Neste 2022, España é o País Convidado de Honra na Feira do libro de Frankfurt, o encontro internacional do libro de maior transcendencia comercial, cultural e profesional do mundo, tendo unha oportunidade única para presentar a súa cultura e a súa literatura ao mundo.
No programa “España, creatividad desbordante”, co que asiste o noso país como convidado de honra será un escaparate internacional dos artistas españois con espectáculos de danza, representacións teatrais, exposicións, eventos musicais, lecturas dramatizadas, instalacións, ciclos de cinema etc. en diferentes puntos de Frankfurt, así como noutras cidades alemás.
O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña actúa nesta edición como embaixador do cinema español, desde a orixe ata a vangarda, a través do programa Val del Omar. El cine como elemento -coorganizado con Acción Cultural Española AC/E- e mediante o convite que o Instituto Cervantes estendeu a Ana Domínguez, co-directora do (S8), para ser unha das programadoras do ciclo de cinema itinerante “La realidad desbordante: cine independiente español (2015-2020)”.
A Mostra consolídase así como unha referencia no panorama de eventos de creación cinematográfica de vangarda, internacionalizando os seus contidos e achegándoo a público de todos os recunchos do mundo.
Programa “Val del Omar. O cinema como elemento”
José Val del Omar (Granada, 1904 – Madrid, 1982), que aúna no seu traballo poesía, técnica e mística, ten máis de sesenta patentes ao seu nome, inventou o cinema expandido antes de que fose sequera acuñado ese termo, e é autor dunha das obras máis brillantes do cinema de vangarda mundial: o Tríptico Elemental de España, obra visionaria filmada na década dos 50 e 60 do século pasado, na que percorre o país a través dos seus elementos (auga, lume e terra).
“Val del Omar. El cine como elemento”, que coorganiza o (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña xunto a Acción Cultural Española (AC/E) e que conta coa colaboración do Archiivo Val del Omar presidido por Gonzalo Sáenz de Buruaga, centrarase na difusión internacional da obra do cineasta.
Este programa celebrarse na sede principal do Deutsches Filminstitut & Filmmuseum de Fráncfort e dará comenzo o martes 25 cunha conferencia ilustrada de Piluca Baquero, directora do Archivo Val del Omar, na que realizará un amplo percorrido pola vida e obra do creador. Abarcará desde o seu traballo nas Misións Pedagóxicas da República, ata os seus experimentos coa imaxe e o son, os seus laboratorios, a súa visión poética ou a súa concepción do cinema como arte, que incluirá unha demostración dun dos seus inventos: a óptica biónica enerxética ciclo-táctil, un dispositivo óptico accesorio de proxectores para visionar picto-lumínicamente as imaxes. Acto seguido proxectarase en 35 mm o Tríptico Elemental de España, obra cume de Val del Omar, que que se compón dos films Acariño Galaico (de Barro) 1961-95,Fuego en Castilla (Tactilvisión del Páramo del Espanto) 1958-60, Aguaespejo Granadino (La Gran Siguriya) 1953-55.
Ao día seguinte, o mércores 26, a cineasta e programadora Elena Duque ofrecerá unha conferencia que leva por nome “El cine como elemento”, na que se abordará a obra de Val del Omar como un legado atemporal que segue sendo relevante na actualidade, e que concluirá cunha sesión que porá en relación o seu traballo co panorama do cinema de vangarda internacional pasado, presente e futuro. A modo de espello co Tríptico Elemental de España, proxectaranse películas de creadores como Valentina Alvarado, Kerry Laitala, Ken Jacobs, Marie Menken, Kenneth Anger, Jeannette Muñoz, Helena Girón e Samuel Delgado, Antoinette Zwirchmayr, ou o Colectivo Los Ingrávidos, nas que o seu pulso e os seus descubrimentos seguen presentes, ben como influencia directa ben indirecta, á vez que expón un percorrido polos elementos auga, terra e lume que o compoñen.
“A realidade desbordante: cine independiente español (2015-2020)”
Acción Cultural Española, xunto ao Instituto Cervantes, tamén presentará na Feira do Libro de Frankfurt unha mostra de dez películas de cinema español independente como parte das actividades culturais de España. A selección foi realizada por cinco especialistas vinculados a distintas institucións, festivais e asociacións, entre as que se atopa a codirectora do (S8), Ana Domínguez, acompañada por profesionais como Rocío Cabrera, Javier Miranda, Garbiñe Ortega e Tess Renaudo.
Esta mostra –El año del descubrimiento (Luis López Carrasco, 2020), Oscuro y Lucientes (Samuel Alarcón, 2018), Zumiriki (Oskar Alegría, 2019), Dead Slow Ahead (Mauro Herce, 2015), El señor Liberto y los pequeños placeres (Ana Serret, 2017), Video Blues (Emma Tusell, 2019), Olej y las raras arts (Andrés Duque, 2016), Las letras de Jordi (Maider Fernández Iriarte, 2019), Converso (David Arratibel, 2017), Ainhoa, yo no soy esa (Carolina Astudillo, 2018)- poderá verse en salas da rede de cinemas da asociación Kommunale Kinos en cidades alemás como Frankfurt, Hamburgo ou Bremen, nalgúns casos ata finais do mes de marzo do próximo ano.
Con ela ábrese unha fiestra á forma en que se acometeu a constante reformulación do cinema na súa incesante metamorfose para manterse vivo na era das plataformas e o consumo individual de contidos audiovisuais. Esta xeración de cineastas que desenvolven o seu traballo en España ofrécenos unha das mellores panorámicas para entender o noso cinema.
O programa, “España, creatividad desbordante”, coa que España participa como Convidada de Honra á Feira do Libro de Frankfurt 2022, está organizada por Acción Cultural Española (AC/E) e a Dirección General del Libro (Ministerio de Cultura y Deporte), en colaboración co Ministerio de Asuntos Exteriores y Cooperación, o Ministerio de Industria Comercio y Turismo, o Instituto Cervantes e a Federación del Gremio de Editores de España.