as vin. As cámaras de super 8 vendíanse para uso familiar e para crear recordos das viaxes. Con esta cámara dos meus pais, unha Bauer D2M, coñecendo xa os seus límites e maila súa imprecisión canto ao encadre, que debía corrixir, filmei as miñas cinco películas en super 8. Volveuse familiar, non só porque viñese de familia. Xa a usara, á beira do Sena, coa ambición de facer un filme. Creo que xa vira Aurélia Steiner, de Marguerite Duras. Cando vin o resultado, non me pareceu interesante. Logo pensei que non era así como se podía facer unha película. Pero estaba a idea de “facer cinema”. Non era ese o caso cando filmaba en Sousceyrac, a rexión onde naceu a miña nai, onde hai un muíño que xa non se usa, cun depósito de auga fronte á casa; alí filmei, naquela época, as dúas bobinas que se ensamblaron máis tarde en La Vallée close, un pouco sorprendentes en relación co resto da película, aínda que necesarias. Pero todo foi bastante antes de ter unha relación coa imaxe e co uso que podía facer desta cámara.

Tamén habería que lembrar que en todas as súas películas en super 8 empregou película reversible Kodachrome 40.

Polo que sinalades, poderíase pensar que escollín entre diferentes películas: Kodak, Fuji e outras. Non. Unha vez usei unha película, a Fuji, que me fixo decatarme de que os tons eran máis ben fríos, mentres que a Kodachrome ten un ton moito máis cálido, o cal era moito mellor para min. Pero non escollín a película pensando: “Esta vai ter unha cor un pouco máis cálida cá da outra marca”. Funme decatando disto, pero non foi unha elección. O feito de que, ao enviar a película ao laboratorio, volvese un positivo e non nun negativo, tamén simplificaba as cousas. Foi nestas pobres condicións como realicei as miñas primeiras tomas en super 8, que acabaron facendo Jeune femme à sa fenêtre lisant une lettre. Co material menos perfecto, sen os perfeccionamentos técnicos que nos permiten facer o que queremos, poden producirse cousas admirables –a pesar dun mesmo, en certo xeito.

Viviu en Nova York nuns anos importantes para o cinema.

Si. As miñas viaxes a Nova York comezaron en 1973. Fun este ano para atoparme con alguén a quen coñecera en Atenas. Sabía que esta persoa vivía en Manhattan tiña o seu enderezo, pero cando cheguei á súa porta descubrín que xa non vivía alí. O ano seguinte, outro encontro en París levoume a Nova York. Fixen varias viaxes en 1974 e 1975. Eran estadías breves pero regulares, durante as vacacións escolares. Eu era profesor naquel momento. En 1976, abandonei París para ir vivir alí. Volvín en 1977.

O meu primeiro contacto con Nova York foi moi forte –en 1973, só, no verán, ás dez da noite e saíndo do autobús que leva do aeroporto a Manhattan, ao barrio perigoso (daquela) da 42. De calquera xeito, iso liberou unha enerxía e, entre outras cousas, o desexo de facer algo niso que chamamos artes plásticas.

Por suposto, interesábame o cinema. Vin a Dominique Noguez en Nova York con motivo da estrea de Jeanne Dielman de Chantal Akerman no cine do Museum of Modern Art, aínda que xa o debía coñecer de París.

Que outros filmes puido ver en Nova York?

En Nova York estaba o ambiente do cinema Underground, coa cinemateca de Jonas Mekas. Ía ás proxeccións. Debín ver as películas de Andy Warhol no Anthology. A primeira película de Michael Snow que vin, tamén no Anthology, seguro que foi Wavelength. Hai unha película de Snow que me gusta moito, pero posterior aos anos 70, chamada Presents. Cando me dedicaron unha retrospectiva na Cinemateca Portuguesa, incluín esta película na carta branca. Presents ten dúas partes. En certo momento, a parede diante da cal ten lugar toda a primeira parte derrúbase e descóbrense por detrás o ceo e mailos tellados dos grandes edificios. O decorado ponse a tremer, e os obxectos e mobles tremen e acaban caendo. Vemos unha rapaza con problemas para moverse. Hai unha instalación técnica bastante importante: o decorado está sobre unha estrutura que pode moverse. Isto recórdame o final do filme E la nave va, de Fellini, onde se ve precisamente o decorado e a todo o equipo técnico que crea o movemento do barco. Pero tamén é o que se ve ao final dunha película de Manoel de Oliveira, Benilde ou a Virgem Mãe, cando hai un retroceso da cámara que descobre o decorado do estudio. Vin unha película de Yasujirō Ozu por primeira vez en 1976-77 en Nova York, no Centro Cultural Xaponés, antes das importantes retrospectivas en Francia que foron un acontecemento –onde vin a Alain Resnais na cola fronte ao cine Max Linder, sen poder entrar porque non quedaban billetes.

PUBLICACIÓNS RECENTES