BAICC – BRUNO DELGADO RAMO

FRAME MANOEUVRES TO PORT

Sala (S8) Porto | Mércores 1 de xuño | 16.30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

Frame Manoeuvres to Port é unha proposta performativa de Bruno Delgado Ramo que busca poñer en paralelo unha exploración territorial e outra exploración sobre os propios dispositivos de filmación e de proxección, destacando o propio encadre como marco da película a través dun diálogo entre a paisaxe portuaria de Toronto e a da Coruña. O proxecto presenta así unha investigación máis temática e contextual (os portos) canda outra máis técnica (a xanela de cámara e proxector). A un nivel metafórico, Frame Manoeuvres to Port equipara a xanela da película (e o fotograma) coa zona de practicaxe dos portos (zonas onde só un experto, o práctico do porto, pode manobrar grazas ao seu profundo coñecemento desas augas). Ambas son áreas acoutadas onde teñen lugar manobras. Na mesma liña, a palabra manobra remite tanto ás operacións materiais executadas coas mans como ás operacións levadas a cabo a bordo dunha embarcación. 

O proxecto, que se diversifica en varias pezas, foi desenvolvido nas instalacións do LIFT (Liaison of Independent Filmmakers of Toronto) no marco das residencias BAICC impulsadas polo (S8), AC/E e o LIFT

EXPECTATION IN THE AIR
Bruno Delgado Ramo | España, Canadá | 2022 | 35mm | 5 min

O proxeccionista chega cedo ao espazo de proxección coa lata da película. Malia as cadeiras non estaren aínda colocadas, o rectángulo branco xa reloce ao fondo. Comproba a súa tersura. Entre uns e outros preparativos, xorden certos gags do oficio. O sol avanza, cada vez falta menos para a proxección ao aire libre. (Bruno Delgado Ramo) 

SECUENCIA DE ACCIONES EN VIVO
Bruno Delgado Ramo | España, Canadá | 2022 | Proxector de 16mm sen película, cartolinas rectangulares | 3 min aprox.

PRACTICAJE
Bruno Delgado Ramo | España, Canadá | 2022 | Super 8 | 20 min

Indagación sobre os prácticos e as zonas de practicaxe. A distancia desde a que se filman os labores e as áreas de practicaxe vai acurtándose, ata que aparecen os rexistros durante as manobras cos prácticos da Coruña e a cámara está xa a bordo. A exploración da actividade e a paisaxe portuaria leva a definir un conxunto de xestos e motivos recorrentes, tentando formular correspondencias entre estes e certos elementos da práctica cinematográfica. Algúns de tales motivos recorrentes retómanse na película en 16mm filmada en Toronto, como a escada de sobre o casco dos barcos cargueiros (para o práctico acceder desde a lancha) e a acción da escalada. A primeira aproximación (breve) aos prácticos está filmada en Portugalete. As filmacións coruñesas comezan desde unha sala traseira do Palexco (utilizada durante a Mostra como oficina), desde a que se avistan as saídas e entradas dos cargueiros que atracan na Coruña e, enfronte, a poucos metros, o pantalán dos prácticos. Despois iníciase o bloque máis longo, filmado desde a lancha durante as manobras dos prácticos. (Bruno Delgado Ramo)

FRAME LIFT SUITE
Bruno Delgado Ramo | España, Canadá | 2022 | Super 8 | 2 min

Este material en Super 8 foise realizando en paralelo á película en 16mm e funciona como un conxunto de anotacións á marxe desta última. A ponte de Toronto, un topógrafo despregando o seu trípode xunta a baía, a xanela da Bolex, a mesa de traballo en LIFT, os filtros de cor e o plano do porto da Coruña, un fotograma de 16mm da película. Amósanse procedementos coa Bolex que dificilmente se podían filmar coa propia Bolex, sen unha segunda cámara. Gustaríame apuntar estes xestos procedimentais, estas manobras, desde fóra, antes de pasar á película en 16mm, co ánimo de que se poñan en relación coas manobras visuais contidas nestas. (Bruno Delgado Ramo)

UNABRIDGED MANEUVER 
Bruno Delgado Ramo | España, Canadá | 2022 | 16mm | 18 min

A película móvese entre a mesa de edición do estudio en LIFT e diversas localizacións na beira occidental do lago Ontario. O cuarto a modo de estudio que me cederon en LIFT é duns 14 metros cadrados. Nel hai unha mesa alta de montaxe con brazos de rebobinado, mesa de luz e sacos para descartes, unha copiadora JK modificada para ser operada cun soporte lóxico e unha moviola Steenbeck. Comecei a traballar directamente alí, movido pola pregnancia da mesa alta de montaxe pintada dunha cor celeste verdosa. Interesoume filmar aquela ferramenta cinematográfica coma se fose a ferramenta dun práctico portuario. Esta idea tomou forma os primeiros días e desenvolvina durante todo o período; dúas semanas despois, levoume a filmar tamén a antiga Steenbeck coma se se tratase da ponte de mando, bridge, dun barco cargueiro […]. Durante as filmacións na sala de LIFT descubrín un conxunto de procedementos manuais que permite a cámara Bolex H-16 que me interesaron por poderen concibirse como manobras que afectan á construción do fotograma. Isto significou un punto de contacto directo con unha das ideas da proposta inicial do proxecto; practico diversas manobras ou procedementos manuais na cámara que me levan a realizar modificacións precisas dentro dos límites do fotograma. Esta idea formulábaa facendo un paralelismo co labor preciso do práctico dentro dos límites da zona portuaria. Neste sentido, sobre todo me atraen a «torreta» de lentes intercambiables, o portafiltros e o fol matte box […]. Nun momento dado da estadía en Toronto, fabriquei unha solución para fixar sobre a embocadura do fol un espello e unha parella de espellos, de maneira que podía filmar ao unísono un motivo fronte á cámara e fragmentos da cámara e das miñas manobras sobre ela. En xeral, comecei a desenvolver unha investigación sobre a relación entre a manobra que provoca o movemento e o movemento en si dentro do fotograma. Para isto pensei en realizar esas manobras en directo, mentres a película corre pola xanela, co ánimo de incorporar a pegada desa relación ao propio acto fotográfico. (Bruno Delgado Ramo)