LIBROS A PROPÓSITO DE PELÍCULAS, PELÍCULAS A PROPÓSITO DE LIBROS

SESIÓN ESPECIAL EDITORIAIS

Sala (S8) Palexco | Venres 2 de xuño | 17:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección. 

Este programa vén complementar o noso observatorio deste ano, «Dar fe: como editar libros sobre cinema experimental hoxe», encontro profesional que aglutina algunhas das editoriais que nos últimos anos dedicaron esforzos a publicar libros sobre cinema experimental. Como unha chiscadela de ollo cómplice ás súas últimas referencias, nesta sesión poderemos ver películas a propósito destes libros; é así como presenciaremos a última serie de Bouquets, de Rose Lowder, ao fío do libro Rose Lowder Bouquets, compilado por Scott Hammen desde a editorial parisiense Eyewash en 2023; tamén veremos unha pouco coñecida película de Narcisa Hirsch, a propósito do libro Una luz revelada: el cine experimental argentino, de Pablo Marín, editado por La vida útil. Jonas Mekas fai a súa aparición no programa traído a colación polos libros do lituano publicados pola arxentina Caja Negra. O labor editorial de Lumière no libro Horas iluminadas: Nathaniel Dorsky y Jerome Hiler, de Francisco Algarín Navarro e Carlos Saldaña, terán o seu espazo no programa como unha película de Hiler. Stereo Editions, que recentemente editou o libro Emotional Materials/Personal Processes, composto por entrevistas de Alberte Pagán a cineastas que visitaron o (S8) nos últimos anos, achará o seu eco no na obra dun destes cineastas, o canadense Phil Hoffman. Finalmente, veremos unha constelación de películas en Super 8 da alemá Helga Fanderl, cuxos procesos de traballo se atopan reflectidos no seu libro de artista Helga Fanderl: Konstellationen Super 8, editado por Hatje Cantz Verlag. 

DEEP1
Phil Hoffman, Canadá, 2023, 16mm a dixital, 15 min

Filmada ao longo de dous anos (2020-2022), na casa e fóra, Deep 1 é unha meditación diarística, revelada con flores e plantas e alterada con extractos de xacinto e liques. Animais alados e cuadrúpedes, salvaxes e domésticos, atravesan o cadro, marcado pola práctica artesanal. Rodada en Mount Forest (Ontario) e Dawson City (Yukon). (Phil Hoffman)

SEGURO QUE BACH CERRABA SU PUERTA CUANDO QUERÍA TRABAJAR
Narcisa Hirsch, Arxentina, 1979, super 8 a dixital, 27 min 

Narcisa realizou tres veces esta película. En 1974, en 1979 e en 2005. Esta é a versión do 79. Convida unha serie de mulleres, amigas, e fílmaas de fronte, en primeiro plano, sen son. Un tempo despois proxéctalles o Super 8 e estas mulleres teñen que lle falar á súa propia imaxe. 

BOUQUETS 31-40
Rose Lowder, Francia, 2014-2022, 16mm, 11 min

Os Bouquets 31-40 continúan a explorar, como os anteriores Bouquets, diferentes lugares que, por varias razóns, son ecolóxicos. Os que van do 31 ao 40 están en Francia, en Ardèche, Alpes-de-Haute-Provence, Tarn e Vaucluse, e tamén no Piamonte italiano. 

BAGATELLE II
Jerome Hiler, EUA, 1964-2016 , 16 mm, 16 min

A película xurdiu como unha serie de pequenas «bagatelas» que comprendían fragmentos de película dos meus primeiros anos en Nova York e no meu barrio de orixe en Queens, que era un nó ferroviario, ao longo dos anos e ata o presente. As divisións desapareceron nun só fluxo. Conservo o título e véxoo como un reflexo do seu uso na música clásica. Así, a película é á vez unha suite de momentos e unha vida nun intre. (Jerome Hiler)

3 IMPERFECT THREE IMAGE FILMS
Jonas Mekas, EUA, 1995, 16mm, 6 min

Unha serie de películas de tres imaxes «imperfectas» dos meus novos diarios fílmicos. (Jonas Mekas)

CONSTELLATION SUPER 8
Helga Fanderl, Alemaña, 2017-2021, super 8, 12 min

A cineasta Helga Fanderl ten un xeito peculiar de ensinar as súas películas. Ela mesma compón programas a partir das súas bobinas, que se poden ver como unha soa película cunha montaxe a dous niveis: a montaxe na cámara de cada unha desas bobinas e a que deriva da escolla e a orde que Fanderl lles dá nestas constelacións en Super 8. Nesta constelación, veremos as seguintes bobinas: 

  • Umlauftank/Circulation Tank, 2017 
  • Zootiere und Architekturen/Zoo Animals and Architectures, 2019
  • Schaukeln/Swings, 2022
  • Gespiegelt/Mirrored, 2017
  • Blütenbaum/Flowering Tree, 2017
  • Imkerschule/Beekeeper School, 2017
  • Pleinair-Fotos/Plein Air Photos, 2017
  • Mimosen im Wind/Mimosas in the Wind, 2017
  • Spielende Hunde/Playing Dogs, 2021