Nesta edición dedicamos un importante espazo á figura de José Val del Omar, faro guía do festival, cineasta, poeta, inventor e místico que dende os seus comezos nos anos vinte ata a súa morte en 1982 foi un artista pioneiro e vangardista: Para comezar, contaremos co programa dobre O cinema como elemento, composto pola súa obra fundamental, o Tríptico Elemental de España, e por un “programa espello” que percorre os elementos (terra, lume e auga) a través de figuras canónicas do experimental e de novos creadores con ideas formais afíns. Acolleremos tamén a conferencia “Val del Omar: Una aprojimación”, coa participación de Piluca Baquero, directora do Archivo Val del Omar, Gonzalo Sáenz de Buruaga, colaborador en vida e preservador da obra do granadino, e Víctor Berlín, experto na súa obra. E, finalmente, un programa online dedicado ao PLAT (siglas de Picto-Lumínica-Audio-Táctil), laboratorio onde Val del Omar levou a cabo alucinantes experimentos durante os anos setenta. A continuación, ofrecemos unha pequena escolma de textos do propio Val del Omar.
Mecamística do cine
Por José Val del Omar
O cine é, por riba de todo, lanterna máxica. Lanterna máxica que hoxe tende a empregar a electrónica para se teledistribuír.
O técnico que vive o máxico do cine, debe ter conciencia do seu importante papel, debe ter conciencia da súa responsabilidade.
O técnico anima e conecta un gran espectáculo de conversión, de suxestión, de encanto e de conquista.
Só se pode coaccionar a liberdade do espectador cando existe un gran motivo poético.
Esta gran mecamística electrónica, debe render un froito de aproximación e entendemento: de compenetración humana.
É obrigado que a técnica máxica do cine sirva a unha mística do amor aos outros. É aínda máis desexable que a maxia sexa a propia cristalización da substancia-motivo.
E é ideal que o cinematurgo (isto é, o home unificador da acción cinematográfica) nacese poeta meca-místico.
A falta da orde xerárquica de valores éticos é a culpable do estado actual deste case fisiolóxico servizo de diversión, tan cheo de culpa como de motivos de perversión e escándalo.
Tras dunha cristalización técnica, xustificada polo emprego dun novo resorte, ou dun simple gran efecto emotivo de resoante repercusión metálica nos despachos de billetes, por disimularse e ata se escusa o escándalo.
O cine todo facémolo para quen nos segue. Os que nos seguen son a segunda xeración emotiva do noso propio gozo.
O espectador de calquera idade ábrenos o berce dos seus soños para que depositemos o noso, para que lle contaxiemos o noso gozo, para que sensibilicemos a súa conciencia.
Eu denuncio como cousa case inoperante a clasificación do público polas súas idades.
Para min todo o público é un gran neno namorado do extraordinario.
Mirando cara ao próximo futuro de catorce horas diarias de lanterna electrónica na casa, atrévome a pedir un código técnico de respecto ao espectador. Un código que deteña, aínda que se presente asistida dos máximos recursos enfáticos, aquela mercadoría que vén lixar a sensibilidade, tantas e tan renovadas veces, virxinal das criaturas. As novas técnicas psíquicas, nas que está a entrar hoxe o cine espectáculo, esixen unha contracomedia, un control da mercadoría, unha condensación colectiva do crime, unha distinción entre espectáculo e escándalo.
O escándalo é o pecado moral cara ao que estamos máis predispostos a caer os que andamos a soñar espectáculos. Por último, non se nos diga que a sociedade se autodefende con insensibilidade ante tanto reclamo alucinante, cando precisamente o que o home necesita hoxe é decatarse de que quedou sen carcasa, nin coiraza, nin castelo, sen tempo e sen distancias, en carne viva e moi próximo, case incorporado, a un só latexo social.
Esta técnica imprescindible, fundamental, esencial para o cinema, ímola chamar, polo que ten de mecánica e de invisible, meca-mística.
A pura meca-mística é a arma e a fórmula capaz de combater os pequenos resortes ao servizo dos intereses do peto. Estamos seguros de que todo o mundo desexa un bo alimento, un pan emotivo cotián que lle aproveite elevándoo.
Apercibídesvos de que nos tocou, na historia de Humanidade, vivirmos a hora da aceleración fantástica, da automación electrónica, da explosión das comunicacións humanas, a tremenda e vertixinosa idea
da unidade?
Texto orixinalmente publicado en Cinestudio, nº1, maio 1961.
Fenda de clarividencia
Fenda de clarividencia
gracia visionaria
ozono de soidade cimeira
principio e fin presentes sen secuencia
sen pés nin chan
sincopado escintileo
flotante plástica ondulatoria
magma de cósmicas entrañas onde conflúen
luminotecnia de impulsos
óptica enerxética
panorama da cohesión amor.
Fondo nela non se acha e a súa claridade nunca é esclarecida.
Entrei onde non souben:
a única ciencia consiste en sentir a divina esencia.
José Val del Omar.