ENCONTROS PROFESIONAIS
INPUT
INPUT é un espazo de titorización e asesoría de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que xorde en 2017 da colaboración entre a Fundación Luis Seoane e o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, mediante o que os autores e autoras teñen acceso a profesionais de prestixio internacional do ámbito do cinema e da arte, cos cales poden debater sobre os seus proxectos, desde o estado de escritura e desenvolvemento ata o de distribución. Trátase de titorías individuais e personalizadas, onde o/a autor/a comparte os seus procesos creativos, que son analizados polo/a mentor/a para buscar novas vías ou impulsar as xa existentes.
INPUT, que este ano medra, ao acoller seis proxectos e seis titores, é unha das principais liñas de traballo de eSe8_LAB, que organiza e impulsa actividades profesionais que inciden na modernización do sector e repercuten na promoción da nosa cultura, no ámbito estatal e no internacional. O obxectivo destas xornadas é impulsar a profesionalización dos novos creadores e potenciar, así, a formación, o artellamento e a creación de redes dentro do sector cultural no noso país.
INPUT está financiado pola Unión Europea (NextGenerationEU) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales e a Fundación Luis Seoane e conta coa participación de Afundación (Obra Social ABANCA) e de LAV (Laboratorio Audiovisual de Creación y Prácticas Contemporáneas).
TITORAS
ALBERT ALCOZ
Albert Alcoz (Barcelona, 1979) é cineasta, investigador e programador de cinema experimental. Doutor en Teoría, Análise e Documentación Cinematográfica pola Universitat Pompeu Fabra de Barcelona (2016) e profesor asociado da Facultat de Belles Arts da Universitat de Barcelona. Escribiu os libros Resonancias fílmicas: el sonido en el cine estructural (1960-1981) (Shangrila, 2017) e Radicales libres: 50 películas esenciales del cine experimental (UOC, 2019). Colabora regularmente con HAMACA, Xcèntric, LOOP e A*Desk mentres codirixe proxectos audiovisuais autoxestionados, como o web Venusplutón! (2008-2013), a editorial de DVD Angular (2015), o ciclo de proxeccións CRANC (2016-2020) ou o blog Visionary Film (2006-2021). A partir de 2005 crea filmes e vídeos que se proxectaron en numerosos festivais e se expuxeron en centros de arte.
CLOE MASOTTA
É docente, crítica de cinema e de arte contemporánea, curadora e mediadora cultural. É doutora en Comunicación pola Universitat Pompeu Fabra, onde tamén cursou as licenciaturas de Humanidades e Comunicación Audiovisual, así como o Mestrado en Estudos de Cinema e Audiovisual Contemporáneos. Ademais, ten o Mestrado en Teoría e Crítica de Arte Contemporánea do Programa de Estudos Independentes do MACBA. Publicou os libros Cuerpos exquisitos: identidades y deseo en el Arxiu X-cèntric (CCCB, 2020) e Tendremos que encontrar un lugar donde encontrarnos (La Caníbal, 2020).
GIUSEPPE SPINA
Estuda Teoría do Cinema na Università di Bologna, centrándose na historia e a semiótica das artes. Ao longo dos anos e coa total autonomía de Nomadica —a organización fundada con Giulia Mazzone—, dedicouse á exploración de diferentes linguaxes relacionadas coas imaxes en movemento: da animación ao found footage, da ficción á abstracción, dos estudos antropolóxicos aos fantasmáticos; realiza varias películas e traballa na difusión e organización de eventos, con seminarios e proxeccións de cinema, e leva a cabo actividades relativas a obradoiros e seminarios en diversas academias. Para as súas películas, ocúpase persoalmente de todos os aspectos, desde a escritura á fotografía, o son e a montaxe, respectando unha antiga vía artística situada fóra das normas da industria e da división sectorial.
HELENA GIRÓN
Cineasta nada en Galicia. Realizou, xunto a Samuel M. Delgado, as películas Bloom, Eles transportan a morte, Irmandade, Plus Ultra, Montañas ardientes que vomitan fuego e Sin Dios ni Santa María e as instalacións e performances Colección húmeda, También aquí los dioses están presentes, No hay tierra más allá e Ejercicios de escucha ·1·2. Tras licenciarse en Comunicación Audiovisual, realiza o Mestrado de Guión de Cinema e TV da Universidad Carlos III de Madrid e o Mestrado de Montaxe Cinematográfica da ESCAC. Colabora como docente na ECAM (Madrid), EQZE (San Sebastián) e IFIC (Tenerife).
JESSICA SARAH RINLAND
Jessica Sarah Rinland, artista e cineasta arxentino-británica, recibiu numerosos premios; entre eles, a mención especial do Festival de Cinema de Locarno e o de mellor película en DocumentaMadrid, o primeiro premio da Bienal da Imaxe en Movemento (BIM), o Art & Science Award do Festival de Cinema de Ann Arbor e o premio Schnitzer do Massachusetts Institute of Technology á excelencia nas artes. A súa obra expúxose na Downtown Gallery da University of Tennessee, as Southwark Park Galleries, a Bienal de Taipei, a Somerset House e Bloomberg New Contemporaries. Realizou retrospectivas das súas películas nos Anthology Film Archives, Doc’s Kingdom, o AricaDoc, o Eureka Festival de Cine, Curtocircuíto, o London Short Film Festival e o Flaherty Film Seminar. As súas películas forman parte das coleccións do British Film Institute. É licenciada (con matrícula de honra) en Belas Artes pola Central Saint Martins da University of the Arts London e ten un mestrado en Arte, Cultura e Tecnoloxía polo Massachusetts Institute of Technology.
MARÍA CAÑAS
María Cañas é axitadora cultural, creadora audiovisual e pirómana de mentes. Practica a experimentación artística, o apropiacionismo e a videoguerrilla, que se introducen nos tópicos e prexuízos para os dinamitar, e a risastencia: o humor de todas as cores das multitudes conectadas, como estratexia de insurxencia ou, se non, polo menos, de resistencia. Un activar comprometido co arquivo e o detrito audiovisual como ferramentas de desenvolvemento cultural e coa necesidade de educar na axitación e na reciclaxe dos nosos imaxinarios, para así nos transformarmos en seres máis libres, críticos e creativos. Dirixe Animalario TV Producciones (www.animalario.tv), un espazo dedicado á experimentación artística e á mediación e formación, na busca do cultivo do lume interno. O seu traballo amósase en Internet e foi exhibido e premiado en multitude de festivais, feiras, eventos, centros e espazos de arte, museos, universidades e galerías nacionais e internacionais.
PROXECTOS SELECCIONADOS
CON CIERTA LUZ
Nicole Remy
Intervir o propio carrete de Super 8 para o usar como unha cámara de cinema utilizando unha técnica de dispositivo pinhole. Cunha prancha de aluminio sobre a xanela que deixa ver seis fotogramas da película e cun obturador deslizado á man, a luz baña a película a través dos buratos. En Con cierta luz propóñome traballar con dous carretes de Super 8. Ambos filman á vez e o mesmo encadramento, agás polo feito de as súas posicións seren invertidas: un filma ao revés e o outro ao dereito. Filmo andando polo camiño que vai da miña casa ao parque Tierno Galván. Créase unha tensión entre sentidos opostos, tanto na súa proxección (unha mesma imaxe proxectada en diferentes direccións) e a imaxe filmada a avanzar cara adiante. Unha busca por capturar outro tipo de movemento. (Nicole Remy)
LETTERS TO LONG ISLAND
Carmen Pedrero
Con quince anos fun de campamento a Long Island (Nova York). Alí coñecín a Javier, de corenta e dous, con quen me levei moi ben. Cando volvín para España, comezamos a ter unha relación platónica a través de Facebook que se foi magnificando e complicando pouco a pouco, ata tal punto que el acabou deixando a muller. Cando iso aconteceu, deixei de responderlle ás mensaxes e comecei a escribirlle unhas cartas que nunca lle enviei. Letters to Long Island é unha carta fílmica e alterna aquelas cartas (escritas en inglés) cunha representación conceptual, lírica e sensorial daquel ano da miña vida e da miña historia romántica co Javier. (Carmen Pedrero)
TEXTIL EN EL MEDIO FÍLMICO
Beatriz Freire
O meu proxecto ten como enfoque a investigación do uso de procesos, técnicas e materiais do téxtil en prácticas fílmicas. Moitas das técnicas, accións e procesos do analóxico (mesmo a súa xestualidade) aseméllanse á práctica téxtil que veño realizando nos últimos anos. Unha faixa de algodón, con 16 mm de ancho, tecida coa técnica de tablet weaving, como intento de materialización téxtil dunha película de 16 mm. Facer revivir os descartes de celuloide (Super 8, 16 mm, 35 mm), coséndoos uns aos outros, volvendo darlles a súa forma orixinal. Escanar os metros de película e redescubrir as texturas deixadas polos fíos e golpes feitos polos cortes de empalmadoras, tesoiras e agullas. Traducir a códigos de tecedura pezas sonoras e audiovisuais. Performar o acto de tecer, creando, en directo, obras téxtiles, onde se poden ver e tocar os padróns elaborados a partir dos códigos fílmicos. Representar a poética do téxtil, nas persoas e espazos, a través da creación de pezas cinematográficas. (Beatriz Freire)
TRES POEMAS PARA EL HOMBRE PALO
Pablo Agma
Tres poemas para el hombre de palo é unha película multipantalla na que se cuestiona o esquema tradicional de produción e exhibición cinematográficas. O seu obxectivo é transcender e mutar decontino, toda ela: entre a película e a instalación, o cinema e a performance, a ficción e o experimental. A súa posta en escena crea novas formas de visionamento e de uso da pantalla. Tematicamente, exploro algunhas das miñas inquedanzas máis actuais: un achegamento desde outro ángulo ao cinema de terror experimental e á idea do «monstro», moi en relación con cuestións sociais como o xénero, a inadaptación e o queer. Formalmente e en sintonía con este interese pola transmutación, combínanse diferentes tipos de imaxe. Así, os narradores viven nun mundo dixital e puído; os poemas do home de pau están gravados en VHS; e, finalmente, un epílogo en branco e negro e en 16 mm, que transita desde o figurativo ata o abstracto, para culminar con raiogramas de breixo sobre emulsión caseira, onde a materia cobra protagonismo. (Pablo Agma)
Y TODOS LOS MONTES ALTOS QUE HABÍA DEBAJO DE TODOS LOS CIELOS
Louise Martin Papasian e Celeste Rojas Mugica
Un proxecto que xorde da confluencia e o diálogo de dúas realizadoras provenientes de territorios distantes entre si. A partir de investigacións previas que cada unha foi desenvolvendo arredor do imaxinario da montaña e por medio do vencello abstracto ou concreto con certas montañas específicas —os Alpes (nos bordos do Estado italiano), os Andes (en Chile e Colombia) e o monte Ararat (en Armenia)—, as directoras constrúen unha imaxe de relevo múltiple e híbrido, dotada de materiais diversos, onde pensar e escenificar un espazo límite e abismal que sempre se erixe cara arriba da terra. Tomando aspectos históricos e xeopolíticos destes territorios, a película adentrarase nun dispositivo de ficción ou imaxe espectral sempre incompleta para pensar sobre as construcións míticas que se elaboran arredor das montañas, desde as utopías políticas máis conservadoras que se erixiron no seu nome ata os imaxinarios que emerxeron sobre elas ou tras delas. (Louise Martin Papasian e Celeste Rojas Mugica)
CÓMO MANOLETE EN LA VÍSPERA DE SU MUERTE
Álvaro Gómez Pidal
Á morte da súa avoa, un mozo cineasta madrileño (Álvaro Gómez Pidal) descobre que o seu tío avó Manuel Allendesalazar (Manolo) foi asasinado en Xerusalén, onde servía de diplomático en 1948. Búscao en cemiterios de Madrid sen atopar a tumba. Esta é a súa experiencia persoal ao tratar de entender o que levou ao asasinato de Manuel, a creación do Estado de Israel e a loita palestina nun proceso poscolonial a combinar presente e pasado. A súa liña persoal fúndese cos últimos días de Manuel e como imaxinariamente esa historia podería verse desde os medios de comunicación actuais e as redes sociais e outros recursos mixtos. Utilizando imaxes en 16 mm, vídeo HD, animación, gravación de pantallas e videochamadas, arquivo, imaxe intervida, recreacións libres, colaxe, escanados de obxectos reais, capturas de pantalla de redes sociais e intelixencia artificial para crear libremente un mosaico, unha película poliédrica que tamén, paralelamente, se desenvolve como instalación para salas e como fotolibro. (Álvaro Gómez Pidal)