PARAÍSO

ENCONTRO DE ESTUDIANTES DE BELLAS ARTES

Sala (S8) Palexco | Domingo 5 de xuño | 12 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

Se entendemos que o cinema é unha arte (e así o cremos na Mostra), onde se han de plantar as súas sementes é entre os futuros artistas. O que o ano pasado comezou como unha mostra/encontro entre estudantes de Belas Artes que empezan a experimentar coas posibilidades da imaxe en movemento (guiados por docentes de sensibilidade excepcional) este ano consolídase como unha sección máis do (S8) e faino baixo o nome «Paraíso»: un lugar exuberante de descuberta no cal atoparse e recoñecerse. A pasada edición contamos coa complicidade das facultades de Belas Artes de Vigo e de Cuenca e nesta teremos unha nova fornada da de Vigo, guiada pola cineasta Xisela Franco, e coa da Universidad de Salamanca da man de Laura Gómez Vaquero. 

HERENCIA 
César Souto | Galicia | 2022 | Vídeo | 5 min

A peza, dun xeito impreciso, case inconsciente, busca aproximarse a un diálogo coa idea de ausencia. Montar un xogo de luz, forma, corporalidade, rastro, respiración, movemento e quietude, que fale da complexidade do tempo e do espazo nos que como individuo, como artista, transito desde unha natureza que se mantén entre a morte e a permanencia. (César Souto) 

DOS SOLES PARA MÍ 
Andrea Núñez Pidre | Galicia | 2022 | Vídeo | 4 min 

Esta peza autobiográfica é unha resposta a todas esas malas palabras que algún día me dixeron. Unha resposta a modo de procura dunha identidade propia, onde eu decido quen son e quen non quero ser. (Andrea Núñez Pidre)

SUSURROS DO ENXEBRE
Candela Conde | Galicia | 2022 | Vídeo | 5 min

Abrir o portal e entrar. Teletransportarse á memoria familiar de catro xeracións. Capturar o instante. Encadrar o espazo entre a quietude e o movemento. Retratarme nun lugar e nun momento, xogar, lembrar, sentir. (Candela Conde)

MI CASA, TU CASA
Maruxa Alonso Gago | Galicia | 2022 | Vídeo | 4 min

Esta obra é un intento de reconstruír a imaxe familiar a través da figura da miña irmá. Mediante as gravacións familiares rexistradas no salón da casa, realizo un ensaio sobre o tempo e os lugares. A memoria está asociada a un lugar no que se expresa e existe. Así, espazo e memoria son construcións simultáneas que conviven e que trazan as experiencias que definen unha vida. (Maruxa Alonso Gago)

SOY ELIO
Elio Salgueiro | Galicia | 2022 | Vídeo | 4 min

Con este autorretrato quería mostrar un momento malo da miña vida, un baixón emocional e físico incrementado pola doenza e a dor, mais a pesar diso retratarme con calidades que a doenza non me puido quitar e amosarme espido tal e como son, ou máis ben como me vexo eu mesmo, dunha forma totalmente experimental e visceral. Esta película comezou como un exercicio para a clase, un autorretrato en presente sen guión nin regras. (Elio Salgueiro)

42°17’57.1″N 8°51’00.8″W 
Andrea San Miguel | Galicia | 2022 | Vídeo | 6 min

42°17’57.1″N 8°51’00.8″W son as coordenadas da casa da miña infancia, onde crecín coa miña familia e grazas a ela. Unha vivenda que foi arrasada por un incendio inesperado. Unha casa que garda mil lembranzas convertidas en cinzas. A peza plasma a nostalxia e os sentimentos que me invadiron cando me mergullei nos vídeos do arquivo familiar, sabendo que aqueles momentos e ese lugar xa non están. (Andrea San Miguel)

TOCOTOCO 
Clara Borrazás | Galicia | 2022 | Vídeo | 9 min

TocoToco é unha viaxe psicodélica en helicóptero. Usando arquivo do meu pai, levo estas imaxes aéreas a diferentes formatos e ritmos, explorando a forma, coloreando as imaxes e os sons, intervindo no material e por momentos empregando a animación. (Clara Borrazás)

EU MÍROME. MEMORIAS FRAGMENTADAS

Belas Artes (Universidade de Vigo)

Tras a valiosa experiencia da edición pasada, o (S8) consolida este espazo, Paraíso, dedicado á ensinanza, propoñendo unha illa colorida e exuberante que é metáfora dese enfoque rico e multidisciplinario que permiten as belas artes. Esta alianza coa Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, única do noroeste do Estado español, é unha oportunidade magnífica para visibilizar todos os anos algúns traballos suxestivos do alumnado. 

Para as estudantes que o (S8) convidou a pasada edición (baixo o título «Quen son? Autoetnografías fílmicas de artista»), eses días xuntas na Coruña, arroupadas polo festival, supuxeron un estímulo enorme. Asistiron a filmes artísticos e performances, sentíronse en familia, puideron coñecer outros cineastas de vangarda e víronse incluídas nese escaparate internacional do cinema experimental que é a Mostra de Cinema Periférico. Grazas en parte a esa primeira oportunidade, unha das artistas, Claudia Pineda, foi seleccionada posteriormente no Short Films Corner do Festival de Cannes coa súa película El viaje, 1988, onde acudiu uns días; máis adiante foi seleccionada tamén en L’Alternativa, de Barcelona. Son moi novas; son as súas primeiras aproximacións ao cinema. Estas experiencias encarreiran o seu quefacer artístico xerando un lugar no que se inscribiren con confianza en si mesmas. Tanto Pineda como Tamara Goberna, outra das participantes do ano pasado, foron seleccionadas esta edición para o programa de cinema galego que o festival organiza todos os anos. É fermoso ver esta evolución. 

Pensemos que vencellar a universidade ao vibrante contexto galego fai que a traxectoria académica cobre moito máis sentido. En 2021, alén das estudantes de Belas Artes da Universidade de Vigo, foron convidadas alumnas da Facultad de Bellas Artes de Cuenca, que realizaron unha performance de cinema expandido coa súa profesora, a artista Esperanza Collado. Este ano o (S8) trae outro grupo de artistas estudantes da Facultad de Salamanca (coa súa profesora Laura Gómez Vaquero), que mostrarán tamén as súas películas no marco do mesmo espazo educativo, o que permitirá un diálogo entre ambas as facultades, Vigo e Salamanca. Este intercambio é excitante e sabemos que constitúe un privilexio para o alumnado. 

Vaiamos á selección que nos ocupa. Sete artistas forman Paraíso. Son César Souto, Andrea Martín Pidre, Candela Conde, Maruxa Alonso Gago, Elio Salgueiro, Andrea San Miguel e Clara Borrazás. Baixo o título de Eu mírome. Memorias fragmentadas, incluímos estes sete artistas que tiven o privilexio de tratar recentemente como alumnos e alumnas en segundo ou terceiro da carreira, en materias como Imaxe en Movemento ou en Produción Artística Audiovisual, dúas materias nas que transitan acompañados dun sólido equipo de docentes que, desde distintas perspectivas, os achegan ao coñecemento do audiovisual, a partir do cinema artístico ou a videoarte. 

A maioría destas obras naceron como exercicios da clase cando se lles pediu que realizasen un autorretrato; todas se enmarcan no autobiográfico. A última, TocoToco, de Clara Borrazás, usa un arquivo familiar peculiar do seu pai a voar en helicóptero e ten un ton diferente que nos serve de explosión hipnótica final. Foi unha película creada no obradoiro que o cineasta Adrián Canoura impartiu no festival Novos Cinemas e pareceume acaída para pechar o programa dun xeito engaiolante e esperanzador. 

A orde que elixín para mostrar estas películas é importante e condiciona totalmente a experiencia do programa. Partimos do negro, dunha ausencia, que se abre á abstracción formal, un vaivén que o autor César Souto describe como algo que se atopa entre o movemento e a quietude, entre a morte e a permanencia. Titula a súa obra Herencia

Andrea Martín Pidre, en Dos soles para mí, fai da montaxe unha catarse e empodérase fronte ás lembranzas de palabras inxustas que algún día pasado recibiu. Utiliza o seu propio material gravado, as súas vivencias rexistradas por ela, a súa grafía, igual que Candela Conde en Susurros do enxebre, que explora un espazo (o dunha casa que se remonta a catro xeracións atrás) partindo da súa mirada de fotógrafa. Ou Elio Salgueiro, que tamén grava el mesmo esas imaxes e logo as altera na posprodución. 

O resto realizan películas de metraxe atopada nas que editan e achegan a súa mirada revisando o pasado familiar. Tres pezas falan sobre a idea da casa, unha casa familiar, un salón, lugares da memoria persoal que as súas autoras miran cunha actitude que está entre a nostalxia e o xogo libre. Aparecen temas como a familia, unha irmá que chega ao fogar (a de Maruxa Alonso Gago en Mi casa, tu casa), unha casa arrasada por un incendio (en 42°17’57.1″N 8°51’00.8″W, de Andrea San Martín). 

Elio Salgueiro inscribe a súa propia voz nun monólogo interior confesional e en Soy Elio trata con valentía a enfermidade e o sufrimento, que doen pero non poden frear a súa necesidade de crear. 

Estes mozos e mozas cineastas saben que a expresión artística non soluciona os problemas, mais favorece o autocoñecemento e a independencia de espírito e posibilita a maxia. Vivimos tempos confusos. Agardamos que o cinema sexa ese camiño que se lles abre como horizonte posible de esperanza. E que este festival sexa como unha invocación. 

Xisela Franco – Cineasta, xestora cultural e docente da Facultade de Belas Artes (Universidade de Vigo)