AMY HALPERN. A MULLER QUE SEMPRE ESTIVO ALÍ

Xuñ 2, 2022 | Artigos, Destacados

  • Sombras extravagantes, creado e conducido por Ariadna Solera e Álex Pena Morado, é un dos podcasts máis frescos e divertidos sobre cinema experimental e de autor que poden atoparse: con profundidade e entusiasmo veñen dedicando completos programas a diferentes eventos e autores. Información, crítica e un punto de rexouba cando corresponde: ese é o seu selo. Hoxe Sombras extravagantes fannos chegar as impresións do seu encontro próximo con Amy Halpern.

O certo é que ao principio non nos soaba de nada. Non viramos ningunha das súas películas, mais a iso afaste e mesmo o buscas. O interese polo cinema experimental ten tanto de experiencia estética como dunha especie de adicción a esa sensación de descuberta constante: de nomes novos e de títulos novos, pero, sobre todo, de formas novas de ver. Tampouco sabiamos situala nunha época concreta, como parte dun grupo ou dunha corrente estética, mais isto tampouco é estraño. Mesmo se coñeces as películas, por veces é difícil ordenar o baile de datas, vencellar unhas a outras ou adiviñar relacións non sempre evidentes. Pasounos ás veces ver por primeira vez a película dun(hx) cineasta e ser incapaces de saber se se trata dun experimento puntual ou parte dun proxecto (persoal ou colectivo) máis extenso. En realidade, nin sequera estabamos segurxs de que lésemos o seu nome antes, e isto si que era raro. Non porque ningún dos dous sexa un grande experto na historia do cinema experimental, senón porque, nun mundo relativamente pequeno como este, a medida que memorizas o nome das persoas responsables das películas das que gustas, tamén aprendes que todas se coñecían dun xeito ou doutro: estas foron parella, esoutras estudaron xuntas e despois montaron unha comuna, aquelas coñecéronse na Film-Makers’ Coop e as de máis aló nalgún festival e agora traballan no mesmo laboratorio. Nun momento difícil de concretar a sensación de descuberta transfórmase. As películas deixan de aparecer da nada. En cambio, búscalas seguindo un mapa que todo o que viches ata ese momento empeza a debuxar para ti.

Cando Amy Halpern visitou Barcelona a principios de 2020, apareceu fóra dos nosos mapas. Non sabiamos quen era nin moito menos que esperar das súas películas. Tampouco sabiamos que sería a última vez en meses que pisariamos unha sala de cinema. Cando unha semana despois gravamos o podcast que lle dedicamos, falabamos da posibilidade de volver vela ese mesmo 2020 aquí, no (S8). Tivo que ser dous anos máis tarde, pero aquí estamos! Desde entón tivemos tempo de pensar moito naqueles tres ou catro días. Na primeira imaxe que nos vén á cabeza, a Amy salta dun lado ao outro da mesa na terraza dun bar, a procurar o encadre para filmar un retrato de Ariadna mentres Álex sostén un folio para reflectir a luz do sol no ángulo correcto. Un par de días despois explicaríanos nun obradoiro sobre «iluminación de guerrilla» todos os trucos que fora inventando durante anos de traballo como electricista no cinema industrial, pero, sobre todo, a importancia da luz no seu modo de filmar. Para destacar un trazo concreto dunha cara é suficiente que a luz se reflicta nela cun papel branco e quizais escurecer o outro lado cunha cartolina negra. Para conseguir un pequeno reflexo nas pupilas abonda cun pequeno flexo, aínda que faga falla improvisar un alongador para o colgar con fita illante dunha parede e para isto a Amy tivese que se subir nas puntas dos pés nunha cadeira cambaleante, apoiada só sobre un pé mentres cunha man sacaba algunha ferramenta do cinto.

Para nós foi un momento de tensión no que nos deu tempo a imaxinar cinco ou seis finais tráxicos para a escena. Para Amy Halpern, un movemento rutineiro repetido seguramente centos de veces nas decenas de rodaxes en que ten traballado. Quizais aí estea o que fai especiais as súas películas: están feitas por unha persoa que traballa no cinema, que non é só unha autora senón alguén que realiza unha función específica no proceso de creación das películas que despois filman outrxs. As súas son, por tanto, experimentos que gardan unha relación estreita con este traballo por conta allea. Amy Halpern entende o cinema experimental como unha práctica e non como un xénero delimitado por uns códigos estéticos máis ou menos definidos, o uso dun ou doutro soporte, un estilo de montaxe ou unha duración. Unha práctica, isto é, que consiste en experimentar activamente cunha materia que é o cinema para entender cales son os límites da súa linguaxe. Como un(hx) cociñeirx que proba algún ingrediente novo para saber con que combinalo ou un(hx) carpinteirx que corta por vez primeira unha madeira para entender as súas calidades, as películas de Amy Halpern concéntranse habitualmente en procesos moi concretos da materia cinematográfica para entender as súas posibilidades.

Por suposto, Amy Halpern non apareceu da nada. Pouco despois daquel encontro con ela, liamos un libro sobre os primeiros anos do programa de estudos cinematográficos de Binghamton e Amy Halpern estaba alí. Liamos sobre a influencia de Larry Gottheim e Ken Jacobs, sobre as visitas de Ernie Gehr, Peter Kubelka ou a rodaxe de We Can’t Go Home Again, de Nicholas Ray, e Amy Halpern estaba alí. Revisamos os créditos das películas de Charles Burnett ou de The Decay of Fiction, a obra mestra de Pat O’Neill, e Amy Halpern estaba alí. Investigamos sobre a historia do cinema experimental na costa oeste dos Estados Unidos, a miúdo oculta detrás da importancia da escena neoiorquina vencellada á Film-Makers’ Coop, e por suposto que Amy Halpern estaba alí. Non é só que Amy Halpern estivese no noso mapa do cinema experimental, é que case calquera ruta que debuxásemos nos levaría inevitablemente a ela… e, porén, tardou todo este tempo en aparecer. Se alguén revisa toda esta última lista de nomes, quizais sexa doado intuír algunha das razóns.

Sombras extravagantes (Ariadna Solera e Álex Pena Morado)

PUBLICACIÓNS RECENTES