O (S8) PECHA ESTE 2025 CUNHA ACTIVIDADE TREPIDANTE PARTICIPANDO EN DOCLISBOA, SEMINCI, FICX E PORTO POST DOC

Dec 12, 2025 | Destacados, Novas

O DIÁLOGO ENTRE PRANTAS E HUMANOS PROTAGONIZOU O NOSO TALLER DE CINE EXPERIMENTAL NO FESTIVAL PORTO/POST/DOC


O pasado mes de novembro celebramos por cuarto ano consecutivo o noso Taller de Cinema Experimental: Criaturas da Luz, dentro do proxecto educativo School Trip do festival Porto-Post-Doc no Porto.

Ana Domínguez e Ángel Rueda, directores do (S8), ofreceron ao alumnado de secundaria da cidade de Porto unha inmersión práctica no cine experimental. O taller, baixo o nome Por unha Linguaxe en Común entre Prantas e Humanos, explorou as formas e patróns dos nosos pensamentos xunto coas formas da vida vexetal, nun enfoque eminentemente ecolóxico e de concienciación co medio ambiente.

O alumnado das escolas de secundaria Dr. Joaquim Gomes Ferreira Alves e da Escola Artística Soares dos Reis no Porto adquiriron coñecementos técnicos e creativos, explorando a dimensión artística e tecnolóxica do cine nun taller puramente práctico. Nel puideron crear as súas propias películas en celuloide a través da fitografía, unha técnica experimental que emprega a química interna das prantas e as flores para a creación de imaxes sobre a emulsión en soportes fotoquímicos de 35mm, 16mm e papel fotográfico. Con todos estes elementos puxemos en práctica as técnicas orgánicas de manipulación directa sobre a película, aprendimos a crear os nosos propios revelados naturais sen produtos contaminantes e creamos collages individuais sobre papel fotográfico feitos con prantas que deron como resultado unha película colectiva froito desa linguaxe común entre prantas e humanos.

IMPORTANTE PRESENZA DO (S8) NAS PRINCIPAIS CITAS INTERNACIONAIS

En outubro visitamos DOCLISBOA para formar parte de NEBULAE25, o espazo profesional do festival. Dentro desta iniciativa, participamos do proxecto ARCHE: un encontro para o desenvolvemento e pensamento creativo que reúne proxectos de filmes de realizadores iberoamericanos. Formamos parte xunto a outros eventos e institucións como Visions du Réel, DocsBarcelona, EuroDocs, RTVE Docs, Punto de Vista ou o festival de Sundance. Alí, tivemos a ocasión de coñecer en primera persoa os proxectos en desenvolvemento que serán sen dúbida as mellores películas do futuro. Asimesmo, puidemos compartir procesos e inquedanzas coas súas/seus autoras/es; pero sobre todo, o amor por un cinema libre.

Posteriormente asistimos á 71ª edición da SEMINCI en Valladolid onde participamos da estrea en España da película Anoche Conquisté Tebas de Gabriel Azorín, que conta coa coprodución de Filmika Galaika.

De alí continuamos rumbo a Xixón onde a nosa directora Ana Domínguez formou parte do xurado do Festival Internacional de Cine de Xixón – FICX. Ademais, nesta 63ª edición o evento dedicaba un foco especial á nosa compañeira e responsable de programación Elena Duque. Ángel Rueda, codirector do (S8), conducíu o coloquio e encontro co público desta sesión.

PUBLICACIÓNS RECENTES