REUNIMOS AS PRINCIPAIS EDITORIALES DE CINEMA DE VANGARDA NO OBSERVATORIO

Mai 22, 2023 | Destacados, Novas

  • Ademais, o encontro profesional irá acompañado dun programa no que proxectaremos filmes a propósito dos libros que as editoriais presentarán no (S8). 
  • Dedicaremos un programa in memoriam de Paolo Gioli e unha carta branca á recoñecida distribuidora de cine experimental Light Cone

No Observatorio do (S8), o apartado profesional da Mostra Internacional de Cinema Periférico, poñemos o foco este ano no traballo das editoriais que inmortalizan, a través da escritura, a historia do cinema experimental e dos seus cineastas. Será mediante un encontro, Dar fe: como editar libros sobre cine experimental hoxe, no que participarán axentes que abarcan diferentes ámbitos, desde a edición artesanal aos libros de artista, ou desde libros historiográficos a compilación de escritos e entrevistas. 

En concreto, pasarán polo (S8) a editorial parisina Eyewash Books, comandada por Scott Hammen;  as arxentinas La Vida Útil, da man de Lucía Salas, e Caja Negra, con Pablo Marín; a revista española Lumière, con Francisco Algarín á cabeza; e o colectivo editorial con sede en Irlanda-Francia Stereo Editions, coa presenza de Helena Gouveia Monteiro. Tamén, a editorial alemá Hatje Cantz, a quen convidamos a participar na Mostra pola recente publicación do libro Helga Fanderl. Konstellationen Super 8, que presentará no (S8) a propia cineasta Helga Fanderl.

Ademais do encontro, no Observatorio acolleremos o programa Libros a propósito de películas, películas a propósito de libros, cunha selección de filmes incluídos nalgún dos libros publicados polas editoriais participantes. 

Bagatelle II (1964-2016), Jerome Hiller. Libro Horas iluminadas: Nathaniel Dorsky y Jerome Hiler, editorial Lumière | CONSTELLATION SUPER 8 (2017-2021), Helga Fanderl, editorial Hatje Cantz.

Mesa Proxecta: a sustentabilidade nos festivais

Outra das actividades que incluímos no Observatorio deste XIV (S8) será a “Mesa Proxecta: a sustentabilidade nos festivais”. Un encontro que porá o foco no impacto no medio ambiente, na poboación e na economía dos festivais, así como nas medidas que se están aplicando desde o sector en favor de eventos cada vez máis sustentables. Participarán representantes de FICBUEU – Festival Internacional de Cinema de Bueu e a Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, dous dos festivais integrados en Proxecta – Coordinadora Galega de Festivais de Cinema; ademais de representantes do Festival Sinsal e a coordinadora do Pacto Cultura Sustentable de Galicia, María Baqueiro

Programas especiais: Paolo Gioli in memoriam e carta branca a Light Cone 

Nesta XIV edición de la Mostra, contaremos tamén con dous programas moi especiais. O primeiro deles, unha sesión in memoriam dedicada ao cineasta e fotógrafo italiano Paolo Gioli, falecido o ano pasado. Un programa comisariado e presentado por Enrico Camporesi, responsable de investigación e documentación no departamento de arquivo cinematográfico do Musée National d’Art Moderne – Centre Pompidou, que afondará na obra dun inspirador cineasta recoñecido a nivel internacional polas súas investigacións artísticas, fotográficas e de cinema experimental. Desde os anos 70, Gioli aplicou ao cine técnicas primitivas de fotografía, tales como as cámaras estenopeicas, que chegou a fabricar utilizando cascas de noz, cunchas ou galletas. Construíndo os seus propios dispositivos, ou usando “de maneira incorrecta” as ferramentas e materiais do cine, xerou unha das obras máis importantes do patrimonio cinematográfico mundial. 

Filmarilyn (1992), Paolo Gioli

Tamén nesta edición, queremos achegar o traballo das grandes distribuidoras de cine experimental. Este ano, poñemos o foco en Light Cone, unha lendaria distribuidora de cine con sede en París, que funciona como unha cooperativa de cineastas sen ánimo de lucro, e que fixo posible que o cine de vangarda nos seus formatos orixinais chegue a todos os recunchos de Europa. Despois de corenta anos de existencia, Light Cone ten unha colección que abarca máis de 6.000 filmes, realizados desde 1900 ata a actualidade por máis de 900 artistas e cineastas experimentais de todas as nacionalidades. O (S8) dedicará un programa completo a esta institución referente a través dunha carta branca que preparou o seu encargado de distribución, Miguel Armas. Unha sesión na que poderán verse once filmes que dan fe da diversidade temporal, nacional e estilística da colección, utilizando como fío condutor o uso da color no cine.

TRIAL BALLOONS (1982), Robert Breer

Apoios do (S8)

A XIV do (S8) Mostra de Cinema Periférico está organizada pola Asociación Cultural eSe8 e conta co apoio do Concello da Coruña, o Consorcio de Turismo e Congresos, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane. Tamén, conta coa colaboración de Afundación Obra Social ABANCA. 

Ademais, a invitación para a participación de Barbara Sternberg, Hangjun Lee, Enrico Camporesi, Jessica Sarah Rinland, Helena Gouveia e Scott Hamen nesta edición do (S8) foi posible grazas ao Programa de Acción Cultural Española (AC/E) para a Internacionalización da Cultura Española (PICE), na súa modalidade de visitantes, que facilita que as entidades e institucións culturais españolas conten nas súas actividades e programas coa presenza en España de profesionais prescriptores culturais internacionais, a fin de coñecer de maneira directa e persoal a oferta creativo-cultural española. 

As Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica – BAICC xorden da colaboración entre o (S8), Acción Cultural Española (AC/E) e LIFT-Liaison of Independent Filmmakers of Toronto. Están co-financiadas pola Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais.

As Bolsas eSe8_LAB están financiadas pola Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais, grazas ás axudas a Laboratorios e Incubadoras de Creación e Desenvolvemento de Proxectos Audiovisuais. Contan coa colaboración do BALTIC ANALOG LAB (BAL) de RIGA. 

As imaxes de Urbano Lugrís pertencen á Colección de Arte ABANCA e o seu uso foi posible también grazas á colaboración da familia do artista e da Asociación Cultural O Mural. 

PUBLICACIÓNS RECENTES