A SECCIÓN SINAIS DO (S8) CONSOLÍDASE COMO FARO E GUÍA PARA A CREACIÓN DA NOVA VANGARDA CINEMATOGRÁFICA

Mai 18, 2023 | Destacados, Novas

  • Poñemos o foco nunha vintena de cineastas do ámbito galego, estatal e portugués que cuestionan os parámetros tradicionais do cine experimental actual. 
  • Nesta XIV edición do (S8) proxectaremos en primicia as pezas resultantes das Bolsas eSe8_LAB e a Residencia BAICC. 

WHITE SCREEN (FOR AMY HALPERN) (2022), Deneb Martos e Pablo Useros

Viaxe a un mundo propio é o resultado da nosa selección de filmes para a sección Sinais nesta XIV edición do (S8). Un espazo que volve converterse nun faro para as e os creadores do panorama galego, estatal e portugués que rompen cos parámetros do cinema experimental, e que serve tamén como reflexo do rico relevo xeracional que está experimentando a arte cinematográfica de vangarda a nivel peninsular.  

Serán un total de 21 as obras que formarán parte de Sinais. Filmes que se presentan como un espazo de busca e abstracción de cineastas que crean desde o pequeno, pero co foco posto nas grandes cuestións humanas. Unha viaxe a un mundo propio, como aquel que debuxaba Urbano Lugrís, o protagonista da nosa imaxe nesta edición de 2023. 

A auga, tema recorrente da pintura de Lugrís, e o seu devir -literal ou metafórico- servirán de fío condutor da primeira sesión de Sinais. Un programa que suporá a estrea das seguintes pezas: 2023, de Olmo e Rodolfo Cuña, LX VISAGES, de Céline Latil; ULÍA, de Laura Moreno; ENTRE L’ESPILL I EL RIU, de Natalia Rabaneda; e FRACTURA, de Biviana Chauchi. Ademais, veremos as últimas obras de Claudia Pineda, O AMOR É ÁGUA QUE CORRE; e de Rita Morais, Há Ouro Em Todo o Lado, e proxectaremos en primicia o traballo en curso de Sofía Hansen, MUESTRARIO

O AMOR É ÁGUA QUE CORRE (2022), Claudia Pineda | Há Ouro Em Todo o Lado (2023), Rita Morais

O surrealismo de Lugrís e a súa capacidade para a abstracción impregnan a segunda parte de Sinais, que comezará coa estrea de FIRE DON´T PLAY WITH FILM, de Carlos Baixauli.  LAS ÓRDENES, de Elisa Celda, ¡BU! (con admiración), de Gadea Burgaz con Juan Loriente, e OÍR FORMAS, de Leonor Serrano terán tamén o seu primeiro pase no (S8). Completan o segundo programa os filmes LIMINAL, de Alba Pérez, yDEVOCIONES, de Ángel Montero Vázquez e María Serna. 

FIRE DON´T PLAY WITH FILM (2023), Carlos Baixauli | OÍR FORMAS (2021), Leonor Serrano 

Na última sesión de Sinais, a protagonista será a memoria, aquela case mística na que as imaxes se volven máis relevantes ca nunca, ao máis puro estilo de Urbano Lugrís. O programa inclúe a estrea de WHITE SCREEN (FOR AMY HALPERN), de Deneb Martos e Pablo Useros; o último filme de Xacio Baño, CONTRA O INVERNO;  OH, UTE!, de Lucía del Valle, e tamén poderemos ver as primeras imaxes do traballo en curso de Carlos Vásquez AÑO CERO. BLOOM, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, ¿SE PUEDE DELETREAR LA HOJA?, de Valentina Alvarado, e CORPÚSCULOS, de Laura Ibáñez completan a selección do (S8) para este terceiro programa de Sinais.  

¿SE PUEDE DELETREAR LA HOJA? (2022), Valentina Alvarado | BLOOM (2023), Helena Girón e Samuel M. Delgado

Sección Paraíso: as facultades de Belas Artes, xerme do futuro cine experimental 

A sección Paraíso, o espazo do (S8) que concentra o futuro do cinema experimental a través da participación de alumnas, alumnos e docentes de Belas Artes, dá un salto cualitativo nesta XIV edición da Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña. Estarán presentes a Universidade de Vigo, guiada pola cineasta Xisela Franco, e a Universidade de Salamanca, da man da investigadora e programadora de cine Laura Gómez Vaquero. A elas súmase este ano Albert Alcoz, en representación da Universitat de Barcelona, e profesorado de academias de Belas Artes de Italia. Ademais, como peche á sección Paraíso este 2023, celebraremos un encontro internacional entre todas as persoas participantes e unha selección de profesionais do cine que ofrecerán asesoramento sobre os traballos en proceso do alumnado. Un espazo que busca inspirar e achegar novas vías no proceso de profesionalización das e dos xóvenes creadores. 

Desbordamientos: estrea das performances resultantes da Residencia Artística BAICC e as Bolsas eSe8_LAB

Fiel ao seu obxectivo de potenciar o talento emerxente e a proxección de novas e novos cineastas, a sección Desbordamientos do (S8) estreará as film performances resultantes dos proxectos desenvolvidos no contexto das Residencias Artísticas en Toronto (Canadá) e as Bolsas eSe8_LAB:

– Torontontero, de Álvaro Feldman, o proxecto gañador da sexta edición de BAICC. Un traballo creativo iniciado nas instalacións do LIFT en Toronto, que o propio autor define como a súa particular “rumba canadiense”. 

Todo va a fallar, unha obra de Helena Estrela, desenvolvida no Baltic Analog Lab de Riga (Letonia) grazas ás Bolsas eSe8_LAB en 2022. Un proxecto sobre os retos que aborda unha artista durante unha residencia nun espazo de traballo diferente ao habitual e de como aproveitar todo iso para explorar novas metodoloxías e procesos creativos.

– As time bends, de María Pipla, unha proposta desenvolvida tamén grazas ás Bolsas eSe8_LAB en Riga, que parte do interese da autora pola experiencia do tempo fílmico e por construír o efecto da cámara lenta. 

Os tres proxectos proxectaranse en primicia mundial na XIV edición do (S8) nos seus formatos orixinais Super 8 e 16 mm. 

Torontontero, Álvaro Feldman | Todo va a fallar, Helena Estrela | As time bends, María Pipla

Na súa aposta polo descubrimento de creacións auténticas feitas para gozar cos cinco sentidos, Cervezas Alhambra volve colaborar co festival que forma parte de Momentos Alhambra. Un ano máis, durante a sección “Desbordamientos” poderán maridarse as súas variedades coas mellores propostas artísticas e culturais. A marca presta así o seu apoio ao (S8) no marco do seu compromiso por impulsar a cultura e a promoción de experiencias únicas.

Apoios do (S8)

A XIV do (S8) Mostra de Cinema Periférico está organizada pola Asociación Cultural eSe8 e conta co apoio do Concello da Coruña, o Consorcio de Turismo e Congresos, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane. Tamén, conta coa colaboración de Afundación Obra Social ABANCA. 

Ademais, a invitación para a participación de Barbara Sternberg, Hangjun Lee, Enrico Camporesi, Jessica Sarah Rinland, Helena Gouveia e Scott Hamen nesta edición do (S8) foi posible grazas ao Programa de Acción Cultural Española (AC/E) para a Internacionalización da Cultura Española (PICE), na súa modalidade de visitantes, que facilita que as entidades e institucións culturais españolas conten nas súas actividades e programas coa presenza en España de profesionais prescriptores culturais internacionais, a fin de coñecer de maneira directa e persoal a oferta creativo-cultural española. 

As Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica – BAICC xorden da colaboración entre o (S8), Acción Cultural Española (AC/E) e LIFT-Liaison of Independent Filmmakers of Toronto. Están co-financiadas pola Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais.

As Bolsas eSe8_LAB están financiadas pola Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais, grazas ás axudas a Laboratorios e Incubadoras de Creación e Desenvolvemento de Proxectos Audiovisuais. Contan coa colaboración do BALTIC ANALOG LAB (BAL) de RIGA. 

As imaxes de Urbano Lugrís pertencen á Colección de Arte ABANCA e o seu uso foi posible también grazas á colaboración da familia do artista e da Asociación Cultural O Mural. 

PUBLICACIÓNS RECENTES