Compartimos a galería de fotos da Mostra e o vídeo que resume unha edición para o recordo, na que destacaron o descubrimento e a sensación de comunidade arredor do cinema de vangarda
Vídeo resumo do XVII (S8). Cámara: Chiripa Producións | Edición: Alicia Alonso.
Pasaron apenas dez días dende que despedimos a XVII edición da Mostra Internacional de Cinema Periférico e as sensacións que deixou o festival tanto nos artistas como no público e no equipo organizador seguen moi vivas. Este ano compartimos grandes momentos artísticos pero tamén humanos, nos que as barreiras entre creadores e audiencia disipáronse, xerando unha atmosfera de gozo arredor da arte cinematográfica e a paixón pola luz proxectada.
A maxia de Jeanne Liotta, a honestidade radical de John Porter, a mirada artística de Els Van Riel, o cine con garra de Bruno Varela, o compromiso da Kinothek Asta Nielsen, os Desbordamientos na Fundación Luis Seoane, as estreas de Sinais… Foi fascinante e aínda que o mellor foi vivilo, queremos compartir o vídeo que recolle algúns dos momentos máis especiais da Mostra. Tamén publicamos unha galería completa coas incribles fotografías feitas durante o festival polas nosas compañeiras Andrea Morandeira e Andrea Rodríguez. Poderes velas aquí.
Preparar unha Mostra como o (S8) é unha tarefa inxente. Primeiro pola súa aposta comprometida co cinema analóxico, e segundo, pola súa formulación curatorial que busca crear diálogos artísticos entre os contidos do programa priorizando sempre a experiencia dos asistentes. Todo isto suscita retos, pero a resposta do público (este ano pasaron pola Mostra máis de oito mil participantes), a xenerosidade e compromiso das artistas, e a complicidade dos profesionais que nos apoian, compénsao e énchenos de enerxía para a seguinte edición.



Algúns momentos desta edición. FOTOS: Andrea R. e A. Morandeira.
Non esquecemos que isto é posible grazas á colaboración das institucións, comezando polo Concello da Coruña, patrocinador da Mostra a través da Concellería de Cultura e Turismo, que sabe recoñecer como o (S8) pon á cidade no centro da vangarda cinematográfica internacional. Tamén nos apoian a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, a Deputación de A Coruña, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane. A todos eles, grazas.
Así despedimos a XVII Mostra, pero a actividade do (S8) continúa todo o ano con programas en museos e festivais, novas xiras con pezas impulsadas desde a Mostra e moitas novidades que vos iremos contando. Ata entón, feliz verán e feliz eclipse do 12 de agosto.





