CLAUSURA

LEAH SINGER & LEE RANALDO

Sala (S8) Porto | Domingo 5 de xuño | 20.30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

Lee Ranaldo, fundador da mítica banda de noise rock neoiorquina Sonic Youth, xunto a escritora e artista visual canadense Leah Singer, presentan Contre Jour, na que Ranaldo achega as improvisacións sonoras e Singer as imaxes proxectadas, nunha espectacular posta en escena na que o contido sonoro está intimamente ligado á forma cinematográfica. Unha peza que busca unha forte implicación emocional do público, na que hai momentos nos que a guitarra queda suspendida no aire, balanceándose no baleiro. Unha contorna de luz e son aberto ao azar e á experimentación no que os artistas e a audiencia se involucran nunha experiencia inmersiva.

LEAH SINGER & LEE RANALDO

CONTRE JOUR

Imos presentar a última versión do proxecto colaborativo que levamos a cabo desde hai trinta anos, coñecido alternativamente como Drift, Contre Jour e Sight Unseen, títulos que suxiren encontros fortuítos, xogos de sombras e a apreciación do que se pasa por alto. 

Desde 1990 estudamos como interactúan a imaxe e o son nunha situación de directo. As tentativas de romper as dinámicas tradicionais entre artista e público leváronnos a experimentos que implican unha posta en escena circular e unha colocación da pantalla de proxección no chan, ao nivel dos ollos, prescindindo así do escenario. 

A performance suxire unha interpretación persoal na que a índole experiencial da obra ten preferencia sobre calquera formulación fixa ou narrativa explícita. 

Ao principio da nosa colaboración, Leah usaba primeiro un e, máis adiante, dous proxectores analíticos modificados de 16mm que permitían a manipulación da película e que brindaban a oportunidade de actuar en tándem con música en vivo; a película podía moverse para diante e para atrás, frearse, acelerarse e parar de todo nun fotograma conxelado, gañando así a flexibilidade dun músico ao improvisar. Os proxectores eran os instrumentos e Leah a intérprete. Igual que un picadiscos fai scratch cos vinilos en dous pratos, Leah usaba os proxectores para xustapoñer e mesturar películas sobre a marcha pola pantalla de proxección. 

A cinta creábase segundo o estilo característico de Leah, consistente en filmar película de cine de 16mm cunha cámara fixa de 35mm, abandonando o ritmo de 24 fotogramas por segundo en favor dunha forma fragmentada. As capacidades do proxector analítico permitían a proxección destas singulares bobinas de cámara, que eran moi curtas e que voarían de ser proxectadas a unha velocidade normal. Isto significaba que un anaco pequeno de película podía expandirse no tempo porque tiña que proxectarse fotograma a fotograma. Estas viñetas de película secuenciadas, separadas por unha guía negra, crean unha partitura visual que adopta unha forma distinta en cada performance. Principalmente por motivos prácticos, os arquivos de vídeo dixital substituíron a película analóxica, mais os principios centrais da performance permanecen. 

Na última evolución da performance de Lee entra o «fenómeno da guitarra suspendida», a súa Fender Jazzblaster eléctrica a balancearse libremente polo espazo á maneira dun péndulo sónico. Intérprete e instrumento funcionan como corpos que interceptan a proxección frontal da película, interactuando coas secuencias construídas por Leah; os seus xogos de sombras na pantalla son unha homenaxe á forma máis antiga de cinema. A gama de sons emitidos pola guitarra, xunta outros materiais de audio presentes na banda sonora da película, crean unha música que non ilustra a cinta nin se sincroniza con ela, senón que, máis ben, responde a ela e a cataliza. En xeral, a performance ofrece un conxunto de posibilidades diverxentes que diferencian e potencian as nosas experiencias: positivo/negativo, monocromía/cor, aceso/apagado, pasado/presente. 

Leah Singer e Lee Ranaldo