- Unha das películas que este ano nos guían cara ao espazo exterior e cara ao espazo mental que reclamamos no programa do mesmo nome é Allures, de Jordan Belson. A seguir presentamos o texto que Gene Youngblood lle dedica no seu mítico libro Expanded Cinema.
Belson, nos seus inicios un pintor moi exposto, pasouse á realización cinematográfica en 1947 con crúas animacións debuxadas sobre tarxetas, as cales destruía posteriormente. Volveu á pintura durante catro anos e en 1952 retomou o traballo fílmico cunha serie na que conxugaba o cinema e a pintura mediante o uso de rolos animados; as catro películas que produciu no período 1952-1953 foron Mambo, Caravan, Mandala e Bop Scotch. De 1957 a 1959 traballou con Henry Jacobs como director visual dos Vortex Concerts no Planetario Morrison de San Francisco e simultaneamente produciu outras tres cintas de animación, Flight (1958), Raga (1959) e Seance (1959). Con Allures, rematada en 1961, Belson afastouse da animación fotograma a fotograma e achegouse á fotografía continua instantánea, e este é o primeiro dos seus traballos que el aínda considera relevante dabondo como para falar del.
Describe Allures como unha película «de precisión matemática» sobre o tema da cosmoxénese, termo de Teilhard de Chardin co que se pretendía substituír a cosmoloxía e indicar que o universo non é un fenómeno estático, senón un proceso de transformación, de acadar outros niveis de existencia e organización. Porén, Belson engade: «Garda máis relación coas percepcións físicas humanas que o resto das miñas películas. É unha viaxe de retorno polos sentidos, cara ao interior do ser; fíxalle a un a mirada, fisicamente capta a súa atención».
Allures comeza cun repenicar etéreo de sinos. Unha explosión estelar centrífuga de faíscas rosas, amarelas e azuis xorde en remuíño dun baleiro negro e os seus puntos únense formando grupos e esvaecen. Os sinos transfórmanse en estrañas campaíñas; afundimos nun vórtice insondable laranxa e negro. Unha intricada mandala rosa de padróns tramados e interconectados vai a xirar velozmente cara á distancia. Unha espiral con aspecto de eiruga emerxe impoñente e ominosa do infinito. Oímos un trilo electrónico de piadas, unha colección de ameazadoras notas de piano. Faíscas rosas e amarelas serpean en vertical fotograma arriba. Unhas espirais remotas como cóbregas aparecen e esváense. Un sol diminuto rodeado por un enorme halo laranxa desintégrase. Hai formas de pétalos voadores semellantes a cometas.
Os puntos veados dun osciloscopio rebotan polo fotograma cun ruído metálico de piada e garulada e forman complexos padróns triangulares e tetraédricos de cor vermella, amarela e azul. De aquí sae unha esfera pulsátil de lume branco amarelado carente de forma definida que desaparece e unha batuta brillante como un neon vai a rotar paseniño cara ao infinito.
«Penso en Allures», di Belson, «como unha combinación de estruturas moleculares e eventos astronómicos mesturados con fenómenos subconscientes e subxectivos, todos os cales acontecen simultaneamente. O comezo é case puramente sensual; o final, acaso totalmente inmaterial. Semella pasar, dalgún xeito, de materia a espírito. Allures foi a primeira película en abrirse de verdade no sentido espacial; Oskar Fischinger estivera a experimentar coas dimensións espaciais, pero Allures parecía ser do espazo exterior, máis que do espazo terrestre. Claro, un ve a cinta rematada con todo ben calculado para que dea unha impresión concreta; de feito, levou ano e medio facela, ensamblándoa de mil maneiras, e o produto final dura unicamente cinco minutos. Allures en realidade desenvolveuse a partir dunhas imaxes coas que eu estaba a traballar nos Vortex Concerts e ata daquela as miñas películas foran en gran medida trepidantes; eran de animación e non había ritmo real, só un frenesí sostido. Logo de traballar en Vortex cun equipo moi avanzado, aprendín o eficaz que resulta algo tan sinxelo como son os fundidos moi lentos de entrada e saída. Mais aínda era todo moi impersoal; nais imaxes de Allures non hai nada que sexa persoal de verdade».
Despois de a brillante batuta azul disiparse, a pantalla fica negra e silenciosa. Case imperceptiblemente, un conxunto de puntos azuis emerxe do fondo e constitúe uns campos magnéticos que se transforman nun complexo padrón reticular de formas xeométricas superpostas unhas sobre das outras ata que o fotograma se enche de enerxía dinámica e movemento matemático. Un ouveo electrónico estridente acentúa a tensión mentres as galaxias de campos de forza chocan, se permutan e se transmutan dun xeito espectacular. Uns escuadróns precipítanse cara á cámara ao tempo que outros se afastan velozmente; uns móvense en diagonal e outros en horizontal ou vertical. Todo recorda moito a 2001…, se non fose porque se fixo sete anos antes. Noutras partes da película óese o estrondo xordo dos tronos mentres, polo aire, unhas faíscas se unen para formar estruturas atómicas xiratorias, de cuxo núcleo emanan tentáculos resplandecentes de luces multicolor que se axitan. Ao final oímos unha etérea música de arpa ao tempo que un sol pulsátil, que vomita partículas brillantes a intervalos irregulares, revela a existencia no seu seo doutra galaxia tremelucente.