SINAIS EN CURTO: CAMIÑOS DE IDA E VOLTA

Xuñ 6, 2021 | Artigos, Destacados

Hoxe presentamos de xeito presencial a selección para esta edición de Sinais en curto, un conxunto de heteroxéneas e estimulantes películas de artistas galegos. Para celebrar a ocasión, propoñémoslles un particular xogo de “amigo invisible” aos cinco creadores sobre os que poñemos o foco: Alberto Gracia, Sol Mussa, Xacio Baño, Marta Valverde e Eloy Domínguez Serén, no que cada un escribe unhas liñas sobre a película de outro.

Alberto Gracia escribe sobre

RATATOUILLE, de Sol Mussa

Vemos un almacén pola noite dende o punto de vista dunha alimaria. Podemos imaxinar unha sorte de roomba festeira, que curtocircuitou os seus compromisos co software e se move libremente, e que atopa pola noite, entre os refugallos da actividade dun restaurante, o seu refuxio, o seu alimento e mailo seu gozo. Polo día transfórmase e limpa os seus coitelos para non faltar ao seu compromiso coa supervivencia, e é unha boa amiga e compañeira de curro.

Interpélanos unha mirada dende o lixo. E se tal vez non haxa que mirar o lixo dende o noso punto de vista senón vernos a nós mesmos e aos outros dende o punto de vista do lixo?

No backstage do espectáculo consumista están a beleza e o amor. E a amizade. Onde hai lixo, hai ratas dispostas a atopar o que buscan, porque son superviventes e o talento sóbralles.

Sol Mussa escribe sobre

AUGAS ABISAIS, de Xacio Baño

Coñecín a Xacio en persoa hai moi pouco tempo. Chamoume a atención a súa presenza tranquila e discreta. El mesmo comentoume que se definía como “un tipo solitario” na súa maneira de traballar. Recoñecín todo isto en Augas Abisais. Eu sempre lle tiven medo á profundidade do mar, pero ao somerxerme nesta historia… glup! Encontreime cunha peza de narrativa moi suxestiva que contiña unha tensión de fondo inquietante, desas que me atrapan. O máis interesante para min é a figura do peixe lanterna, percibina como unha metáfora visual moi potente. Estremece!

Xacio Baño escribe sobre 

OS CORPOS, de Eloy Domínguez Serén

1-2-3, 1-2-3. Levo no peito o compás ternario do fulión de Manzaneda, a imaxe dos círculos de sangue sobre a pel dos bombos provocados polos cotobelos desfeitos. Os corpos transportoume a aqueles tempos. O entroido en Ourense é corpo e pel. Eloy sacódete. Lévate ao transo e tremes coma se ducias de homes e mulleres te empurrasen. Filmado con mestría, e cun traballo de son estupendo, é un deses filmes cos que entendes a importancia dos ritos e o seu magnetismo. 1-2-3, 1-2-3.

Eloy Domínguez Serén escribe sobre

BLANCO Y FUCSIA, de Marta Valverde

Marta Valverde é unha creadora inconformista, subversiva, en constante proceso de busca e transformación. A súa obra é estimulantemente heterodoxa e heteroxénea. As súas pezas parten dunha fermosa intimidade para rebelarse contra a forma e contravir a lóxica clásica da linguaxe narrativa e visual. É delicioso ver, escoitar e coñecer a través da ollada desta orixinal autora o seu círculo de amizades, a súa avoa ou o seu locuaz pai (que home con tanto flow!). Marta explora todos os recursos do audiovisual, dende as filmacións en Super 8 ata as pantallas partidas ou as notas de audio de Whatsapp, para conformar un retrato alegórico e entrañable das incertezas dunha xeración en transo.

Marta Valverde escribe sobre

TENGAN CUIDADO AHÍ FUERA, de Alberto Gracia

A lúa desaparece esta noite. Unha luz averdada baña unha parella de coches que bailan nun apareamento de destrución. DESTROY/COIDADO. Pasado, presente e futuro nunha masa informe de velocidade e violencia tinguida de testosterona. Non hai esperanza, a única posibilidade é habitar o desterro. LET’S BE CAREFUL OUT THERE.

PUBLICACIÓNS RECENTES