SINAIS

PROGRAMA 1

Sala (S8) Porto | Xoves 2 de xuño | 16 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

MURMULLO
Aura Vega | España | 2022 | 16mm | 4 min.

Formas sinuosas, figuras abstractas, grafías en movemento… Murmullo recolle toda unha serie de conversas axenas, transcricións que se transforman en trazos, debuxo. A escritura desordenada xunto ao movemento da película, alude á propia acumulación de sons procedentes do conxunto de voces. A palabra deixa de ser lexible e o son faise visible. (Aura Vega) 

UNTITLED SKETCH #02
Álvaro Feldman | España | 2022 | Super 8 | 3 min.

Un collage concéntrico. Peza pertencente a unha serie de bobinas/bosquexos montados en cámara que atravesan procesos doutras películas. (Álvaro Feldman)

DIORAMA
Álvaro Feldman | España | 2022 | Super 8 | 3 min.

Película autorretrato rodada nunha sola bobina de super 8. Unha cámara fílmase a si mesma a través da sombra que arroxa a súa proxección sobre unha pantalla, o xesto de pulsar o obturador activa todos os mecanismos. (Álvaro Feldman)

CORPO D’A AUGA
Claudia Pineda Mesquida | Galicia | 2021 | Vídeo | 7 min.

Corto inspirado na Teoría do Mundo da Agua de Russell, que di que partimos de microorganismos, de fontes hidrotermais, do océano. Con isto como trampolín, emprego imaxes submarinas propias gravadas entre as illas de Madeira e Mallorca a pouca profundidade, enfatizando nos movementos do corpo baixo o mar (Sendo arrastrado polas correntes, os remuíños ou as ondas), xunto a metraxe atopada- documental Marine Flowers (1975) – onde se explora a estrutura, o comportamento e os ciclos de vida de celentéreos como medusas e anémonas entre outros. Emprego a división interna de pantalla para enfrontarse e contemplar a posibilidade desa orixe común, valorando a importancia e preservación do océano, reconsiderando o xeito en que o mar e a vida, a natureza e o ser humano, deberían coexistir. (Claudia Pineda Mesquida)

AMARILLO ATLÁNTICO
Carla Andrade | Galicia | 2021 | Super 8, fotografía en 35 mm y 120 mm a vídeo | 14 min.

“Amarillo atlántico” é o nome da variedade única de granito da Serra da Groba, situada ao longo da costa máis meridional e rectilínea de Galicia e lugar de paso de camiños iniciáticos desde a cultura sumeria. Pola súa riqueza e descoñecemento, constitúe un gran libro de pedra no que se agochan sabedorías ancestrais e poderosas forzas cosmo-telúricas que permaneceron no proceso cultural como residualidades do rústico, resistindo á división ortodoxia-idolatría. Imaxes fixas e en movemento combinan e tinguen do propio material fílmico resignificando estas nocións relacionadas co amor pola insondabilidade do salvaxe, pero estruturalmente asimiladas coma ilusión e ignorancia. (Carla Andrade)

LA BOUCHE, PROMENER, NON, NON, NON
Acacia Ojea | Galicia | 2020 | Vídeo | 12 min.

Abrazando a poética da paisaxe, este filme penetra nunha viaxe experiencial onde o cotián proclama a súa singularidade e cada xesto fía un esqueleto de tensións, reflexos, movementos ou imaxes distorsionadas que van máis aló da súa representación. Como sensacións fragmentadas, hai unha fuxida da unidireccionalidade narrativa que estimula a contemplación do espazo como xerador de sentidos e acontecementos. (Sara Donoso)

A CASA DO NORTE
Inês Lima | España | 2021 | Super 8 a vídeo | 9 min.

Pessegueiros, galinhas, um escadote, cozinhas;
coelhos, recados, amigas, vizinhas,
miúdos traquinas, amor nas esquinas,
Não desmaies pra trás,
é só fazer figas.
As casas são feitas de tijolos e pedras,
até serem feitas de truques e histórias.
(Inês Lima)

A UN FPM
Saru Miras | España | 2021 | Super 8 | 17 min.

Cantos metros de super 8 preciso para ir ao (S8) a un fotograma por quilómetro? A UN FPM é unha proposta de cine estrutural que busca condensar percorridos de diferente índole. Asociar un valor métrico ao desprazamento. Se temos en conta que a velocidade normal un segundo son 24 fotogramas, un minuto de filmación corresponderá a 1440 quilómetros. (Saru Miras)

SINAIS

EXPERIMENTANDO O EXPERIMENTAL

A arte visual do presente e do futuro, a que levan a cabo as novas cineastas das novas xeracións, xa non atende aos parámetros do cinema experimental ou de vangarda orixinal, senón que os cuestiona e os rompe. Vivimos na era da sobreexcitación, do instante, da fusión. O novo cine traspasa fronteiras en segundos, está en constante cambio e intercambio. 

É por iso que, dende o (S8), entendemos que a nosa sección SINAIS en curto, debía atender a esta realidade. Esta sección, antigamente dedicada a cineastas galegas, ábrese por primeira vez este ano ao ámbito nacional, buscando así o diálogo entre as pezas máis novas e interesantes realizadas no Estado español. Ao facer isto comprobamos como estas artistas conviven, comunícanse e compleméntanse, creando de xeito natural un discurso e modo de facer marcado pola rapidez e pola constante renovación e investigación.

Este primeiro bloque de SINAIS dedicámosllo ás formas primixenias, ao uso do celuloide, a abstracción en primeira persoa. Unha escolma para gabar a luz, protagonista absoluta de todas as pezas. O cine sen cámara comeza abrindo este primeiro bloque no que a novísima artista Aura Vega a través do seu Murmullo, recolle toda unha serie de conversas axenas, de transcricións sobre a propia película de 16mm, que se transforman e marcas sinuosas e figuras abstractas. Untitled Sketch 02 dá un paso máis neste xogo coas formas, creando un collage concéntrico en Super 8 da man de Álvaro Feldman. Unha peza que se atopa dentro duna serie de borradores e bosquexos nos que Feldman investiga os límites da imaxe. O madrileño trae consigo ademais para esta primeira sesión de SINAIS, Diorama, un autorretrato no mesmo formato, un xogo co propio dispositivo de filmación e a súa proxección. Un mundo de cor, de luz e de sombra que lembra a Malcolm Le Grice. Corpo d’auga, de Claudia Pineda, tráenos a auga como elemento principal, como punto de unión e coexistencia. Inicia así a inclusión de imaxe real paisaxística nesta sesión, creando un universo submarino a dobre pantalla. Continuando co ámbito da paisaxe e a análise dos seus elementos, a nosa vella coñecida Carla Andrade fai unha cartografía do territorio galego tendo como protagonista esta peculiar variedade de granito única da Serra da Groba, a cal dálle título á peza: Amarillo Atlántico. Un filme de pedra e de memoria.  Unha película que cheira a sal. Acacia Ojea, pola súa banda, busca e consegue en La bouche, promèmer, non, non, non unha onírica viaxe pola costa que parece deter o tempo e darlle un pouso diferente ás imaxes que se contemplan. A Casa do Norte, da portuguesa Inês Lima, podería considerarse como un agasallo cinematográfico a nivel compositivo. Unha anatomía do fogar e dos seus elementos cunha poética visual e sonora exquisita. Un filme morno, e azul e amarelo, ateigado de historias que se din en voz baixa. Para pechar este primeiro bloque de SINAIS, Saru Miras convídanos a percorrer varios miles de quilómetros coa súa obra, A un Fpm. Unha peza en Super 8 na que busca condensar percorridos de distinta índole a través da súa proposta de cine estrutural. (Aldara Pagán)