DATAS E HORARIOS:
- Venres 27 de maio de 16:30 a 20 horas.
- Sábado 28 de maio de 11 a 14 horas e de 16:30 a 20 horas.
- Domingo 29 de maio de 11 a 14 horas e de 16:30 a 20 horas.
PREZO: 120 euros (material incluído)
NÚMERO DE PRAZAS: 10
INSCRICIÓN: [email protected]
Non é necesario ter experiencia previa nin achegar material ningún.
O obradoiro será impartido en inglés.
Os cineastas experimentais australianos Dianna Barrie e Richard Tuohy son dous adaís internacionais do cinema fotoquímico: percorreron (literalmente) o mundo amosando as súas películas, mais tamén compartindo o seu saber arredor das prácticas do cinema analóxico, as súas maquinarias e os seus procesos de laboratorio, ademais de todas as posibilidades creativas por explorar grazas a este traballo artesanal. Coñecementos sen fronteiras que se adaptan aos recursos de cada lugar que visitan, levando o espírito DIY (ou «fágao vostede mesmo») por bandeira.
Neste obradoiro intensivo que traen á Coruña, Barrie e Tuohy ensinarannos todo o preciso para facer cinema en 16mm de maneira autosuficiente. Nunha primeira xornada, traballando por grupos, aprenderemos os fundamentos do uso da cámara Bolex e da filmación con negativo en branco e negro. Nunha segunda xornada, ensinarannos como construír un sinxelo laboratorio caseiro para revelarmos nós mesmos os negativos. Usando un proxector como copiadora por contacto, faremos positivos a partir dos negativos de cámara. Finalmente, na última xornada estes materiais en bruto converteranse en obras mestras montadas.