BAICC ON THE ROAD CONQUISTA TORONTO (ENTEIRO) 

Dec 12, 2025 | Destacados, Novas

O pasado outubro fixemos realidade por fin un proxecto longamente esperado: o Programa BAICC on the road que supuxo a estrea en Canadá de varias das co-producións hispano-canadenses resultado das nosas Residencias Artísticas de Creación Cinematográfica – BAICC.

Ao longo dos 8 anos que se leva celebrando a residencia, os beneficiarios foron acollidos no LIFT – Liaison of Independent Filmmakers of Toronto, onde realizaron as obras que posteriormente estrearon no (S8) da Coruña. Até o momento, ningunha destas películas fora presentada onde se xestou: en Canadá. Finalmente, o pasado mes de outubro, estas estreas puideron ter lugar en Toronto coa presenza dalgúns dos seus autores. 

Un programa que incluíu dúas sesións: unha de películas (con Relieves de Tono Mejuto, 2018; El sonido de las imágenes de Laura Moreno, 2024; Latitude Mesh de Agnès Hayden, 2024; e Propiedades de una esfera paralela de Valentina Alvarado, 2020) e outra sesión de film performance (con TORONTONTERO de Álvaro Feldman, 2023 e TORTUGA [pasaje cromático #4] de Brenda Boyer, 2025, proxectadas polos seus autores). Estas sesións celebráronse cun gran éxito de público que encheu o mítico espazo da contracultura en Toronto Cinecycle grazas á colaboración do Canadian Filmmaker Distribution Centre (CFMDC), que acolleu estas actividades. 

Ademais destas estreas, realizáronse encontros con cineastas e programadoras no TIFF LIGHTBOX (dentro do programa Wavelengths, do Toronto International Film Festival), no Innis College – Cinema Studies of Toronto, e con estudantes e docentes no TMU – Toronto Metropolitan University. Image Center Of Arts At Creative School.

BAICC on the road gozou dunha acollida máis que cálida e puxo de manifesto até que punto a nosa extensa colaboración coa comunidade canadense deu como resultado un segundo fogar para o (S8). Tamén evidenciou como esta colaboración está a servir de impulso para unha xeración que se está impregnando de certas prácticas e coñecementos adquiridos nas nosas residencias. Un caldo de cultivo do que somos parte e que foi configurando unha renovada escena do cinema experimental no noso país que chama a atención da que foi a comunidade referente do cinema de vangarda internacional.

O éxito do programa trouxo tamén, por tanto, a satisfacción de comprobar que o (S8) e as nosas residencias BAICC serven eficazmente á promoción internacional do noso cinema.

BAICC – Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica están coorganizadas xunto a Acción Cultural Española (AC/E) e LIFT-Liaison of Independent Filmmakers of Toronto e forma parte de eSe8_LAB, o noso espazo de formación, impulso, apoio, investigación e desenvolvemento de proxectos cinematográficos.

BAICC on the road contou co apoio de AC/E, AECID e a Embaixada de España en Canadá.

PUBLICACIÓNS RECENTES