A X EDICIÓN DE XPRESA RECIBE O APOIO DO PROGRAMA “CULTURA ACCESIBLE E INCLUSIVA” DA FUNDACIÓN EMALCSA

O pasado martes 7 de xuño tivo lugar no Concello da Coruña a firma do convenio anual coa Fundación Emalsa para a participación no Programa Cultura Accesible e Inclusiva, ferramenta municipal que fomenta a participación cultural das persoas con diversidade funcional en risco de exclusión social. Por sétimo ano consecutivo, formaremos parte do Programa co noso X taller cinematográfico de inclusión social-XPRESA, que contará tamén co apoio da Fundación Luís Seoane e a colaboración con Fundación Adcor e Asperga (Asociación Síndrome de Asperger Galicia).
XPRESA emprega a creación cinematográfica como ferramenta a través da cal adultos e menores con capacidades diversas poidan expresarse emocionalmente e desenvolver as súas propias facultades da man de profesionais de arte cinematográfica con experiencia no traballo con persoas con diversidade cognitiva e/ou funcional.
Seguindo o espírito do festival que concibe o cinema como arma de autocoñecemento e exploración dos sentidos e as emocións, en 2018 naceu este taller, froito da vontade de ofrecer un curso que lonxe de atraer a un proceso de creación tradicional a persoas de capacidades diversas, permitise, ao contrario, brindarlles un mecanismo a través do cal puidesen experimentar e expresarse a través da creación libre e estimulante de pezas cinematográficas persoais.









Grazas a esta renovada colaboración coa Fundación EMALSA e o Concello da Coruña, co apoio de Vegalsa e a Fundación María José Jove, no 2027 poderemos seguir traballando para xerar espazos de liberdade nos que persoas de capacidades diversas poidan experimentar, xogar, crear e abrazar a súa visión particular das cousas que tanto ten que aportar ao mundo. Queremos seguir loitando por manter este espazo que lles brinde ferramentas de creatividade que poidan implementar no seu día a día. Dándollas estamos regalándonos a todas as chaves dunha sociedade mellor.
ADEMAIS, XPRESA FORMOU PARTE DA XI EDICIÓN DE DIVERSIDARTE, FESTIVAL DAS ARTES INCLUSIVAS
O pasado mes de xuño participamos cos resultados do noso taller Xpresa de pasadas edicións nas actividades do XI DiversidArte, Festival dás Artes Inclusivas organizado por asociación sen ánimo de lucro Poten100mos que tivo lugar do 13 ao 20 de xuño na Coruña.





